Praza Pública

Unha ducia de razóns para visitar o Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo celebra o vindeiro 29 de outubro o seu 40 aniversario. Catro décadas nas que a entidade que ocupa o antigo convento de San Domingos de Bonaval se consolidou como unha visita obrigada para galegos e non galegos, para todos aqueles e aquelas que queiran afondar na historia, tradicións e forma de vida do país. O Museo, ademais, actúa como un importante centro cultural, acollendo outras exposicións, actos e presentacións. Veñan 40 anos máis!

  1. 01

    O propio edificio

    A fundación do antigo convento de Bonaval atribúese a San Domingos de Guzmán, que segundo a tradición no ano 1219 peregrinou a Santiago. O inmoble, máis aló do museo, ben merece unha visita, na que é obrigado pasar pola Igrexa de San Domingos, onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres, cos enterramentos de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey, Domingo Fontán e Castelao.

  2. 02

    A tripla escaleira helicoidal

    Un dos símbolos do Museo do Pobo Galego é a tripla escaleira helicoidal deseñada por Domingo de Andrade, un dos elementos singulares do patrimonio arquitectónico de Compostela. 

  3. 03

    A colección etnográfica do Museo

    A colección do MPG está constituída principalmente por fondos etnográficos, aínda que tamén recolle obxectos arqueolóxicos e artísticos. Actualmente supera os 11.500 rexistros e segue medrando grazas á colaboración de particulares e entidades

  4. 04

    Saber de onde vimos para saber onde imos

    O Museo conta con salas permanentes dedicadas ao mar, aos oficios, ao campo, ao traxe, á música, ao hábitat e a arquitectura, á sociedade e á prensa e a imprenta. Nelas poderemos ver, por exemplo, unha boa selección de traxes tradicionais.

  5. 05

    Usos e costumes

    Un pobo, ao cabo, son as súas festas. O museo acolle tamén unha boa representación de xogos, instrumentos musicais e elementos das celebracións populares, por exemplo das indumentarias típicas do Entroido en distintos puntos de Galicia

  6. 06

    Arte

    O Museo conta tamén cun interesante fondo pictórico e escultórico, con obras de Fernando de Sotomayor, Francisco Asorey ou Camilo Otero

  7. 07

    Arqueoloxía

    Son abundantes tamén os restos arqueolóxicos expostos: elementos megalíticos, castexos ou romanos polos que se pode facer un percorrido polos pobos que ao longo do tempo foron habitando estas terras.

  8. 08

    Exposicións temporais

    Ademais da colección e exposición permanente, o Museo acolle exposicións temporais. Neste momento e ata final de ano pódese visitar Barrio de San Pedro, Porta do Camiño, unha mostra que celebra os máis de trinta anos de boa veciñanza entre o Museo do Pobo e o barrio que o acolle. A través de fotografías e outros elementos fai unha panorámica sobre a historia e a vida do barrio de San Pedro.

  9. 09

    Biblioteca e arquivo

    O Museo do Pobo Galego non só se encarga de expor unha serie de elementos de valor histórico e etnográfico, senón que ten outras funcións sociais e ofrece numerosos servizos á cidadanía. Conta cun Departamento de Conservación que custodia as coleccións, debidamente catalogadas e clasificadas, velando pola súa conservación e poñéndoas a disposición da investigación. E tamén cunha completa Biblioteca e Arquivo Documental especializados en antropoloxía, museoloxía e cultura galega

  10. 10

    "Teño unha peza"

    O Museo organiza outras actividades de forma periódica: simposios, conferencias, debates, cursos..., que se poden consultar na súa web. Tamén un completo pograma escolar dirixido a rapaces e rapazas de Infantil e Primaria. Entre estas actividades podemos destacar o ciclo Teño unha peza, que vén desenvolvendo nos últimos meses para celebrar precisamente o seu 40 aniversario. Convócase o público, unha vez ao mes, a un coloquio cun persoeiro representativo da cultura, a ciencia, a política, o deseño, o teatro ou o periodismo en Galicia, que escolle unha peza das moitas que acolle o museo e fala sobre ela. O 19 de outubro será a quenda da eurodeputada Lidia Senra, que escolleu unha fouce.

  11. 11

    A MICE

    Todos os anos dende hai máis dunha década celébrase en Compostela a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), impulsada polo Museo do Pobo Galego. Na última edición foron 16 os filmes que competiron e que se puideron ver no propio Museo e tamén no Salón Teatro e o Teatro Principal.

  12. 12

    E para rematar...

    E para rematar a visita polo Museo do Pobo, podemos achegarnos polo anexo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Do tradicional ao postmoderno, para visitar as súas instalacións. Ou tamén podemos dar un paseo polo Parque de Bonaval, que comeza ás portas de ambos os dous centros culturais. Un bo lugar para se perder, en calquera estación do ano.