Marcos Pérez Pena

Unha ducia de feitos clave nos 75 anos de historia da Editorial Galaxia

Este mes de xullo celébrase o 75 aniversario da creación da Editorial Galaxia, que celebrou o 25 de xullo de 1950 a súa Asemblea Fundacional no hotel Compostela, en Santiago. Naceu como empresa, pero foi algo máis: un proxecto de recuperación da lingua e da cultura galega nos anos máis duros da ditadura franquista. Galaxia mudou cos tempos, adaptándose ao contexto de cada momento é as tendencias culturais e de lectura, e acolleu nestas décadas a parte da mellor literatura feita en galego. Velaquí algúns dos fitos que marcan a historia da editorial.

  1. 01

    Asemblea fundacional, 25 de xullo de 1950

    O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, participaron personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Manuel Beiras, Luís Viñas Cortegoso, Aquilino Iglesias Alvariño, Xesús Ferro Couselo, Xosé María Álvarez Blázquez, ademais de representantes das comunidades galegas no exterior e do exilio.

    Non puido asistir Ramón Piñeiro, que viña de saír da cadea. En total, a empresa naceu apoiada das achegas de máis de 300 socios e socias.

  2. 02

    Antífona da cantiga (1951)

    Ramón Otero Pedrayo foi o primeiro presidente do Consello de Administración (foino ata 1976) e Francisco Fernández del Riego exerceu como director nos primeiros anos. 

    O primeiro volume publicado por Galaxia foi a Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, en 1951, unha obra que simbolicamente representaba unha conexión coas Irmandades da Fala, a Xeración Nós e en xeral coas figuras do Rexurdimento.

    O segundo libro publicado foi Por os vieiros da saudade, de Otero Pedrayo. 

  3. 03

    A 'Colección Grial', prohibida pola ditadura

    Aínda que a revista Grial que hoxe coñecemos naceu en 1963 (despois falaremos dela), temos que buscar a súa orixe nos cadernos da Colección Grial, iniciados en 1951 coa publicación de Presencia de Galicia, de Ramón Piñeiro.

    Estes cadernos, monográficos, son un bo claro antecedente do que despois sería a revista e en boa medida fucionaban como unha revista periódica e en galego, algo insólito na ditadura franquista en plena década dos 50. 

    Juan Aparicio, que xa escribira no xornal Pueblo un duro ataque contra os cadernos de Grial, foi nomeado Director Xeral de Prensa e unha das primeiras medidas que tomou foi prohibir a Colección Grial en abril de 1952. Tan só puideron publicarse catro números e os seguintes que xa estaban previstos saíron en forma de libro.

  4. 04

    Guía de Galicia (1954)

    A reedición da Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo (fora publicada inicialmente en 1926 e reeditada en 1945) converteuse en 1954 no primeiro éxito de vendas da editorial. Otero Pedrayo renunciou en favor de Galaxia á liquidación de dereitos que lle correspondía pola obra

  5. 05

    Revista de Economía de Galicia (1958)

    Un dos grandes proxectos da Editorial Galaxia nestes primeiros anos foi a Revista de Economía de Galicia, que publicou en 1958 o seu primeiro número baixo a dirección de Xaime Isla Couto.

    Entre 1958 e 1968 saíron do prelo 66 números da publicación, que buscaba analizar a realidade económica e social de Galicia con criterios propios e que destacou por se opoñer aos polos de desenvolvemento franquistas e ás industrias de enclave. 

    A Revista de Economía de Galicia: as páxinas que anticiparon a defensa dun desenvolvemento equilibrado e centrado no país

  6. 06

    Revista Grial (1963)

    En 1963 publicouse o primeiro número da revista Grial, que hai dous anos celebrou o seu 60 aniversario. A cabeceira, que naceu para "remover as enerxías creadoras da espiritualidade galega", foi permitida pola ditadura franquista sempre que a metade das páxinas estivesen en castelán e a outra metade, como moito, en galego. Dende 1976 publicouse integramente en galego

    A revista pasou por moi distintas etapas, atendendo ao contexto político, ás necesidades comunicativas do galeguismo e aos hábitos e demandas do público lector. Nunha primeira época a revista estivo dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego e a partir do número 100 (1988) Carlos Casares ocupou a Dirección da publicación, que se abriu a novas temáticas.

