A pasada fin de semana, Óscar Benito anunciaba que deixaba de presentar En Xogo, espazo deportivo da TVG que leva 40 anos en antena e que é o programa máis lonxevo do Estado, só por tras do Informe Semanal de TVE. A dirección dos medios públicos decidiu prescindir del —e mais de Luís Timiraos— logo de case dúas décadas á fronte e cando xa tiña preparada a nova temporada.
Botarao de menos, recoñece, aínda que di non ter "reproche ningún" por unha decisión que supón a perda do rostro máis recoñecible dos últimos vinte anos dun programa no que traballa desde 1990, ano no que entrou en prácticas na TVG e deu os seus primeiros pasos no En Xogo. Ata agora. Polo medio, un lote de experiencias, anécdotas e persoeiros do deporte co fútbol, sobre todo, como fío condutor. Sempre vinculado a un espazo que emitiu o seu primeiro capítulo nunha primeira xornada de 1985 na que no Celta xogaban Atilano, Alvelo, Baltazar ou Pichi Lucas e no Deportivo, José Luis, Vicente Celeiro ou Agulló.
Hai moita diferenza daqueles inicios na TVG a agora?
Moitísima e a todos os niveis. Montar os partidos era unha odisea: para unha repetición tiñas que ir a outra sala, agardar as cintas para facer os resumos... Logo cando chegaban tiñas que mirar todo o encontro. Hoxe en día non tes que velo todo, vas ao minuto e minuto e listo. Pero antes tamén ías ao campo, revisabas toda a cinta... A nivel humano, traballábase moito pero o ambiente era espectacular.
Con máis ilusión, se cadra?
Eramos máis novos, tiñas ilusión por todo: cando ías traballar, cando estabas a traballar e cando acababas e ías tomar algo con todos. Eramos como unha familia. Acolléronme extraordinariamente todos: Jorge Mariñas, Ovidio González, Xosé Durán, Manuel Pampín, Sergio Delpont... Nomes míticos que te recibían como un máis. Ao pouco de chegar estaba xa facendo partidos; era todo máis artesanal pero precioso.
A dirección da TVG prescinde de Óscar Benito no En Xogo logo de case vinte anos á fronte do programa máis lonxevo da televisión estatal, só por detrás de Informe Semanal
Había un contacto máis directo cos equipos e cos deportistas?
Por suposto. O primeiro que me ordenaron a min, ademais de facer cousas para En Xogo, foi seguir o Breogán. Estiven durante uns meses con eles por toda España, facendo entrevistas, o resumo do partido... Facías un pouco de todo e aprendías de xente como Ricardo Hevia ou Manel Sánchez. Logo pasei a cubrir a primeira temporada do Compostela en Segunda División. Viaxaba co equipo no autobús! Cos xogadores, con Caneda, co adestrador Fernando Castro Santos que tanto me axudou... Eran outros tempos.
Cre que se lle dá o mérito suficiente ao seguimento informativo que a TVG fai e sobre todo fixo sobre o deporte galego?
En xeral, si. Hai xente que non e co das redes sociais todo parece peor, pero eu acabo de anunciar que deixo En Xogo e sigo totalmente sorprendido da repercusión que tivo. A ver se nos vai ver máis xente da que pensabamos! (ri). É certo que nos primeiros anos non había tantas canles de televisión, tiñamos os dereitos do fútbol, dabamos os mellores partidos de Primeria e Pampín era unha celebridade que non podía pasear pola rúa... Eran outros tempos, claro.
Axudou o auxe do fútbol galego e doutras disciplinas naquelas épocas...
Faciamos un seguimento total dos equipos nun momento no que o fútbol e o deporte galego en xeral medrou moitísimo. Dáte de conta de que cando eu empecei a seguir equipos o Compos fixo unha gran temporada en Segunda, o Deportivo viña de regresar a Primeira... E logo chegou todo o que chegou, co gran Celta en Europa ou a época gloriosa do Deportivo... Os anos 90 foron unha barbaridade, polo que faciamos e polo éxito de tantos clubs. Colleunos unha época boa do deporte pero tamén da televisión porque faciamos de todo e en todos lados. Viaxei a Islandia ou Dinamarca co Pilotes Posada, por exemplo. Fun co Deportivo ao Maracaná no Brasil... Páraste a pensar e non se parece en nada ao de agora. Son outros tempos para outros medios e tamén para a TVG.
