A "visión impresionista" de Fernández del Riego sobre a súa Lourenzá natal

Francisco Fernández del Riego en 1957 © RAG
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-galaxia-e2e2bc8.jpeg

Francisco Fernández del Riego realiza en 'Lourenzá' unha serie de apuntamentos históricos, persoais e sentimentais sobre a terra que o viu nacer alá polo 1913. Sen vontade erudita, máis ben dun paseo pola memoria dun namorado da Mariña

A reedición de Lourenzá, que ocupa un lugar destacado na Biblioteca Francisco Fernández del Riego da Editorial Galaxia, é unha boa nova máis dos festexos arredor do autor polo Día das Letras na súa honra. O propio don Paco explica nas primeiras liñas desta obra que se trata dunha “historia rememorativa” porque aínda que “en certas ocasións esquecer é doce” e “nalgunha circunstancia rememorar é amargo”, o escritor ten claro que “nunca é inútil”.

“Achégome emocionado á breve paisaxe coa que tanto convivín”, explica aos lectores para sinalar que o que vén é unha sorte de mestura de apuntamentos históricos, persoais e sentimentais sobre a terra que o viu nacer alá polo 1913. Por moito que o seu traslado a Vigo o convertese en vigués adoptivo, este libro é unha declaración de amor e arraigo á Mariña lucense.

Reedición de 'Lourenzá', de Francisco Fernández del Riego, en Galaxia © Editorial Galaxia

Con 18 anos, o 25 de xullo de 1931, Fernández del Riego pronunciou o seu primeiro discurso en clave galeguista en público desde o balcón do pazo consistorial de Lourenzá. A vila está para el chea de lembranzas, por iso non fai un retrato erudito, senón que tenta ofrecer “unha visión impresionista” e “sentimental” repasando as manifestacións artísticas destacadas para el, como o mosteiro –“Moitas veces me teño parado a contemplar a fachada na que se reflicte a capacidade artística de Casas e Novoa”–, ou a orografía da zona –“Sempre tiven conciencia de que a bisbarra laurentina constituía unha unidade xeográfica e sociolóxica”– e ese val do que tamén falou Otero Pedrayo.

"Nunca esquecín as impresións que deixou en min a fermosa paisaxe laurentina", asevera don Paco no libro

Describe don Paco con precisión como eran os seus días de neno en Lourenzá, onde a actividade comezaba ao amencer coas peixeiras chegadas de Foz para vender na praza e os coches de liña que partían do centro da vila. Pasaba a mañá camiñando polas rúas dunha punta a outra e as tardes conversando coa veciñanza nas prazas ou nos bares. Recollíanse cedo, co son das campás, e conta que sentía certa “melancolía” ao deitarse despois de cear coa familia, coa vila toda “en repouso”. “O gato, meu amigo, acariñábase, ronronando, nos meus pantalóns”, lembra.

Na que define como a súa primeira mocidade era fácil atopalo en Mondoñedo, onde acostumaba ir a pé, para seguir aprendendo da súa historia. Outro percorrido “da saudosa querenza” daqueles anos saía de Lourenzá ata o alto de Vilamar ata a aldea de Cubelas, e de aí ata o mar, pasando por Ribadeo. Pero non queda só na xuventude, cara ao final do libro narra como foron as sucesivas visitas xa de maior, como muda a ollada sobre a terra dun cando marcha. “Nunca esquecín as impresións que deixou en min a fermosa paisaxe laurentina”, asevera.

A asociación cultural Osorio Gutiérrez na celebración do 110 aniversario de Francisco Fernández del Riego en Lourenzá © RAG

"Paco del Riego entregou a súa vida a Galicia. Non hai maior mostra de xenerosidade ca iso", di Francisco Castro

Baixo a aparencia dunha persoa moi seria, en textos como este Lourenzá atópase a un home cunha clara vontade de deixar un legado, de aportar algo para as xeracións que veñan detrás para que coñezan a súa terra, ás xentes que el coñeceu de neno e as historias da comarca porque o que non se coñece non se ama, e o que non se ama non se preserva. “Era un home serio, si, pero ao mesmo tempo era moi divertido e sobre todo moi xeneroso”, asegura o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

“Paco del Riego entregou a súa vida a Galicia, parece unha frase feita pero é así. Non hai maior mostra de xenerosidade ca iso. Foi un home moi consciente da traxedia abismal á que se enfrontaba a nosa cultura e o noso país desde todos os puntos de vista, tamén no político, coa sublevación fascista e o réxime que veu despois, xogándose literalmente a vida puxo absolutamente toda a súa enerxía en intentar deixarnos aos que viñamos detrás un país e un futuro mellor. E iso é a xenerosidade”, salienta Castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.