"Teño gravado como me dicía 'eu quero morrer cun puro na man e os pés na Penzol", lembra Malores Villanueva sobre as conversas nos derradeiros anos de Francisco Fernández del Riego que lle serviron para trazar a súa biografía con motivo da súa homenaxe no Día das Letras
Don Paco foi un home que cumpriu co seu rol autoimposto ata os últimos días. Quería facer país e ao longo dos seus 97 anos foi atopando diferentes maneiras de contribuír a Galicia desde a cultura, que é política, e a divulgación do propio. Na biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, que edita Galaxia, Malores Villanueva sérvese do medio cento de horas de conversas que ten gravadas co que foi un dos fundadores da editorial para trazar un retrato da súa figura como persoeiro do galeguismo, mais tamén como "un optimista radical" moi pendente das xeracións máis novas.
Como foi volver sobre as gravacións con don Paco para artellar a súa biografía?
Foi emocionante porque a memoria é fráxil e había moitos detalles que contara que xa quedaran esvaídos. É certo que eu xa volvera sobre as gravacións para a miña tese de doutoramento, pero fora de maneira moi inmediata. Emocionoume volver escoitarnos.
Comentaba Francisco Castro en Praza, a propósito do libro Lourenzá, a xenerosidade baixo a seriedade da figura de Paco del Riego. Na biografía transmítese esa xenerosidade desde as primeiras lembranzas.
Era serio, é certo que era unha persoa rigorosa e seria no traballo, pero iso non é incompatible con ser moi xeneroso. Érao especialmente, ademais, coa xente nova que estaba comezando porque tiña moita paciencia. Escoitando agora as nosas conversas decateime de que había cousas que lle preguntei que eu xa debera saber, pero que el me explicou igualmente con todo luxo de detalles. Na intimidade tamén era unha persoa moi alegre, el dicía que era "un optimista radical". Era moi próximo, o seu despacho na Fundación Penzol sempre estaba aberto para todas as persoas que se achegasen alí.
No libro tamén se lle retrata como un home preocupado pola súa imaxe exterior.
Era un home serio e preocupado pola proxección, que era a través da institución á que representase pero tamén a través del mesmo. Era moi consciente de que era o presidente da Fundación Penzol, ou o presidente da Real Academia no seu momento, e tiña ese pouso quizá da xente de antes, que coidaba a imaxe porque sabía que ía máis alá que a da súa persoa e reflectía todo o que o acompañaba. Nos últimos anos non lle gustaba que o visen deteriorado, deixou de recibir xente ou prensa porque non quería dar unha imaxe con algunha ferida de guerra, por dicilo dalgunha forma, propias da idade e da enfermidade. El sabía que era Francisco Fernández del Riego, non era un vello de 97 anos, senón que era un persoeiro histórico e quería manter unha imaxe.
"Na intimidade tamén era unha persoa moi alegre, el dicía que era 'un optimista radical"
Con esa conciencia tan presente, algunha vez chegou a dicirlle cal fora o seu maior logro?
El sempre dicía que non podía dicir un. É certo que viviu 97 anos e case oitenta foron de compromiso galeguista, vinculado en distintas etapas a institucións que foron moi importantes: o Partido Galeguista no seu momento, as mocidades do Seminario de Estudos Galegos, o seu papel na universidade como líder estudantil que reclama a galeguización da USC... El era fundamentalmente un home político, pero as circunstancias truncan esa carreira e tense que reinventar. E aparecen outras décadas nas que se reconverte nun home cultural, aínda que a cultura non deixa de ser unha forma de facer política. Falamos dunha cultura moi concienciada, a creación da Editorial Galaxia ou anteriormente as súas colaboracións coa BBC. O que si podemos dicir é cal era o proxecto ao que sentía máis apego, que era á Fundación Penzol, á que dedicou case cincuenta anos da súa vida: desde o 1963 ata o 31 de decembro de 2009, pois falece meses despois. Foi o único cargo ao que non renunciou, a Penzol para el era todo. Teño gravado como me dicía "eu quero morrer cun puro na man e os pés na Penzol", cousa que case consegue.
E é alí, no seu arquivo, onde aínda se están a atopar tesouros.
Si, é que el gardaba todo. E todo é todo, ten ata os cadernos de cando era estudante de Bacharelato. O seu arquivo é unha fonte inesgotable e sempre que imos buscar algo aparecen outras cousas. Lembro cando foi o Día das Letras adicado a Xela Arias, que apareceron no seu arquivo as primeiras redaccións de cando Xela tiña seis ou sete anos, porque el as gardara; as dela e as de todos os rapaces que participaran nun concurso da caixa de aforros no que fora xurado. Tiña ese sentido da posteridade tamén nisto, porque nunca se sabe o que pode ser importante, ademais, era unha persoa tremendamente ordenada así que o seu arquivo é unha verdadeira xoia. Hai tempo xa publicamos na revista Grial un conto inédito de Méndez Ferrín, que no seu momento el non quixera publicar dentro do Percival e outras historias, que tiña gardado Paco del Riego. Nel aínda hai cousas inéditas –agora sairá en Galaxia un inédito que me deixou a min–, artigos que non chegou a publicar e as súas cartas.
