Nace a TVG: "Estamos facendo Galicia"

Levamos Praza a xullo de 1985 para contar como contariamos daquela o nacemento da TVG CC-BY-NC-SA Praza.gal

Galicia xa ten a súa televisión pública. Na tardiña deste pasado mércores 24, véspera do Día Nacional de Galicia, a xornalista Dolores Bouzón foi o primeiro rostro en saudar e dar a benvida aos galegos e ás galegas desde as pantallas da TVG. A que desde hoxe é a terceira canle nos aparatos televisivos do país comezou así as súas emisións en probas, logo de seis meses de traballos e preparativos e un ano despois de que o Parlamento aprobase o proxecto de Lei de Creación da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). 

A televisión pública de Galicia iniciou as súas emisións en probas este mércores 24 ás 19:30; a xornalista Dolores Bouzón foi o primeiro rostro en saír nas pantallas

"Señoras e señores, moi boas tardes, a Televisión de Galicia ten a ledicia de presentarlles a primeira programación da súa historia nesta véspera do 25 de xullo, día de Galicia". Foron as primeiras palabras na canle pública galega contra as 19:30 da tarde, cando Bouzón apareceu nas casas de milleiros de persoas en Galicia, logo de que a carta de axuste o fixese unha hora antes. 

Coa música de Carros de fogo de Vangelis de fondo, un reloxo e o voo dunha gaivota que acabou formando o V nas siglas do símbolo da TVG serviron de cabeceira para o inicio das emisións. Leváronse a cabo desde a recentemente estreada sede que o medio público ten en San Marcos, na parroquia de Bando, en Santiago de Compostela, cuxas obras se iniciaron no outono pasado. 

Resumo das primeiras horas de emisión da TVG, o 24 de xullo de 1985

Nestas primeiras horas da súa programación en probas, a TVG centrouse na retransmisión en directo do acto de inauguración da canle, ao que as autoridades entraron baixo os acordes do Himno do Antigo Reino de Galicia. O evento estivo presidido polo presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, e mais polo conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Barreiro Rivas, home forte do goberno autonómico e principal impulsor e defensor da nova Televisión de Galicia e do seu carácter público e monolingüe en galego. 

Barreiro Rivas, principal impulsor da TVG e do seu carácter público e monolingüe, foi un dos protagonistas do acto de inauguración: "Non estamos inaugurando a televisión, estamos facendo Galicia"

Unha aposta contra as voces que no seu propio partido, Alianza Popular (AP), rexeitaban ou reducían a ambición do proxecto, como as do vicepresidente Romay Beccaría. Pero tamén contra quen desde o Goberno central consideraba dabondo a creación dos medios públicos en funcionamento xa en Euskadi (1982) e Catalunya (1983). 

Pola contra, Manuel Fraga, líder estatal de AP, non ve con malos ollos a creación doutra canle pública autonómica na que albisca tamén a posibilidade de contrarrestar a balanza favorable cara ao PSOE que, segundo considera, inclina a TVE. Unha denuncia na que, precisamente, insistiu estes días tras rexeitar as alusións ao seu pasado como ministro franquista nun programa da televisión pública e que o presidente do Goberno de España, Felipe González, se comprometeu a eliminar de aquí en diante. 

A importancia da creación da TVG deixouna clara Barreiro Rivas onte nese acto inaugural e ante numerosos persoeiros, ao asegurar que "a Televisión de Galicia supón a obra máis importante cuantitativa e cualitativamente de cantas ten levado a termo a Xunta". "Se hoxe alguén nos pregunta que estamos facendo aquí, que a ninguén se lle ocorra dicir que estamos inaugurando a televisión. Afirmaremos alto e forte: estamos facendo Galicia", insistiu quen advertiu da satisfacción que, se estivesen vivos, terían neste momento "Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Villar Ponte, Bóveda, Cunqueiro e tantos outros" ao contemplar este "instrumento eficaz que sempre arelaron como camiño para cumio á súa monumental e grande obra". 

Albor considera a chegada da TVG "un paso transcendental" pola súa "capacidade de dinamización insospeitada á tarefa de creación da nosa patria"

Ao tempo, o que é o primeiro director xeral da CRTVG, Luís Losada, avisou do "gran desafío" que afronta a canle pública, o de "defender e fortalecer a identidade da nacionalidade galega a través do idioma e da cultura". Foi antes de que Xermán Alonso, secretario da Conferencia Episcopal en Galicia e en representación do Arcebispado compostelán, bendixese as instalacións, un acto que en principio estaba reservado para Torres Queiruga.  

