A Revista de Economía de Galicia: as páxinas que anticiparon a defensa dun desenvolvemento equilibrado e centrado no país

Xuntanza do Consello de Galaxia en 1960 © Editorial Galaxia

En febreiro de 1958 saíu do prelo o primeiro número da Revista de Economía de Galicia, unha publicación especializada publicada por Galaxia co obxectivo de analizar a realidade económica e social de Galicia. Porén, esta faceta económica da Xeración Galaxia é adoito menos reivindicada e resaltada que outros traballos de índole cultural ou lingüística

En febreiro de 1958 saíu do prelo o primeiro número da Revista de Economía de Galicia, unha publicación especializada publicada pola Editorial Galaxia co obxectivo de analizar a realidade económica e social de Galicia e "as posibilidades de desenvolvemento idóneo" e facelo con "responsabilidade técnica" e cun "criterio esencialmente galego". Dirixida por Xaime Isla Couto, nela tiveron un gran protagonismo Valentín Paz Andrade, Jesús Cambre Mariño ou un novísimo Xosé Manuel Beiras, que entre 1963 e 1968 exerceu realmente como director. A revista publicou 66 números ata o seu peche en 1968, precedido dunha sanción da Dirección General de Prensa polas críticas á política económica da ditadura contidas nun editorial sobre o sector marisqueiro.

A Revista de Economía de Galicia foi un dos proxectos máis destacados da Xeración Galaxia, enmarcado no labor de reivindicación da identidade propia de Galicia e da difusión e concienciación da sociedade galega que tamén deu lugar á propia editorial Galaxia ou á revista Grial, que o pasado ano celebrou o seu 60 aniversario. A súa importancia foi grande no seu momento e tamén o foi a súa pegada nas posteriores xeracións de economistas. Porén, esta faceta económica da Xeración Galaxia é adoito menos reivindicada e resaltada que outros traballos de índole cultural ou lingüística.

Número 1 da Revista de Economía de Galicia Dominio Público

Pedro Varela-Vázquez e Carlos de Francisco, profesores da Facultade de Económicas da USC, veñen de publicar un traballo no que analizan as achegas deste grupo de economistas

Pedro Varela-Vázquez e Carlos de Francisco, profesores da Facultade de Económicas da USC, veñen de publicar na revista Iberian Journal of the History of Economic Thought  un traballo no que analizan as achegas deste grupo de economistas vencellados á Xeración Galaxia e que publicaron fundamentalmente na Revista de Economía de Galicia. O artigo Regional economic development in the lens of the dilemma between growth poles approach and the balanced growth theory during the Francoist regime incide sobre todo no énfase posto nos desequilibrios existentes entre Galicia e outros territorios do Estado máis desenvolvidos e nos propios desequilibrios internos entre a Galicia urbana e a Galicia rural.

Estes autores, moi conectados cos debates e análises que nese momento sostiñan economistas de vangarda coma Paul Rosenstein-Rodan, Alfred Hirschman, Ragnar Nurskse, François Perroux ou Gunnar Myrdal eran críticos coa política industrial franquista baseada en potenciar grandes polos de desenvolvemento industrial (en 1964 entrou en vigor o I Plan de Desenvolvemento que creou os polos da Coruña e de Vigo-O Porriño) e apostaban en cambio por un desenvolvemento máis equilibrado e distribuído polo territorio, que abraguese tamén as zonas rurais e menos baseado en industrias de enclave e máis no crecemento da industria agroalimentaria e no aproveitamento das potencialidades xa existentes.

Estes autores eran críticos coa política industrial franquista baseada en potenciar grandes polos de desenvolvemento e apostaban en cambio por un desenvolvemento máis equilibrado, que abraguese tamén as zonas rurais e menos baseado en industrias de enclave e máis no crecemento da industria agroalimentaria 

"A nosa publicación non pretende ser unha revista económica máis, como calquera das que veñen editándose xa en España. Proponse ser, pola contra, a que Galicia precisa, en función dos seus problemas xenuínos e das súas peculiares características sociais e humanas", dicía Isla Couto no primeiro número da revista. A revista aglutinou un destacado grupo de persoas con coñecementos económicos, aínda que con formacións diversas -peritos mercantís, xeógrafos, agrónomos, avogados no eido da economía, mesmo filósofos-, algo normal tendo en conta que aínda non existía en Galicia unha facultade de Económicas. 