"O seu arquivo é unha fonte inesgotable. Cando foi o Día das Letras adicado a Xela Arias apareceron nel as primeiras redaccións de cando Xela tiña seis ou sete anos"
É nesa concepción da posteridade na que se enmarca a idea de festexar o Día das Letras Galegas?
Si, como se documenta no libro, el xa escribe un artigo sobre iso no ano 1933. Fala naquel momento dunha semana dedicada ao libro galego e a poñelo en valor. Algo que retoma, polas circunstancias que todos coñecemos, trinta anos despois. El sempre contaba que cando lle enviaron a obra de teatro de Castelao Os vellos non deben de namorarse a Uxío Novoneyra ao Courel, este lle respondeu preguntando quen era esa persoa que escribía e entendía tan ben o sentir do pobo galego; porque naquel momento Novoneyra, que era un rapaz duns vinte anos, non sabía quen era Castelao. Daquela as novas xeracións de escritores sabían de literatura europea pero descoñecían totalmente o que acontecía literariamente en Galicia antes do 1936. Era moi consciente da importancia de divulgar, difundir e formar ás persoas en literatura e en país. Esa idea sempre estivo nel, pois dicía que abandonou toda a súa intención de ser escritor en favor da divulgación porque pensaba que era máis necesaria.
Vese unha clara relación entre o momento que lle tocou vivir, con ese golpe de estado do 1936 e todo o que veu despois, e a súa insistencia en que as persoas debemos ter memoria.
"Era moi consciente da importancia de divulgar, difundir e formar ás persoas en literatura e en país"
Claro, é que o cambiou todo. El empregaba sempre a palabra "mazazo", dicía que a guerra fora un mazazo porque realmente eles estaban nun momento álxido coa aprobación do Estatuto de Autonomía, conseguindo logros en ámbitos como a universidade... e de repente todo iso se vén abaixo. Plántanlle lume á imprenta Nós e faise cinzas ese proxecto e todos os demais... Hai un feito moi significativo, cando el enterra nun baúl toda a documentación comprometida na casa da súa nai, que vivía no monte do Castro [en Vigo], porque non a quere destruír, sabe que se o fai non quedará constancia das cartas de Castelao e de tantos outros documentos que mostran o que fixeran antes do 1936. Esa escena, que me parece tan cinematográfica, del indo a enterrar, e anos despois a desenterrar, esa documentación redunda na idea do necesario que era conservar para el. Algún día –eles crían que antes– chegaría a democracia e habería que contar todo o que había antes.
Por que decide incluír un capítulo sobre a súa faciana no tempo de lecer?
Parecíame necesario porque se les a biografía pensas que estaba as vinte e catro horas do día traballando. Un imaxínao no seu despacho escribindo a máquina e facendo xestións burocráticas e creativas. Pero a outra parte é moi importante e creo que dá boa medida del, que sempre dicía que a diferencia doutros galeguistas el parecíase máis a Otero Pedrayo, co que tiña unha gran sintonía, pois a ambos lles gustaba moito reunirse, comer, cantar... A toda esa parte máis xovial e divertida tamén lle dedicou moitas horas. El dicía que durmía pouco, e era moi organizado, entón o día rendíalle moitísimo. Gozaba moito das sobremesas que mantivo ata o último día, fumando o seu puro e tomando súa copa de whisky, de falar e de ir ao fútbol. Ía asiduamente a Balaídos e miraba o fútbol na tele tamén. Pensei que se non contaba todo isto non estaba sendo totalmente fiel á súa persoa.
Cal é a idea principal sobre don Paco que lle quere transmitir ás novas xeracións co libro, que ademais vai dedicado á súa filla Mariña?
Que foi un loitador que tivo claro desde os 18 anos o que significaba Galicia, non como un territorio habitado, como el dicía, senón como un territorio cunha cultura e unha lingua propias. Esa idea guiou toda a súa vida, aínda que non foi doado e as circunstancias históricas moitas veces impediron o desenvolvemento total dos seus proxectos, sempre se mantivo no camiño. E cando se pechaba un camiño buscaba outra idea para avanzar, como no ano 1936. Foi un loitador pola idea de Galicia, que é o título da biografía, pero que é un título seu –como se conta no libro– aínda que eu creo que o define moi ben porque loitou ata o último folgo por unha Galicia dona de seu, por unha Galicia máis consciente do que é.