No evento, o presidente Albor tampouco restou solemnidade á xornada nin ao que supón a "creación da Televisión de Galicia". "Un paso transcendental na nosa historia, que achega un medio moderno e cunha capacidade de dinamización insospeitada á tarefa de creación da nosa patria", expresou. 

Luís Losada, Fernández Albor, Barreira Rivas e Xermán Alonso, no acto de inauguración da TVG en San Marcos © TVG

"Dende hoxe Galicia ten unha característica máis na súa nacionalidade, un instrumento máis de unificación política, unha imaxe de progreso e unha imaxe de vida que acrecenta a nosa responsabilidade, ao tempo que afirma a nosa esperanza", insistiu Albor, que declarou inaugurada a TVG "baixo a mirada protectora do Apóstolo Santiago" e así tamén o inicio da "aventura dos tempos que xa son chegados". 

Un novo e prometedor presentador, Xosé Ramón Gayoso, conduciu a galega de inauguración

Presentado polo prometedor presentador de 29 anos, avogado e cantante, Xosé Ramón Gayoso, o acto rematou coa interpretación do himno de Galicia, coa actuación do Ballet Galego Rey de Viana e co descubrimento da placa que nas instalacións de San Marcos dan conta dunha xornada "que vai pasar aos anais da historia" ao facerse "realidade un soño: o nacemento da Televisión de Galicia", en palabras do condutor do evento. 

As primeiras emisións da TVG chegan xusto cinco meses despois de que se estrease a Radiotelevisión Galicia (RG) —o 24 de febreiro deste ano—, que desde finais de marzo emite xa a súa programación regular desde os seus estudos en San Caetano, tamén en Compostela. A radio pública é unha das dúas sociedades anónimas impulsadas ao abeiro da creación da CRTVG xunto á televisión, que prevé emitir de xeito regular tamén desde o vindeiro setembro e que fixo a súa estrea este mércores con varios rostros que pasarán á historia do audiovisual galego. 

Ademais de Dolores Bouzón e Xosé Ramón Gayoso, interviron neste primeiro día da TVG os xornalistas Mon Santiso e Xosé Manuel Díaz Maseda, que aproveitaron para explicar aos televidentes os detalles e arranxos técnicos para a mellor captación dun sinal que os cálculos estiman que chegou a algo máis da metade da poboación galega. Tras o directo polo acto inaugural, a xornalista Eva Veiga encargouse de introducir a emisión da curtametraxe Mamasunción de Chano Piñeiro, o primeiro filme emitido na televisión pública galega e que veu precedido unha entrevista ao seu director. 

Dolores Bouzón, Xosé Ramón Gayoso, Eva Veiga, Mon Santiso, Xosé Manuel Díaz Maseda e Manuel Rivas foron os primeiros rostros en aparecer na TVG

O encargado de dirixir esta conversa foi o escritor e periodista coruñés Manuel Rivas, que puxo como "exemplo" a produción de Chano Piñeiro á hora de destacar as "marabillas" que "pode facer este antigo país que é Galicia cando conta con novas ferramentas". Todo nunha estrea da TVG na que non faltaron os primeiros anuncios da súa historia, pouco antes das nove da noite de onte: Cola Cao (en galego), Coca-Cola, cervexa San Miguel, Nocilla e Donuts.  

Xosé Ramón Gayoso presenta a gala de inauguración da TVG en San Marcos © TVG

Logo, chegaría a proxección do filme de José Luis Garci, Solos en la Madrugada, presentado en galego pola súa protagonista, a actriz con orixes en Monforte e Pantón Fiorella Faltoyano. "A todos os galegos, boas noites e felicidades pola súa nova televisión", dixo. A película, no entanto, foi interrompida para retransmitir en directo desde a unidade móbil número 2 da TVG "a queima da fachada mudéxar" da Catedral de Santiago "que simboliza o comezo do Día Nacional de Galicia", como explicou Díaz Maseda

A TVG emitiu no seu primeiro día a curtametraxe 'Mamasunción' e conectou en directo cos fogos do Apóstolo; Cola Cao, Coca-Cola, San Miguel, Nocilla e Donuts inauguraron os espazos publicitarios

Xa para este xoves 25, está prevista a emisión da serie Dallas, sobre unha familia de millonarios dedicados á industria petroleira e á gandaría, así como da telenovela brasileira A Escrava Isaura

Son só os pasos iniciais dunha TVG para a que o Goberno galego consignou os primeiros 1.200 millóns de pesetas de presuposto a través da chamada Lei de Insuficiencias coa aprobación por unanimidade no Parlamento, ademais doutros arredor de 1.300 correspondentes aos Orzamentos de 1985.

