Mulleres á fronte! Unha investigación participativa documenta creadoras musicais entre as migrantes de Galicia e Cabo Verde

Integrantes de Batuko Tabanka © Batuko Tabanka

O proxecto comeza cunha primeira fase de mapeamento que se desenvolve en simultáneo en Cabo Verde e Galicia e que conta cunha páxina web na que as persoas interesadas poden inscribirse para participar no estudo

No contexto do movemento riot grrrl, no que nos anos noventa participaron un gran número de bandas de punk e rock lideradas por mulleres, fíxose célebre o berro de "Girls to the Front", que reclamaba (metafórica e literalmente) un espazo protagonista para as mulleres enriba dos escenarios, despois de décadas de monopolio masculino que no mellor dos casos relegaba as artistas a un papel secundario. 

Seguindo este mesmo espírito, está a poñerse en marcha o proxecto ‘Mulleres á fronte dende o Sur Global. Investigación e intervención participativa en materia de desenvolvemento e igualdade a través da música’, coordinado pola antropóloga e profesora da Facultade de Humanidades do Campus Terra de Lugo, Luzia Oca González.

Trátase dunha iniciativa inspirada na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’ de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica

Trátase dunha iniciativa inspirada na experiencia do grupo de mulleres de orixe caboverdiana ‘Batuko Tabanka’ de Burela, e na potencialidade do xénero musical do batuko, tradición cultural na illa de Santiago, onde existen decenas de grupos de mulleres unidas pola súa práctica. 

Estas experiencias están a servir como referencia para identificar entre o colectivo de mulleres migrantes en Galicia, aquelas relacionadas coa creación e transmisión musical (de maneira profesional ou amateur; como cantantes, instrumentistas, compositoras...) e outras artes escénicas (teatro, danza, circo). O proxecto está financiado pola Cooperación Galega, e que tamén conta coa participación de UDC, UVigo e a ONG Ecos do Sur.

O consorcio quere apoiar, deste xeito, o proceso de valorización do batuko que se está a desenvolver en Cabo Verde, contando coa colaboración e apoio do Instituto de Igualdade e Equidade de Género e a Organização de Mulheres de Cabo Verde

O proxecto comeza cunha primeira fase de mapeamento que se desenvolve en simultáneo en Cabo Verde e Galicia e que conta cunha páxina web na que as persoas interesadas poden inscribirse para participar no estudo. Deste xeito, créase unha base de datos de grupos de batukadeiras nas localidades do municipio de Ribeira Grande de Santiago, ao tempo que en Galicia se realiza outro rexistro de mulleres migrantes implicadas na música e outras artes escénicas, para crear unha cartografía que as identifique e recolla as súas experiencias e propostas. 

O obxectivo xeral do proxecto é desenvolver, a partir dunha investigación participativa, unha ferramenta metodolóxica aplicada para a intervención en materia de igualdade de xénero a través das expresións artísticas con mulleres migrantes.

A investigación "pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social”

A profesora Oca González explica que se trata dunha investigación aplicada en materia de cooperación ao desenvolvemento "que pon o foco nas mulleres vinculadas coa música e outras artes escénicas, con base na potencialidade das artes en canto ferramentas de intervención para a transformación social”.

O conxunto dos datos recollidos integrará un arquivo dixital cos recursos e creacións musicais dos grupos de batukadeiras do municipio de Ribeira Grande de Santiago, coa vontade de ser ampliado posteriormente ao resto da illa e comunidades migrantes. O consorcio quere apoiar, deste xeito, o proceso de valorización do batuko que se está a desenvolver en Cabo Verde, contando coa colaboración e apoio do Instituto de Igualdade e Equidade de Género e a Organização de Mulheres de Cabo Verde.

Crearase un podcat en colabocación con Cuac FM, haberá unha editatona para incorporar na Wikipedia as referencias a estas artistas e grupos e celebrarase un encontro final coas participantes

Nunha segunda fase celebrarase unha xornada de autodiagnose en torno ás experiencias, dificultades, problemáticas, necesidades, potencialidades das mulleres creadoras. Ademais, realizarase unha editatona para incorporar na Wikipedia as referencias a estas artistas e grupos. Así mesmo, crearase un podcast para difundir os traballos destas mulleres migrantes artistas, en colaboración con Cuac FM. Finalmente, terá lugar un encontro coas participantes do mapeo.

O proxecto permite revisar de forma crítica, xunto cos grupos de mulleres (batukadeiras e migrantes), “cuestións vinculadas ás relacións e desigualdades de xénero, propondo a construción de alternativas igualitarias que faciliten os procesos de cambio social no camiño da igualdade de xénero”

O proxecto permite revisar de forma crítica, xunto cos grupos de mulleres (batukadeiras e migrantes), “cuestións vinculadas ás relacións e desigualdades de xénero, propondo a construción de alternativas igualitarias que faciliten os procesos de cambio social no camiño da igualdade de xénero”, detalla a profesora Oca. 

Outro dos obxectivos é capacitar os grupos de batukadeiras e migrantes "para que difundan as súas creacións de forma independente, tanto a través do arquivo como por outros medios dixitais", alén de propiciar o xurdimento de estratexias individuais ou colectivas de superación das desigualdades e violencias que sofren as mulleres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.