Unha ducia de lembranzas do Luar
Este venres, 16 de outubro, a TVG emitiu o Luar Milenario. Tras máis de vinte e tres anos o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso, tan amado como -en ocasións impostadamente- aborrecido, é sinónimo da Galega e forma parte da memoria colectiva do país, se cadra mesmo facendo algo máis por el que outras accións con peor humor. Cumprirían moitas ducias para amosar todas as facianas desta criatura televisiva única, que naceu na discoteca Dona Dana de Touro e dende hai unha década continúa a medrar dende o plató 1.000 de Montouto (si, o mesmo do Supermartes). A nosa cultura pop.
-
01
O primeiro
O 30 de setembro de 1992 Xosé Ramón Gayoso subiu ao escenario da discoteca Dona Dana para explicar que na TVG se preguntaran "se os galegos somos uns artistas" e se "seríamos capaces de facer un show coas nosas cancións. E dixemos: claro que si". Prometeu que, dende esa noite, "todas as noites dos mércores" na TVG ía haber "unha auténtica festa". Só se trabucou no día, pero non na duración. Asegurou que o Luar se prolongaría para "sempre". VÍDEO
-
02
O star system do país
Poderanlle chover as críticas, pero é innegable que o Luar contribuíu á creación dun star system galego. Nunha época na que as galas musicais agromaban por todas as canles televisivas, polo escenario do programa pasaron quen ata ese momento só facían o propio nos palcos das vilas e cidades de Galicia, caso por exemplo de Pili Pampín nesta actuación de 1992.
-
03
As recolleitas de Mercedes Peón
Polo Luar pasan iconas de serie B da música española, si, pero tamén moita música tradicional galega. Durante anos, na noite do venres había un recanto para a recolleita de músicas que realizaba unha novísima Mercedes Peón, que antes de ser parte do equipo, tamén cantou e tocou no Luar, caso por exemplo desta noite de 1993.
-
04
Ana Kiro
Son incontables as noites de Luar coa inesquecible Ana Kiro. Nesta emisión de 2007, cando a cantante xa loitaba contra o cancro, lembrou o programa no que compartiu canción con Gayoso.
-
05
Juan Pardo
O cantante Juan Pardo é, posiblemente, outro dos sinónimos do Luar e mesmo dunha época sociopolítica de Galicia (Xuntos, máis fortes. Pouco máis que engadir). Se cadra foi por iso que elixiu o Luar, no outono de 2004, para anunciar que estaba a pensar na "prexubilación" dos escenarios.
-
06
As chamadas a altas horas
Houbo un tempo no que, se soaba o teléfono fixo nunha casa galega un venres pola noite, antes se pensaba en Gayoso que nunha mala nova a horas intempestivas. No entanto, estas chamadas que adoitaban traer consigo premios implicaban unha dose nada desdeñable de estoicismo por parte do veterano presentador.
-
07
O Nunca Máis
O estoicismo de Gayoso tampouco foi menor cando, en xaneiro de 2003, un grupo de membros da Plataforma Nunca Máis e da Plataforma pola Defensa da Ría de Pontevedra lograban achegar a protesta pola xestión da catástrofe do Prestige ata a cerna mesma da TVG do fraguismo. O condutor do espazo resolveu a situación convidándoos a expoñer a súa reivindicación dende o escenario e "con educación".
-
08
Os encontros históricos
O Luar foi escenario de fusións musicais históricas e, nalgún caso, irrepetibles. É posible que unha das máis senlleiras sexa esta, na que os enormes Diplomáticos de Monte Alto interpretan o seu Berbés xunto a, atención, Boney M, e co acompañamento das Cantadeiras do Berbés. Apoteósico.
-
09
O Candil
Se houbo un emblema do que significa o Luar, esas foron as interpretacións d'O candil, na que a rapazada dunha escola de gaitas de calquera vila galega podía acabar facéndolle aos coros a, poñamos por caso, Rocío Jurado ou Alaska. Sería bo ou malo, pero así era.
-
10
A señora de Palmírez
A señora de Palmírez foi, durante anos, unha das mellores caricaturas de moitas actitudes risibles cara á lingua galega. "Me engallegas", queixábaselle a Gayoso.
-
11
Mucha e Nucha
Como antes Os Tonechos, o duo cómico Nucha e Mucha (Marcos Pereiro e Xosé Antón Touriñán) acadou unha moi notable fama a través do Luar, ata o punto de teren o seu propio spin off.
-
12
Aldao e Lado
Un dos últimos virais do Luar (xa conseguira varios antes de existir o termo "viral" aplicado a internet) foi a actuación de Lucía Aldao e María Lado no programa, o pasado verán. "A algo chegamos chegamos, estamos no Luar", dixeron antes de amosar que, se cadra, iso da imposición do galego non é tan así.