Neste ano 2023 fai 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, unha novela escrita por Baltasar Lopes da Silva uns anos antes pero que viu a luz en 1947. A obra marcou o inicio da literatura cabo-verdiana, cubrindo temas locais e da cultura crioula no contexto dun movemento máis amplo, coñecido como Claridade, no que participaban Manuel Lopes e Jorge Barbosa ademais do propio Baltasar Lopes.
Neste 2023 fai 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, novela escrita por Baltasar Lopes da Silva. Para conmemorar a efeméride, este martes Burela acolleu unha lectura pública da obra
Para conmemorar a efeméride, este martes Burela acolleu a celebración do primeiro 'Día da Literatura Cabo-Verdiana' nun escenario inmellorable, dada a importancia da comunidade caboverdiana na localidade. A partir das dez da mañá comezou na biblioteca do IES Perdouro unha lectura continuada de Chiquinho a cargo de duascentas persoas, entre as que se atopaban os alumnos e alumnas do centro. Na inauguración participaron unha estudante, a profesora de Lingua Portuguesa, o alcalde de Burela -Alfredo Llano- e a Conselleira da Embaixada de Cabo Verde, Odete Alves.
O proxecto de intervención educativa Modelo Burela destaca que "por primeira vez na historia, o máis universal dos nenos cabo-verdianos falou en público no seu idioma propio: o cabo-verdiano, resultado da síntese do galego-português e das línguas africanas dos poboadores do arquipélago". As palabras do discurso foron preparadas para a ocasión por Edilson Sanches Tavares, estudante de Linguas Modernas na Universidade de Santiago, e por Noemy dos Reis Cardoso Borges, a estudante encargada de abrir o encontro poñendo voz a ese fragmento.
A lectura tivo unha duración de oito horas nas que Burela se converteu "na capital cultural da expresión galego-lusófona", destaca Modelo Burela.
A lectura tivo unha duración de oito horas nas que Burela se converteu "na capital cultural da expresión galego-lusófona", destaca Modelo Burela
No acto tamén interviron o escritor Séchu Sende, estreitamente interesado na literatura africana desde a etapa da adolescencia; un grupo de alumnos e alumnas do Instituto Marco de Camballón, de Vila de Cruces; a politóloga Susana Basanta; Natalia Irimia, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do Instituto Perdouro; e o profesor Lourenço Gomes, da Universidade de Cabo Verde, que falou a través dunha videoconferencia.
A través de vídeos tamén se escoitou a voz de Christian Salles, do Río de Janeiro, un historiador brasileiro moi activo nas redes de comunicación no espazo galego-lusófono e con longa traxectoria de colaboración coa intervención educativa Modelo Burela. E tamén a da profesora e escritora Laura Ramos Cuba, formada nas aulas do Instituto Perdouro.
As dúas últimas lecturas corresponderon a María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, e Francisco Pereira, deputado do Parlamento de Cabo Verde, que viaxou expresamente a Burela para participar nesta celebración
Un dos momentos máis especiais tivo lugar ás tres da tarde, cando o Chiquinho reuniu na mesma mesa dúas autoridades da cultura en Burela: Rocío Rivera Seara, da Asociación Cultural Ledicia; e Antonina Semedo, unha das fundadoras de Batuko Tabanka.
Entre as últimas persoas que participaron na lectura, ocupándose polo tanto de ler as derradeiras páxinas do libro, estiveron a futbolista Jozie, do Burela FS, o director de Edicións Positivas, Francisco Macías e en representación da USC as profesoras Helena González e Felisa R. Prado e Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía. As dúas últimas lecturas corresponderon a María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, e Francisco Pereira, deputado do Parlamento de Cabo Verde, que viaxou expresamente a Burela para participar nesta celebración.