    O último gran cambio experimentado pola revista tivo lugar en 2003, cunha gran renovación estética e temática e a dirección compartida por Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo.

    Unha ducia de números históricos de Grial no 60 aniversario da revista

  7. 07

    1963, "ano do prodixio"

    Ese 1963 foi denominado "o ano do prodixio". Algunha luz comezaba a alumear na longa noite de pedra da ditadura franquista. O réxime comezaba a amosar algunha físgoa e unha nova xeración empezaba a organizar o futuro. Nese 1963 non só bota a andar a revista Grial, senón que nace a celebración do Día das Letras Galegas e créase a Fundación Penzol,

    A Editorial Galaxia funcionaba de forma moi consciente cuns obxectivos de recuperación da lingua e da cultura de Galicia. Aproveitaba as fendas que deixaba o control franquista e ía asentando os distintos proxectos, un traballo que lle custou en varias ocasións duros encontros coa censura, que por exemplo impediu a publicación da Esmorga de Blanco Amor e introduciu "tachaduras" en moitas páxinas das Obras Completas de Cabanillas.

    O Día das Letras celebra o seu creador: 60 anos da "festa cultural" albiscada por Don Paco

  8. 08

    Fundacións

    O 5 de maio de 1963 constituíse en Vigo a Fundación Penzol, que tamén celebrou polo tanto o seu 60 aniversario. O obxectivo era construír un espazo para o estudo e a investigación nun momento no que apenas había fondos específicos accesibles ao público relacionados coa cultura e a memoria histórica de Galicia e do galeguismo.

    Posteriormente, na órbita de Galaxia naceron tamén a Fundación Otero Pedrayo (1979) e a Fundación Isla Couto (1987).

  9. 09

    A renovación da literatura galega

    En 1968 Carlos Casares publica A galiña azul e en 1973 sae do prelo As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, que obtivo o 1º Premio no Concurso de Teatro Infantil Galego convocado por primeira vez por O Facho. Son dúas obras fundamentais nos inicios das posteriormente vizosa literatura infantil e xuvenil en galego, un ámbio no que o traballo de Galaxia foi fundamental, ao igual que noutros.

    Na colección Illa Nova (1957), pensada para dar cabida aos escritores novos, publicáronse as obras máis representativas da coñecida como a nova narrativa galega que renovou a narrativa galega de posguerra.

    Trinta e cinco anos de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia

  10. 10

    Carlos Casares

    Despois dos omnipresentes Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, o terceiro gran nome que marca a historia da Editorial Galaxia é o de Carlos Casares, que asumiu a Dirección en 1985, levando a cabo un importante proceso de modernización das súas estruturas, da estética das publicacións (coa incorporación de deseñadores como Francisco Mantecón e Manuel Janeiro) e das temáticas e ámbitos de traballo, con novas coleccións e autores.

  11. 11

    Victor Freixanes

    En 2002 Víctor F. Freixanes toma o relevo de Carlos Casares á fronte da editorial, cuxa Dirección ocupou ata o ano 2016, uns anos nos que afrontou o reto de levar a cabo unha nova modernización da empresa, converténdoa nunha compañía plenamente instalada no século XXI e nos retos e camiños abertos polas novas tendencias culturais e de lectura.

  12. 12

    E sobre todo libros, libros, libros

    Resulta imposible resumir nunhas liñas a produción literaria da editorial nas últimas décadas. Dende os Xa vai o grifón no vento de Alfredo Conde, Que me queres, amor? de Manuel Rivas ou As cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, que obtiveron premios nacionais de literatura nos anos 80 e 90. 

    E ata os máis recentes e igualmente premiados Rosalía de Castro. Cantos de Independencia e liberdade (1837-1863) de María Xesús Lama, Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga ou As malas mulleres de Marilar Aleixandre.

    Galaxia cumpriu durante décadas unha función clave na defensa da lingua e cultura galegas. Hoxe é, sobre todo, os seus libros, os seus autores e autoras e os seus lectores e lectoras. Que non é pouco.

  13. 13

    Crear Porvir

    Coincidindo coa celebración do 75 aniversario de Editorial Galaxia está a percorrer Galicia a exposición itinerante Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia, unha mostra que debulla a súa historia, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior.

    75 anos despois Galaxia suma máis de 3.000 títulos editados e un catálogo vivo de máis de 2.000 e, ademais, abrindo novos camiños na rede e na produción multimedia.