Museo do Pobo Galego: corenta anos dun milagre de país

Asistentes á celebración do 40º aniversario do Museo do Pobo Galego © Xunta

O 29 de outubro de 1977 o antigo convento de San Domingos de Bonaval, titularidade do Concello de Santiago en virtude da desamortización de 1835 abría tres das súas salas como primeiro xermolo do Museo do Pobo Galego, que vellos e mozos galeguistas impulsaban dende un ano antes coa intención de facer revivir o proxecto museográfico ao que aspirara o antigo Seminario de Estudos Galegos. Este sábado Bonaval vestiuse de festa para celebrar que, corenta anos despois, o Museo segue adiante mantendo intacto o seu modelo independente de preservación da cultura e a identidade galega. Un pequeno milagre de país que precisa de máis mans para manterse, medrar e gañar o futuro.

O padroado actualmente dirixido polo historiador Justo Beramendi recibiu as principais autoridades do país con ledicia, pero sen obviar a reivindicación nin esquecer as necesidades da institución que, entre outros moitos, exerce o labor do museo nacional anunciado varias veces na historia da autonomía, mais nunca constituído dende os poderes públicos. Algunhas desas necesidades teñen que ver coa propia andaina vital de quen terman do MPG, cómpre unha "remuda xeracional". Pero outras son máis tanxibles e poden emendarse con apoio loxístico e económico a unha museo que segue a ter nas persoas e entidades asociadas o seu piar fundamental.

Xuntanza do primeiro padroado do Museo en 1977 © Museo do Pobo Galego

"Custounos vinte e cinco anos instalar un ascensor e seguimos sen calefacción nin climatización", exemplificou Beramendi este sábado. As infraestruturas do vello edificio precisan anovación e "o mesmo acontece cos recursos humanos"; "temos un cadro de persoal manifestamente insuficiente para as dimensións do museo" e isto ten consecuencias directas sobre as súas actividades. Por exemplo, as salas máis recentes, as da área sur do complexo, "non están abertas ao público de xeito normal porque non podemos contratar máis vixiantes".

O padroado do Museo resalta que lle cómpre unha "remuda xeracional" e máis recursos

A renovación do proxecto museográfico e o reforzo infraestrutural dos espazos expositivos de Bonaval foron esixencias das que o presidente da Xunta dixo tomar nota durante o seu discurso no acto. Segundo Alberto Núñez Feijóo o Museo do Pobo "non é de ninguén e é de todos", porque "a visión dos seus impulsores levounos a facer propietario del a todo o pobo galego". o Goberno, asegura, estará "comprometido" xunto ao resto de institucións que apoian o MPG "coa súa ampliación" e, concretamente, coa creación dunha "sección de historia contemporánea e autonómica de Galicia".

Unha das salas da exposición permanente do Museo, dedicada aos oficios do mar Dominio Público MPG

A necesidade dun "apoio institucional estable" foi apoiada tamén polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, quen non obstante salienta que sería "desexable unha maior implicación da sociedade civil". As persoas asociadas e quen exercen o voluntariado como apoio ao MPG son todo un "exemplo", di o xefe do lexislativo. "Como galegos -resalta- estamos moralmente obrigados a apoiar o Museo do Pobo galego" e esta "obriga" é "acentuada" para "as persoas que temos a honra de desempeñar responsabilidades políticas".

"Máis da metade das pezas son doazóns particulares, froito da creación colectiva"

Esa "emerxencia dende a sociedade civil" do propio Museo foi na que puxo o foco no seu discurso o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen ve no MPG un "labor fundamental" na memoria colectiva do país. Este espazo, coida Noriega, é "un dos símbolos de Compostela", orgullosa da "diversidade" que se manifesta no feito de que "a metade das pezas que aquí se atopan son doazóns particulares, froito da creación colectiva de homes e mullleres". Nisto incidiu tamén a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que ve no MPG un "extraordinario espazo para construír a nosa memoria colectiva".

No marco das actividades do cadraxésimo aniversario o Museo do Pobo Galego organiza, ata o 3 de novembro, xornadas especiais de portas abertas con aceso libre das 11 da mañá ás oito da tarde nas que as persoas que o desexen poden ser acompañadas por persoal e membros do padroado. Ademais dos eventos organizados no propio recinto o programa do aniversario inclúe tamén acordos con outras entidades como a Asociación PuntoGal, que ofrece unha promoción especial na adquisición do dominio galego en internet.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.