A chegada TVG aos poucos meses de facelo a radio pública culmina un dos procesos máis entusiastas destes primeiros anos do autogoberno en Galicia, desde que o actual Estatuto de Autonomía fose aprobado no referendo celebrado hai catro anos e medio, en decembro de 1980. 

Unha televisión pública moi desexada

Só catro meses despois, o 6 de abril de 1981, promulgouse a Lei Orgánica de Estatuto de Autonomía para Galicia  que o BOE publicaría o 28 de abril daquel mesmo mes. Galicia accedía así á autonomía política pola vía contemplada na Constitución para as nacionalidades históricas, nun ambiente político marcado polo recente 23-F e lonxe do entusiasmo das reivindicacións autonomistas na fin da ditadura e das mobilizacións contra o Estatuto da aldraxe.

No texto, a posibilidade de desenvolver un aparato mediático propio no país e no que se defendesen e difundisen a cultura e a lingua galega, un aspecto que no ámbito político e cultural era visto como clave para asentar a autonomía e facer país.  

Manuel Rivas, no primeiro día de emisión da TVG © TVG

Así, tras a celebracións das primeiras eleccións o 20 de outubro, a vitoria de Alianza Popular e a investidura de Albor como primeiro presidente, o pleno do Parlamento maniféstase xa a favor da creación dunha terceira canle televisiva —ademais das dúas de TVE— en setembro de 1982

O Parlamento mostrou xa a favor da creación da TVG en setembro de 1982 e aprobou en xullo de 1984 a lei para a súa creación

Ano e pico despois, no mes de Nadal de 1983, a Cámara aproba a creación desa canle pública a través dunha proposición de lei que tería que ser ratificada no Congreso, pero que non chegou a tomarse en consideración ao estar precisamente as Cortes Xerais regulando a materia. Foi o ano seguinte cando se ditou, por fin, a Lei 9/1984, do 11 de xullo, que contempla a creación da RTVG, logo dun debate parlamentario que deixou fervorosas defensas da acaída que era a creación da TVG. 

"Para as nacionalidades históricas, a posta en marcha da súa canle autonómica de televisión non constituíu un gasto superfluo nin o debe constituír, senón un instrumento de primeira man nesa paciente, longa e necesaria tarefa de defender a propia personalidade, cultura e, especialmente, defender a propia lingua", dicía Barreiro Rivas. "A creación da televisión pública é para nós un dos temas vertebrais do noso proceso autonómico", engadía o socialista Alfredo Conde. 

Aprobábase finalmente a lei que desenvolve o artigo 34.3 do Estatuto, no que se contempla a posibilidade que ten a Comunidade Autónoma de regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, todos os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins.

Actuación do Ballet Galego Rey de Viana, durante a gala co gallo da inauguración da TVG © TVG

"A TVG é un instrumento de primeira man nesa paciente, longa e necesaria tarefa de defender a propia personalidade cultura e, especialmente, a propia lingua"

O reto foi maiúsculo. Como exemplo, os escasos nove meses que tardaron as obras do centro de produción e emisión de San Marcos, realizadas pola UTE Dragados y Construcciones e Pesa, ou o deseño e construción dunha rede de reemisores por todo o país para estender o sinal da TVG por todo o territorio, superando mesmo inclemencias graves coma a do furacán Hortensia.  

Pero a TVG chegou e dá desde hoxe os seus primeiros pasos ante o público e nas pantallas, na que é a culminación dun traballo que só vén de comezar e que desde hai meses levan a cabo un grupo duns quince xornalistas novos e entusiastas. Todos eles recibindo clases, facendo arquivo e preparando a futura programación mesmo nos garaxes dunhas instalacións aínda en obras. Nomes que aspiran a ser os novos rostros referencias dos medios públicos en Galicia nun futuro: Teresa Castelo, Manuel Pampín, Magis Iglesias, Luís Menéndez, Ovidio González, Isabel Álvarez, Antón Galocha, Piedad Cabo ou Arturo Maneiro, entre outros. De hoxe nun ano. E en moitos máis. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.