"Cada un fixo unha achega de ideas que foron relevantes nos anos seguintes para superar desafíos e problemas en diferentes campos da economía e sociedade de Galicia", destaca Pedro Varela-Vázquez en conversa con Praza.gal. O consello de redacción estivo formado por Cruz Gallástegui Unamuno, Antonio Valcárcel López, Antonio Fernández López, Sebastián Martínez-Risco, Isidro Parga Pondal, Álvaro Gil Varela, Antonio Rosón Pérez, Antonio Fernández Fernández, Francisco del Río Barja, Dasio Carballeira Tella e Xosé Luis Blanco González.

Caricatura de Xaime Isla Couto da "hidra de tres cabezas" que dirixía o proxecto de Galaxia na súa fundación: Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e el mesmo (ano 1950) © Xaime Isla Couto

"Alertaban de que o desenvolvemento dos polos industriais da Coruña e Vigo-O Porriño poderían fortalecer os desequilibrios internos e ampliar as diferenzas entre as zonas urbanas e rurais"

Nos seus 11 anos de actividade, a Revista de Economía de Galicia destacou pola súa preocupación "tan monográfica e intensa" polo estudo do desenvolvemento económico rexional, facendo énfase no gran desequilibrio existente entre Galicia e o resto do Estado, especialmente Catalunya, País Vasco e Madrid. E tamén nos grandes desequilibrios internos, entre as provincias occidentais, A Coruña e Pontevedra, e as orientais. Estes autores "alertaban de que o desenvolvemento dos polos industriais da Coruña e Vigo-O Porriño poderían fortalecer os desequilibrios internos e o despoboamento de Lugo e Ourense e ampliar as diferenzas entre as zonas urbanas e rurais, cunha economía dual e mesmo disfuncional", explica Pedro Varela-Vázquez.

"Anticipaban unhas prácticas que son as que agora está recomendando a UE: a diversificación relacionada, un desenvolvemento que teña en conta as condicións iniciais"

"España estaba copiando o modelo francés de desenvolvemento industrial, con grandes polos industriais. En cambio eles apostaban por un desenvolvemento industrial moito máis equilibrado que atendese á realidade específica de Galicia, que tamén se levase a cabo nas zonas rurais e que partise sobre todo do desenvolvemento do sector primario e da industria agroalimentaria", destaca. 

Propoñian un modelo equilibrado de crecemento que non esquecese a instalación de industria nas zonas rurais e no que estas "non fosen unicamente industrias de enclave, senón que aproveitasen as potencialidades xa existentes no lugar. É dicir, non crear só 'catedrais no deserto', como se denomina agora". "En realidade anticipaban unhas prácticas que son as que agora está recomendando a UE: a diversificación relacionada, un desenvolvemento que teña en conta as condicións iniciais", engade o autor.

En 1968 a Revista de Economía de Galicia recibiu unha forte multa © Fundación Isla Couto

Observaban con detemento os casos exitosos de Dinamarca e tamén da Bretaña francesa. Este último coñecíano de forma directa grazas a Xosé Manuel Beiras, que en 1963 levou a cabo unha estadía académica en París e tamén na Bretaña para estudar as novas orientacións de economía rexional

Observaban con detemento os casos exitosos de Dinamarca e tamén da Bretaña francesa. Este último coñecíano de forma directa grazas a Xosé Manuel Beiras, que en 1963 levou a cabo unha estadía académica en París e tamén na Bretaña para estudar as novas orientacións de economía rexional. "Estes economistas teñen un gran número de escritos, tanto académicos coma divulgativos, destacando os modelos bretón e dinamarqués de impulso do sector agroindustrial, como unha maneira de darlle un maior valor engadido á produción do sector primario, o sector pesqueiro e agrogandeiro", di Pedro Varela-Vázquez.

A figura clave na revista foi sen dúbida a de Xaime Isla Couto, que publicou traballos amplos sobre a industria de transformación da madeira en Galicia, o cooperativismo na industria conserveira ou sobre a produción de cementos artificiais. Paco del Riego asumiu o traballo de organización editorial, así como a redacción de numerosas notas e comentos verbo da actualidade económica de Galicia. Tamén destacaban os editoriais, co título de “Perspectivas", escritos por Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro ata a incorporación de Xosé Manuel Beiras en 1963, momento en que o novísimo economista (tiña 27 anos) se incorporou como subdirector e dinamizou notablemente a publicación. 

En 1968 un editorial -Conflictos: el problema marisquero, publicado a comezos de 1967- derivou nunha multa de 25.000 pesetas da Dirección General de Prensa a Xaime Isla Couto por “manifiesta falta de respeto para las Instituciones en la crítica de su acción política y administrativa”

Nestes editoriais defendeuse o ecoloxismo, os limites racionais do industrialismo, do crecemento e do desenvolvemento económico; a interrelación dos sistemas económico, cultural e político; a interdisciplinariedade no tratamento dos problemas; ou o equilibrio comunitario entre campo e cidade. En 1968 un deses editoriais -Conflictos: el problema marisquero, publicado a comezos de 1967- derivou nunha multa de 25.000 pesetas da Dirección General de Prensa contra Xaime Isla Couto por “manifiesta falta de respeto para las Instituciones en la crítica de su acción política y administrativa”. Non foi a única sanción contra Isla Couto, pois o 25 de xullo de 1969 foi detido en Compostela á saída da misa por Rosalía na que se escoitaron berros de “Viva Galicia ceibe” e “Liberdades para Galicia”. En 1970 foi condenado polo TOP a tres meses de arresto maior e suspensión de todo cargo público, nunha sentenza posteriormente revogada.

En decembro dese ano 1968 publicouse un derradeiro número da revista, cun editorial de despedida redactado por Isla Couto titulado Ante una nueva etapa no que destacaba que publicación cumprira neses 11 anos os seus obxectivos fundacionais: "Con satisfacción podemos comprobar como as ideas de reforma das estruturas ou das institucións con vistas a unha mellor organización da vida comunitaria e da creación social —e non só con respecto ó benestar dos individuos—, que antes era patrimonio romántico case dunha minoría, están hoxe na rúa e desacougan a todos desde o funcionario ata o emigrante, desde o xubilado ata o estudante de bacharelato".

Xaime Isla Couto publicou en La Noche artigos de divulgación sobre a economía galega © Fundación Isla Couto

A revista deixou de existir pero a semente xa estaba botada. Este grupo de economistas que difundiron as súas ideas e se organizaron nas súas páxinas xa viña desenvolvendo outro tipo de actividades de divulgación

A revista deixou de existir pero a semente xa estaba botada. Este grupo de economistas que difundiron as súas ideas e se organizaron nas súas páxinas xa viña desenvolvendo outro tipo de actividades de divulgación. O propio Isla Couto publicara xa artigos de divulgación económica no Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche ata a súa suspensión polo réxime en 1950. E neses anos participaron en coloquios organizados por entidades coma o Seminario de Estudos Económicos, Xurídicos e Sociais da Fundación Penzol ou a Agrupación Cultural O Facho. Tamén comezaron a publicarse libros de análise económica coma o volume colectivo Introducción á economía galega de hoxe (1969) ou El problema del desarrollo en la Galicia rural (1967), de Xosé Manuel Beiras, que posteriormente deu ao prelo Estructura y problemas de la población gallega (1970) e O atraso económico de Galicia (1973).

Pedro Varela-Vázquez incide no impacto posterior que tivo a actividade da Revista: "ás veces parece que todo isto foi un esforzo que quedou no pasado, con ideas que ficaron no faiado e non foi así, porque esta xeración de economistas conectou coa seguinte". Aí está, por exemplo o labor de SODIGA a partir de 1972

Pedro Varela-Vázquez incide no impacto posterior que tivo a actividade da Revista de Economía de Galicia. "Ás veces parece que todo isto foi un esforzo que quedou no pasado, con ideas que ficaron no faiado e non foi así, porque esta xeración de economistas conectou coa seguinte xeración e coas posteriores que xa saíron da Facultade de Económicas", di.

"Aí está, por exemplo o labor de SODIGA a partir de 1972, que foi unha sociedade pioneira a nivel do Estado, e os primeiros temas que ali se abordan recollen preocupacións e análises que 10 ou 15 anos xa estaban poñendo sobre a mesa estes autores, por exemplo esa preocupación polo desequilibrio territorial existente dentro de Galicia", salienta. "Destacábase tamén, ao igual que na Revista de Economía de Galicia, a necesidade de contar con recursos e de rendibilizar o aforro, alertando de que unha parte moi importante do aforro dos galegos ía para fóra", engade. "E en SODIGA hai unha nova xeración de economistas, como Joám Lopes Facal, que toman o relevo da xeración anterior", sinala.

Economía e Sociedade de Galicia ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.