"Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da aitividade intelectual galega". O 20 de marzo de 1963 os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo asinaban unha proposta para crear unha gran festa cívica ao redor dos "nosos libros", que coincidiría coa data na que Rosalía de Castro lle dedicou a Fernán Caballero Cantares Gallegos, obra da que se ía celebrar o centenario.
O 20 de marzo de 1963 os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo asinaban unha proposta para crear unha gran festa cívica ao redor dos "nosos libros", aprobada meses despois pola RAG
"Ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo da Letras Galegas", destacaba a proposta, que o 28 de abril foi aprobada por unanimidade pola Real Academia Galega. O 17 de maio dese ano 1963 celebrouse o primeiro Día das Letras Galegas, que homenaxeou, precisamente, a Rosalía de Castro.
Neste ano celébrase o 60 aniversario do inicio desta conmemoración e faino homenaxeando, precisamente, ao seu principal impulsor, pois foi Del Riego quen primeiro albiscou a necesidade de poñer en marcha unha celebración con estas características e así o propuxo só tres anos despois de ingresar na Academia como membro de número, unha iniciativa na que contou coa colaboración de dous académicos máis veteranos.
Foi Del Riego quen primeiro albiscou a necesidade de poñer en marcha a celebración "Parecíame que, tendo Galicia unha literatura e unha lingua de seu, sería conveniente que contase cunha festa simbólica semellante. Unha festa cultural consagrada á rememoranza exaltatoria e difusora das letras na nosa fala”, di nas súas memorias
“Ano tras ano víñase conmemorando en todo o territorio do Estado, cada 23 de abril, a data do pasamento de Cervantes coa nominación do Día do Libro. Ideárase para exaltar en festividade o libro escrito en idioma castelán. Parecíame que, tendo Galicia unha literatura e unha lingua de seu, sería conveniente que contase cunha festa simbólica semellante. Unha festa cultural consagrada especialmente á rememoranza exaltatoria e difusora das letras na nosa fala”, explica Del Riego nas súas memorias.
Así, este 17 de maio celébrase a Fernández del Riego, celébrase a propia institución do Día das Letras Galegas e celébrase a cultura galega no seu conxunto a través da figura do intelectual nacido en Lourenzá en 1913. Pois Del Riego foi, ante todo, un loitador incansable a prol da cultura galega. Corazón e pulmón do galeguismo, atravesou e foi atravesado polo século XX, servindo de ponte entre a Galicia interior e o exilio e entre a Segunda República e as novas xeracións posteriores á Guerra Civil.
60 anos do Día das Letras
Co gallo do 60 aniversario dunha conmemoración que foi gañando apoio social e acabou convertida na meirande celebración da cultura galega, a RAG publicou hai uns días na súa web unha "mostra virtual" que percorre a evolución do Día das Letras
Co gallo do 60 aniversario dunha conmemoración que foi gañando apoio social e acabou convertida na meirande celebración da cultura galega, a Real Academia Galega publicou hai uns días na súa web unha "mostra virtual" que percorre en imaxes a evolución do Día das Letras dende aquela primeira edición de 1963.
A celebración do primeiro ano consistiu basicamente nunha conferencia de Ricardo Carballo Calero no salón Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, e mais no recitado de catro poetas mozos: Xohana Torres, Carlos Casares, Arcadio López-Casanova e Salvador García-Bodaño. Tamén houbo actividades en Lugo (Mostra do Libro Galego), Vigo, A Coruña e algunhas outras localidades. Mais o gran pulo da celebración veu da man do asociacionismo cultural, que daquela empezaba a agromar en toda Galicia, apoiado principalmente na xente nova. A asociación O Galo sacou en Santiago os libros galegos á rúa, e axiña outras asociacións seguiron o seu exemplo.
O gran pulo da celebración veu da man do asociacionismo cultural
Así, co paso dos anos un acto académico e institucional converteuse nunha festa cívica, acollida e exercida pola sociedade civil que "honra os nosos libros", como propoñía Del Riego e o conxunto da lingua e da cultura galega. As imaxes que compoñen a mostra virtual prublicada pola RAG dan conta deste crecemento e popularización e amosa como foron gañando peso feiras do libro, festas populares e manifestacións e outros actos públicos, tanto en Galicia coma na diáspora.
Lourenzá, centro das celebracións
Lourenzá será o centro das celebracións, pois a vila acolle este mércores o pleno da RAG, unha sesión extraordinaria na que académicos Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo trazarán o retrato de Don Paco e do seu legado
Lourenzá será, ademais, o centro destas celebracións, pois a vila acolle este mércores o tradicional pleno da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas, unha sesión extraordinaria na que académicos Xesús Alonso Montero, Francisco Díaz-Fierros e Margarita Ledo trazarán o retrato de Don Paco e do seu legado. O acto, con entrada libre ata completar a capacidade do local, comezará ás 12:30 horas no centro de usos múltiples de Ponte de Cuñas e contará coa música do cuarteto Souto Xímaro (Lourenzá) e do coro Mestre Pacheco (Mondoñedo).
