Don Paco glosa a xeración Galaxia, que deu a batalla polo "prestixio da lingua enmudecida e desprezada"

Asemblea fundacional de Galaxia o 25 de xullo de 1950 en Santiago © Editorial Galaxia
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-galaxia-e2e2bc8.jpeg

"Os homes da que vou chamar xeración Galaxia, malia a paréntese de forzado desvencellamento, atinaron a enlazar cos da xeración Nós", destaca Francisco Fernández del Riego no libro 'A xeración Galaxia', que a Editorial Galaxia vén de reeditar 

A "xeración recuperadora das esencias autóctonas" de Galicia. Así define Francisco Fernández del Riego á xeración Galaxia, da que el mesmo forma parte, e que considera unha continuidade da xeración Nós. De feito, e a pesar do "mazazo" da guerra e mais da ditadura franquista, don Paco considera que non houbo entre ambos grupos ningunha ruptura. "Os homes da que vou chamar xeración Galaxia, malia a paréntese de forzado desvencellamento, atinaron a enlazar cos da xeración Nós", destaca. "En realidade, a xeración galaxiana continuou, completou, en boa parte realizou, con novos criterios, os obxectivos esenciais da precedente", empata.

"A xeración Galaxia foise presentando, devagariño, como unha xeración chea de promesas", sinala don Paco para afirmar, xa desde os anos noventa, que "o noso país experimentou un verdadeiro novo renacemento polo esforzo entón realizado". "Andabamos a proseguir a ruta traballosa, porque tiñamos conciencia da responsabilidade que pesaba sobre os nosos ombreiros, do transcendente dos nosos actos", chega a salientar no libro. 

Capa do libro de Francisco Fernández del Riego 'A xeración Galaxia' © Editorial Galaxia

Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Xoan Vicente Viqueira e Antón Villar Ponte son os "membros sobranceiros" da "etapa prebélica" que abriron o camiño do "universalismo autóctono", segundo describe don Paco. Seguidores da súa actividade foron os fundadores do Seminario de Estudos Galegos Fermín Bouza-Brey, Xosé Figueira Valverde, Luís Tobío Fernández e Ramón Martínez López, entre outros. 

O libro fai un repaso que o propio autor considera máis a modo de testemuño que de historia do sucedido nun "tempo no que se suxeitaron as xentes ó vicio da conformidade". "Xa non se cría en nada, porque Galicia perdera a conciencia de si mesma", lamenta Del Riego sobre os anos fundacionais de Galaxia

A reedición do libro A xeración Galaxia, publicado inicialmente no ano 1996, incluído agora na Biblioteca Fernández del Riego que inaugura a Editorial Galaxia con motivo do Día das Letras Galegas para don Paco, conta na portada cunha ilustración do primeiro equipo executivo da editora asinada por Xohán Ledo (alias de Ricardo García) en 1950. O libro fai un repaso que o propio autor considera máis a modo de testemuño que de historia do sucedido nun "tempo no que se suxeitaron as xentes ó vicio da conformidade". 

A xeración Galaxia é a mellor testemuña fundacional da editorial, que xurdiu en "momentos nos que predominaba na conciencia colectiva o desnorte, a ignorancia, o escepticismo", en palabras de don Paco. Con todo, a Editorial Galaxia chegaría a desenvolver unha obra fecunda: "Non só porque andaría a medrar e medrar. Tamén porque estableceu a continuidade xeracional, que as dramáticas circunstancias estiveron a piques de rachar. Os homes de Galaxia viñan ser o pasado recente e, ó mesmo tempo, unha presenza viva". 

Caricatura de Xaime Isla Couto da "hidra de tres cabezas" que dirixía o proxecto de Galaxia na súa fundación: Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e el mesmo (1950) © Xaime Isla Couto

Del Riego critica como a poboación galega descoñecía, ou se cadra esquecera, "as figuras ilustres que tanto fixeran ó servizo do país, e que a ditadura reduciu ó silencio". "Xa non se cría en nada, porque Galicia perdera a conciencia de si mesma", lamenta. Aínda que a empresa bateu desde o comezo con numerosas limitacións, sempre deu a batalla "polo prestixio da lingua enmudecida e desprezada"

Aquel equipo inicial da Editorial Galaxia estaba dirixido por dous membros do consello de administración Xaime Isla Couto e mais Paco del Riego, e estaba formado polo inspector de primeiro ensino, Luís Viñas Cortegoso, o médico Ricardo García Suárez, o chanceler do consulado uruguaio, Emilio Álvarez Blázquez, o oftalmólogo, Antón Beiras García, o profesor de instituto de ensino medio, Rufo Pérez Gonzalez e o escolante Xosé Meixide González. "Designouse para exercer a dirección literaria a Ramón Piñeiro López, e para a dirección administrativa e comercial a Luís Viñas", apunta don Paco. 

Ao longo do libro, Del Riego vai relatando os retos financeiros da empresa, mais tamén os debates arredor da lingua e doutras cuestións editoriais. Aquí están o nacemento da revista Grial, do premio Illa Nova, da Fundación Penzol e as sucesivas xeracións de autores e autoras que foron nacendo ao abeiro delas, con Vigo como cidade protagonista. 

   
                               

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.