"Os anos 90 foron unha barbaridade; polo éxito do deporte galego e polo que podiamos facer na TVG"
A quen se lle conte que viaxaban durante horas no mesmo autobús que un equipo profesional...
É que non o cres. Iamos dous ou tres xornalistas e ao club non lle importaba nada. Podías falar con eles do que quixeses, pero con todos os equipos. Agora para facer unha entrevista con alguén do Deportivo ou do Celta case tes que mandar unha instancia ao Tribunal Constitucional. Antes, por exemplo, precisabas unha entrevista con Bebeto, chamábalo, non lle pedía permiso a ninguén e quedabas onde puideses. Era así de sinxelo.
E agora?
Hai futbolistas importantes de equipos galegos que queren ou quixeron vir ao En Xogo e que non poden porque as xefaturas de prensa o impiden. É algo que sempre me chamou moito a atención porque son futbolistas que son suficientemente relevantes como para facer o que queiran... Pero eu tamén os entendo. Cambiou para mal, pero en todo. Ti agora vas retransmitir un partido do que tes dereitos e non podes preguntar case nada.
E antes podía falar mesmo con Maradona sen pasar por filtro ningún.
Era así. Cando Maradona xogou en Riazor, pasou pola sala de prensa pero eu estaba ocupado noutras entrevistas fóra. Cando sae, pídolle que me responda a un par de cuestións e acaba accedendo sen moito problema. E pasaba con el ou con Cruyff. Naqueles tempos non había tanto problema.
"En Xogo é un programa supervivente, cun formato estable, centrado en falar de fútbol e fuxindo de todo o que agora está de moda"
Vén de anunciar que deixa de presentar En Xogo, con 40 anos de historia e sendo o programa máis lonxevo da televisión no Estado só por tras de Informe Semanal...
En Xogo é un supervivente. Na súa primeira etapa era doado de facer porque tiñas os dereitos dos partidos. Traballabas moito pero podías con todo. Co paso dos anos fóronse perdendo dereitos, houbo moitas trabas, non podes emitir resumos a determinadas horas porque hai que agardar a que acabe a xornada... E iso moitas veces a xente non o sabe. Foise facendo máis complicado. Pero é un programa supervivente, cun formato estable, centrado en falar de fútbol e fuxindo de todo o que agora está de moda.
E non lles foi mal, non si?
Creo que foi ben durante todo este tempo, que son moitos anos. As audiencias eran o que eran e son o que son e todos estes anos fomos na segunda canle da TVG e agora pasará á primeira. Agardo que continúe sobrevivindo e que a xente siga interesándose polo En Xogo, sexa o formato que sexa.
"Non esperaba que prescindisen de min porque estabamos preparando a nova temporada; claro que me gustaría seguir pero non teño reproche ningún"
Vaino botar de menos?
Si porque estaba moi a gusto, gustábame moito e levaba vinte anos. Cando levas vinte anos facendo unha cousa pensas en como te vas adaptar pero seguro que o fago porque vou seguir traballando en cousas que xa facía. Pero tamén pensas nos espectadores porque están afeitos a verte; de principio vanse estrañar pero dentro de dous meses estarán xa acostumados, afeitos aos novos rostros e gozando seguro co En Xogo porque En Xogo non creo que morra nunca. Son 40 anos e é imposible que morra, xa pode ser cuns dereitos ou con outros, cunha xente ou con outra... Vai seguir.
Esperaba que prescindisen de vostede para o programa?
Non o esperaba porque de feito estabamos preparando esta nova temporada e todo estaba máis ou menos falado cos responsables. Polo camiño houbo unha decisión moi respectable da empresa de prescindir de min, de cambiar de presentadores en Informativos e Deportes e tamén no En Xogo. É unha aposta perfectamente respectable, agardo que saia ben e xa está. Estou encantado de facer outras cousas como xa estaba facendo, aínda que a xente só me vise neste programa porque era cando saía en pantalla: novas para o Telexornal, retransmisións deportivas, montaxes...
Ten algún reproche?
Ningún. Igual que podería reprochar eu, outro pode reprochar que estivese vinte anos facendo o mesmo. Claro que estaba encantado e claro que me gustaría seguir, pero entendo os cambios porque todo evoluciona. É certo que na TVG temos un certo problema de falta de xente nova porque hai moitas persoas que levan moitos anos e igual de cando en vez mudar os rostros é algo que hai que facer. Neste caso tócame respectar totalmente a decisión.