Xesús Alonso Montero afondará na súa intervención nun episodio que ilustra o importante papel que Francisco Fernández del Riego exerceu como ponte entre a Galicia da diáspora e o exilio interior, Francisco Díaz-Fierros centrarase no devir da paisaxe na obra do homenaxeado e Margarita Ledo Andión abordará a relación que don Paco, prolífico articulista dende os anos 30 do século pasado, mantivo cos medios de comunicación, consciente da importancia da prensa como esfera pública. Pechará o acto o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
Un vitalista "loitador cultural", pero moi político
Nos últimos meses un gran número de publicacións e iniciativas afondaron na figura de Fernández del Riego, que "chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo, pero o seu activismo destacara xa durante a II República", destaca a RAG.
Fernández del Riego "chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo, pero o seu activismo destacara xa durante a II República", di a RAG
Sobreviviu á Guerra Civil e á represión franquista, e tivo que alistarse na filas franquista para salvar a vida tras ser sinalado para que o paseasen. Tamén tivo que abandonar Compostela, inhabilitado para a docencia polos franquistas, gañando a vida dando clases particulares en Vigo. Anos despois comezou de novo a escribir co pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán La Noche.
Naqueles anos 40 comezou tamén a tender pontes entre a Galicia do interior e a do alén mar, sendo moi destacada a correspondencia que intercambiaba con Luís Seoane. Para a RAG estas cartas amosan "como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade". No ano 1947 organizou as colaboracións coa BBC británica para a emisión dun programa semanal de radio en galego, o Galician Programme impulsado por Plácido Castro ou Alejandro Raimúndez.
"Traballou incansablemente polo noso país”, destaca a biografía realizada por Ramón Nicolás
Neses anos “traballou incansablemente polo noso país”, como destaca a biografía realizada por Ramón Nicolás. Así, dende os anos 50 participou moi activamente nos diferentes proxectos que procuraban a recuperación do proceso cultural de Galicia, nomeadamente na creación da editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951) e da Fundación Penzol (1963), da que acabou sendo director.
Figura poliédrica, Don Paco foi, así mesmo, membro do Seminario de Estudos Galegos, do Consello da Cultura Galega, da Asociación Internacional de Críticos Literarios, da Fundación Laxeiro, dos Padroados Carlos Maside e Rosalía de Castro, da Fundación Luís Seoane, do Museo do Pobo Galego, presidente e socio de ANABAD-Galicia, do Instituto Galego de Información e da Fundación Otero Pedrayo.
Foi "editor, publicista, memorialista, ensaísta, viaxeiro, narrador de ficcións, autor dunha inxente correspondencia coas personalidades máis sobranceiras da cultura galega do seu tempo, político cando puido selo, editorialista, orador brillante, crítico literario e xestor de empresas culturais", como destaca Víctor Freixanes.
"Paco del Riego era un home político, pero tívose que reinventar", di Malores Villanueva
Un "loitador cultural" que, con todo, foi tamén moi "político", como destaca Malores Villanueva, autora da biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia, que edita Galaxia. "Paco del Riego era un home político, pero tívose que reinventar", di nesta entrevista, na que explica que por necesidades do tempo no que vivía, en plena ditadura, Del Riego "se reconverte nun home cultural, aínda que a cultura non deixa de ser unha forma de facer política. Falamos dunha cultura moi concienciada". Ademais, militou dende a súa creación no Partido Socialista Galego (PSG), do que chegou a ser Secretario Xeral, abandonando a formación en 1978.
As persoas que o coñeceron e que nos últimos meses veñen afondando na súa figura destacan tamén o seu carácter "vitalista" e a súa "sensibilidade artística"
As persoas que o coñeceron e que nos últimos meses veñen afondando na súa figura destacan tamén o seu carácter "vitalista" e a súa "sensibilidade artística". "Na intimidade tamén era unha persoa moi alegre, el dicía que era 'un optimista radical", escribr por exemplo Malores Villanueva.
E, de igual xeito, Antón Masato declara: "Paco sempre foi unha persoa incluso máis que hedonista, case voluptuosa, comendo, bebendo e en máis cousas. Non podemos tratar a estas figuras como se fosen santóns e subilas a altares de igrexas, hai que tratalos como o que foron, seres humanos que ademais de facer moitísimas cousas e moi importantes, tamén gozaron da vida, e iso hai que dicilo".
En 1997 foi elixido presidente da RAG, que destaca que o seu nomeamento "significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo"
A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, destaca en primeiro lugar polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia. Asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
Tamén cultivou a literatura de viaxes en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega. Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).
En 1997 foi elixido presidente da Real Academia Galega, sucedendo a Domingo García-Sabell. A RAG destaca que o seu nomeamento "significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo".