A celebración coincidirá cos 60 anos do primeiro Día das Letras Galegas, evento do que foi inspirador, e os 110 anos do nacemento do intelectual
A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2023 a Francisco Fernández del Riego. O Pleno da institución acordou este sábado centrar a celebración do vindeiro ano no intelectual nacido en Vilanova de Lourenzá en 1913 e finado en Vigo en 2010, unha homenaxe que coincidirá cos 60 anos do primeiro Día das Letras Galegas, un evento do que foi inspirador, e os 110 anos do seu nacemento.
A Academia destaca que Fernández del Riego foi un "loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo".
A RAG destaca que Fernández del Riego foi un "loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo"
Membro da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós, converteuse "nunha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no exilio interior durante o franquismo, cunha traxectoria polifacética e prolífica que abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición".
Foi, así mesmo unha "ponte" entre a Galicia interior e os exiliados e exiliadas. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia. Ademais, presidiu a RAG entre 1997 e 2001
A pesar de que comezou os seus estudos universitarios en Madrid, moi logo se trasladou a Compostela para seguir alí a carreira de Dereito, ademais levar a cabo dunha intensa actividade cultural e política. A RAG destaca que con só 20 anos, os seus compañeiros elixírano para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandaba unha universidade foco de modernización e galeguización da sociedade.
Foi membro do Partido Galeguista, foi o primeiro secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e integrou o Seminario de Estudos Galegos
Ademais, neses anos foi membro do Partido Galeguista, foi o primeiro secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e integrou o Seminario de Estudos Galegos, ademais de formar parte do Consello galego de Galeusca (1934). Iniciou tamén nos anos trinta a súa prolífica traxectoria de colaboracións en medios de comunicación, con artigos en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra e Heraldo de Galicia.
Redactou manifestos (un dos primeiros en 1931 en Lourenzá), pronunciou conferencias e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos”.
No inicio da Guerra Civil foi inhabilitado pola súa militancia galeguista, obrigado a incorporarse ao exército franquista e en 1947 foi detido, encarcerado e xulgado en consello de guerra, sendo finalmente exculpado
No inicio da Guerra Civil foi inhabilitado pola súa militancia galeguista, destituído como profesor de Dereito Civil da USC, sendo ademais sancionado polo Tribunal de Orde Pública. Tivo que se agachar por un tempo e, finalmente, foi obrigado a incorporarse ao exército franquista. Tralo remate da guerra, instalouse en Vigo, onde era menos coñecido, para impartir alí clases particulares. Con todo, en 1947 foi detido, encarcerado e xulgado en consello de guerra, sendo finalmente exculpado.
Mesmo tivo que ocultar o seu verdadeiro nome para gañar a vida e comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche. Dende esta cabeceira, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas coma as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.
Na década dos 50 participou moi activamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964)
Na década dos 50 participou moi activamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director ata o seu pasamento.
Exerceu de ponte entre o galeguismo interior e o do exilio, sendo moi destacada a correspondencia que intercambiaba con Luís Seoane. Para a RAG estas cartas amosan "como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade". Militou ademais no Partido Socialista Galego (PSG), do que chegou a ser Secretario Xeral, abandonando a formación en 1978.
O primeiro Día das Letras, dedicado en 1963 a Rosalía de Castro, partiu dunha proposta de Fernández del Riego.
Ingresou como membro de número da RAG no ano 1960 cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, respondido por Carvalho Calero. Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Gallegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das sinaturas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara o propio Fernández de Riego.
A RAG destaca que o seu nomeamento en 1997 como presidente da Academia "significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo".
A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, destaca en primeiro lugar polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora, cunha cifra total que supera o milleiro de artigos. A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba, ou a Medalla Castelao.
Publicou máis dun milleiro de artigos en xornais e revistas, participou en libros colectivos, escribiu numerosos ensaios e destacou na literatura de viaxes
Participou ademais en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo. No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
Tamén cultivou a literatura de viaxes en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega. Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).