"A xente é a que manda"
En Xogo sempre renegou de novos formatos no xornalismo deportivo que agora son moi habituais, con debates interminables e cun xornalismo de bufanda que vostede sempre criticou. Por que cre que triunfa este modelo?
Triunfa porque programas como El Chiringuito triunfaron. É así. Mesmo entre algúns aos que non lles gustan pero que o ven se son do Barça e perde o Madrid ou viceversa porque ten moito morbo... E podo entendelo. Hai programas que enchen horas e horas sobre fútbol sen ter imaxes dos partidos porque non teñen os dereitos. Ten o seu mérito e hai oco para todo o mundo, igual que o había para o En Xogo tradicional. Que agora evoluciona? Pois veremos como porque se cadra tamén gaña o seu oco e pasa a ser un gran programa. A min que me gusta? O Estudio Estadio de hai anos, centrado nos resumos da xornada de Liga... Tamén me gustaba moito nos seus inicios Canal Plus, El Día Después... Pero a xente é a que manda e hai moita á que tamén lle gustan os faladoiros da radio onde se pasan horas berrando. Hai sitio para todos.
É paradoxal porque hai programas deportivos onde se acaba falando cada vez menos do que ocorre no campo ou na cancha.
Iso é o que procuramos evitar sempre no En Xogo, por iso sempre buscamos ter xente con experiencia no fútbol para poder comentalo, como no caso de Dani Mallo e Roberto Lago nos últimos anos, explicándonos cousas que ti non ves pero que eles si porque o viviron en primeira persoa e durante moitos anos. Centrámonos nos resumos e goles das principais categorías e creo que funcionou ben.
A fidelidade a un estilo e formato foi a clave do En Xogo?
Creo que si. A proba é que son 40 anos de emisión e a xente séguenos vendo e téndonos como referencia do fútbol galego. Estes días estou tendo innumerables mostras de cariño e agradecemento polo labor a favor do noso fútbol e polo estilo. É o que foi o En Xogo e supoño que se manterá, aínda que haxa novidades. Os tempos cambian e non me parece mal, pero o éxito do En Xogo está niso, en manter o formato e o estilo. En ser referencia para aquela xente que quere ver os resumos dos partidos. Porque hoxe en día é moi complicado atopar un programa no que che boten todos os resumos da xornada seguidos. Nós sempre pensamos nesa xente: na que chega o domingo pola noite, tras unha fin de semana de paseo e desconexión, e nos sintoniza para ver o fútbol desde Primeira ata Terceira. Todo nunha hora e media.
"Todos somos dun equipo pero na TVG non temos preferencia por ningún e, se acaso, por todos os clubs galegos"
Hai quen os segue acusando desde Vigo de ser do Deportivo e desde A Coruña de ser do Celta, mudou algo nese aspecto?
As redes sociais cambiaron moito todo á hora de valorar a relevancia real dese tipo de comentarios. Hai xente que segue coa teima de que somos do Celta ou do Deportivo ou que intenta adiviñar de quen é afeccionado un ou outro... Pero era moito máis duro nos 90, ao igual que eran máis duros os derbis e a rivalidade. Era outro fútbol. Manuel Pampín deixou deportes e quince anos despois séguenlle recriminando que é dun ou doutro equipo...
Supoño que non hai problema en ser afeccionado dun equipo mentres non leves a bufanda en antena...
Iso mudou moito tamén. Cando eu empezaba no xornalismo non sabías de que equipo era cada presentador e todos procuraban gardar ese segredo. Eu aínda non sei de que equipo é Pampín máis aló do Cire de Melide! (risas). Obviamente, todos somos dun equipo... Eu empecei a ir ao fútbol a Riazor, sendo moi novo, e son do Deportivo. Pero a min, a nós e á TVG o que nos vén ben é que lles vaia ben a todos os equipos galegos, como coa última clasificación europea do Celta, coa que quedamos encantados. Loxicamente, todos temos as nosas preferencias, pero procuramos sempre ser moi neutrais nese aspecto e que todos os equipos, de Primeira a Terceira, teñan o seu oco. Non temos preferencia ningunha por ningún equipo e, se acaso, témola por todos os clubs galegos.

A irrupción da TVG supuxo tamén que moita xente que nunca vira equipos deportivos galegos por televisión puidese velos por primeira vez.
Claro. Pensa no caso do Deportivo, que ata o ascenso de 1991 levaba 18 anos seguidos sen estar en Primeira, nunha das súas peores épocas. A non ser que foses a Riazor, non podías ver o teu equipo nunca. O Dépor non tiña escaparate ningún, pero de súpeto chega a TVG en 1985 e podes velo por primeira vez na televisión. O mesmo ocorría co Celta e con outros moitos conxuntos doutros deportes... Pero hai que lembrar que naqueles primeiros anos na TVG podías ver competicións europeas de baloncesto, a NBA ou mesmo a Superbowl da NFL! O do Liceo, por exemplo, era algo espectacular para ver nas pantallas: polo ambiente, as bancadas supletorias, as narracións... Eran outros tempos e accedías a algo que ata daquela non había. Ver o Barça e o Madrid era habitual, pero non tiñas acceso aos nosos.
A TVG axudou a afección polo deporte e polos clubs galegos?
Creo que si axudou moito e non só no fútbol. O labor que fixo a TVG co baloncesto, por exemplo, da man de Ovidio González e Sergio Delpont, foi impresionante. Se ti tes acceso a partidos, imaxes, resumos e programas sobre os equipos galegos pois é máis fácil que sexas do Pontevedra, do Compostela, do Racing de Ferrol... Dos teus equipos. Antes a xente non tiñan nin onde velos.
"A chegada da TVG axudou a aumentar a afección polos equipos galegos e non só no fútbol; antes a xente non tiña onde ver os nosos"
Precisamente, con todo ese inxente arquivo de imaxes que hai na TVG, non bota en falta algún programa que as aproveite en forma de documentais e reportaxes históricas como se fai noutras cadeas?
Nós apostamos por aquel formato do En Xogo Histórico, con programas que tiveron moito éxito sobre o Eurocelta, o nacemento do Superdepor, os ascensos do Compostela e do Lugo, os dedicados a Arsenio e a Luís Suárez... Aquel programa dedicado a Suárez, por exemplo, deixoume marcado. Teño feito moitas cousas na televisión, pero poríao como número un da miña carreira. Marcoume por moitas cousas pero tamén porque foi el quen pagou do seu peto a viaxe para vir. Con 80 anos e amosando un grande agarimo polo En Xogo e por nós. Aínda hoxe repítese algún programa, como o de Arsenio, e segue tendo moito éxito.
Entón?
Hai que ter en conta que aínda están en proceso de dixitalizar moitas cousas e dos primeiros anos hai imaxes que non están nin etiquetadas. O labor dos compañeiros de documentación é tremenda. E si, claro que me gustaría ter un programa específico de documentais, reportaxes... Unha especie de En Xogo Histórico pero periódico para poder amosar todas esas imaxes e recursos que temos. Poderiamos facelo. Hai medios? Está por ver, pero o arquivo da TVG é riquísimo en todo, non só nos deportes. Exixiría moito choio pero estou seguro de que tería éxito. Se cadra non se fixo porque a ninguén se lle ocorreu ou ninguén o propuxo.
Os Deportes na TVG marcaron a toda unha xeración e seguen sendo moi ben considerados. Por que cre que ocorre?
Iso é mérito dos que empezaron. Foron deixando un legado en moitas aspectos, tamén no que ten que ver na lingua galega, por exemplo. Tiñamos un lingüista chamado Salva, que nos deixou demasiado axiña, que nos ía aprendendo sobre como falar de deportes e houbo moitas expresións que quedaron asentadas na xente ao igual que ocorría co Xabarín entre a rapazada. Nunca antes ninguén escoitar "a rentes do pau", por exemplo, porque nunca se emitiran os deportes en galego. Creamos tamén unha linguaxe propia que foi clave e á que cos anos lle fomos engadindo rexistros.
Outra forma de prestixiar o idioma, como di Manuel Pampín?
Por suposto. Lembro que houbo mesmo unha sentenza xudicial, cando xa empezabamos a perder os dereitos televisivos do fútbol, na que se nos autorizou a seguir dando un partido en aberto por xornada en favor da normalización da lingua galega. Era algo fundamental non só para prestixiar o idioma senón para coidalo, con todo o complicado que é.
"En Deportes sempre gozamos de liberdade; é complexo unha situación na que hai compañeiros moi comprometidos na loita contra a manipulación e outros a gusto co que hai"
Como viven desde os Deportes os últimos anos de importantes protestas contra a manipulación e o control político na TVG?
Pois sabendo que hai compañeiros e compañeiras moi comprometidas con esa loita e outros que non tanto ou que están máis a gusto co que hai. Somos moita xente e cada un é de seu pai e súa nai. É certo que desde Deportes velo todo un pouco máis de lonxe porque ata agora gozamos sempre de liberdade para facer as cousas sen que ninguén nos dixese nada. Se cadra en Informativos é outra cousa e claro que nos contan cousas e nos explican a situación. Onde me coloco eu? Pois é complexo para todos vivir unha situación na que hai compañeiros que se senten así de prexudicados e outros non. Na TVG houbo moitas épocas políticas distintas e en todas houbo algún problema; loxicamente, en cada momento cadaquén séntese dunha ou doutra maneira. As protestas son totalmente lexítimas, por suposto, igual que non protestar. Mira o que está a ocorrer agora na Vuelta; hai quen di que non se pode protestar, pero como non se vai poder?
Vostede ten amosado publicamente opinións políticas ou claramente en contra de moitas cousas do fútbol actual. Tivo algún problema?
Nunca me dixeron nada polas miñas opinións agás nunha ocasión na que fixen un chío un pouco inoportuno criticando o consello de administración do Deportivo. E aí tiñan razón. Amosei opinións políticas publicamente moitas veces e nunca ninguén da xefatura de Informativos nin ninguén na Corporación me dixo nada. Loxicamente, son unha persoa pública e hai que ter uns límites para non poñer barbaridades, pero expresar as miñas ideas? Pois teño todo o dereito a facelo.
Xa que fala do tema, que lle parece o que está a ocorrer na Vuelta a España?
As protestas na liña de meta que conseguiron parar as etapas están perfectas. Non me parece ben que se metan no medio do percorrido e poidan provocar unha caída porque supón un grave risco para os ciclistas e para as persoas implicadas, pero fíxate que houbo milleiros de persoas protestando e só unhas poucas fixeron iso. Protestar na meta como se fixo en Bilbao ou Mos, sen facer dano físico a ninguén? Pois paréceme ben. Sen protestar non se conseguen cousas; o que está pasando en Gaza supera os límites de calquera imaxinación e contra iso hai que protestar, claro.
Non é dos que din que hai que separar política e deporte?
Obviamente non. É lóxico protestar e facelo onde tes repercusión, porque senón non ten sentido.
Desde que entrou nos Deportes da TVG nos estadios galegos houbo importantes mobilizacións polo Nunca Máis ou hai ben pouco contra Altri, por exemplo...
Sempre as houbo e ninguén nunca nos dixo que non se puidesen emitir protestas, que se escoitaron perfectamente. O certo é que en Deportes sempre tivemos moitísima liberdade nese aspecto. Esta mesma semana houbo unha peza no Telexornal sobre as protestas na Vuelta en Mos que estaba moi ben, dando conta do que pasou. Non hai por que agochar nada. Logo podes pensar o que penses, pero hai que amosar o que pasa. Uns estarán de acordo e outros non. O que non ten sentido ningún é agochar cousas.
"Non son dos que din que hai que separar política e deporte; sen protestar non se conseguen cousas e é lóxico facelo onde tes repercusión"
Logo de tantos anos de traballo e tanta xente do deporte coa que cruzou, decepcionárono moito?
En xeral, a xente do deporte é marabillosa. Por falar dalgúns: Arsenio Iglesias, por exemplo, foi un mestre para min, acolleume como un dos seus cando empezaba nisto. Fernando Castro Santos, igual, ou Juan Copa, o adestrador do Liceo... Son xente fantástica. Bebeto ou Mauro Silva sempre te trataban ben, e que dicir de Borja Iglesias, que buscaba un oco mesmo xogando en Zaragoza para poder vir ao En Xogo. É unha fantástica persoa. En xeral, a xente do deporte non me decepcionou.
Tivo algún ídolo?
José Luis Vara.
Non dubidou un segundo...
Non. Era o meu futbolista favorito e sempre o foi, desde que empecei a ir a Riazor. Nun equipo que levaba tantos anos en Segunda, era unha marabilla velo xogar ao fútbol. E ademais era unha persoa espectacular á que tiven a sorte de coñecer. Foi unha pena moi grande que marchase tan pronto. El foi o meu ídolo, sen dúbida ningunha. Se me preguntas cal foi o mellor futbolista que vin nunca? Messi. Maradona tamén, pero non se mantivo a ese nivel tantos anos. O de Messi é inigualable.