Neste 2023 que vimos de comezar Francisco Fernández del Riego é protagonista. Á súa figura está dedicado o Día das Letras Galegas, un recoñecemento co que a Real Academia quixo destacar o seu papel clave como "loitador cultural" ao longo de boa parte do século XX e ata o seu pasamento no ano 2010. Fernández del Riego naceu en Lourenzá no ano 1913 e precisamente en Lourenzá é onde van comezar este sábado as celebracións do Ano das Letras dedicadas ao intelectual, conmemorando o seu 110 aniversario.
Lourenzá celebrará este sábado o 110 aniversario do intelectual nun acto que suporá tamén a inauguración do Ano Francisco Fernández del Riego
“Trouxéronme ao mundo dos vivos un 7 de xaneiro do 1913. Xusto cando ían de retirada os Reis Magos”, conta Francisco Fernández del Riego en Camiño andado, as memorias que publicou no ano 2003, xa con 90 anos ás costas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, pronunciará este 7 de xaneiro o discurso da inauguración do Ano Francisco Fernández del Riego, unha cita organizada pola Mesa Coordinadora don Paco e o propio Concello de Lourenzá.
Presentarase tamén o espazo dedicado a Fernández del Riego na web da Academia, encabezado pola biografía realizada por Ramón Nicolás, que destaca que “traballou incansablemente polo noso país"
Será no salón de actos municipal ás 17 horas, onde se presentarán a exposición 110 anos de Del Riego e un calendario biográfico. A festa continuará a partir das 18 horas no multiusos Ponte de Cuñas cun concerto de música antiga de Grupo 1500 e coa actuación do grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.
Ademais, este sábado presentarase o espazo dedicado a Fernández del Riego na web da Academia, encabezado pola biografía realizada por Ramón Nicolás, que destaca que “traballou incansablemente polo noso país” e que “desempeñou un papel clave na vinculación do universo do exilio franquista e a Galicia do interior”.
Del Riego foi "editor, memorialista, ensaísta, viaxeiro, narrador de ficcións, autor dunha inxente correspondencia, político cando puido selo, orador brillante, crítico literario e xestor de empresas culturais"
Na biografía tamén se incide noutros aspectos dunha figura poliédrica e polifacética, pois Del Riego foi "editor, publicista, memorialista, ensaísta, viaxeiro, narrador de ficcións, autor dunha inxente correspondencia coas personalidades máis sobranceiras da cultura galega do seu tempo, político cando puido selo, editorialista, orador brillante, crítico literario e xestor de empresas culturais", como salienta tamén Freixanes, que subliña o seu papel clave na fundación da editorial Galaxia e noutras "moitas iniciativas a prol da recuperación da lingua e a identidade de Galicia”.
Tamén foi determinante na creación da propia celebración e homenaxe do Día das Letras Galegas que nesta ocasión el recibe. Foi unha das primeiras propostas que Del Riego realizou como membro de número da RAG
Tamén foi determinante na creación da propia celebración e homenaxe do Día das Letras Galegas que nesta ocasión el recibe. Foi unha das primeiras propostas que Del Riego realizou como membro de número da RAG. “Ano tras ano víñase conmemorando en todo o territorio do Estado, cada 23 de abril, a data do pasamento de Cervantes coa nominación do Día do Libro. Ideárase para exaltar en festividade o libro escrito en idioma castelán. Parecíame que, tendo Galicia unha literatura e unha lingua de seu, sería conveniente que contase cunha festa simbólica semellante. Unha festa cultural consagrada especialmente á rememoranza exaltatoria e difusora das letras na nosa fala”, explica Del Riego nas súas memorias.
Na procura dunha data significativa, deu co 17 de maio, día no que Rosalía lle dedicou a Fernán Caballero Cantares gallegos, xusto no ano en que se celebraba o centenario do poemario. Rosalía foi así en 1963 a primeira protagonista do Día das Letras Galegas, unha data que comezou tendo carácter académico a día de hoxe é xa a “festa grande da nosa cultura”, destaca Freixanes.
Iniciativas da RAG no 'Ano Fernández del Riego'
A RAG publicará as cartas que intercambiaron Fernández del Riego e Otero Pedrayo, unha edición a cargo da investigadora Patricia Arias Chachero con limiar de Xesús Alonso Montero
Son varias as accións divulgativas que a Real Academia Galega está a preparar para os vindeiros meses para homenaxear a Del Riego e difundir a súa figura entre a sociedade. No espazo web que vén de inaugurarse poderá accederse a unha nova edición de Primavera das Letras, a páxina da RAG dirixida ao público infantil. As encargadas de lles contar a vida do homenaxeado aos nenos e nenas serán a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo, nunha iniciativa que se presentará en breve en Lourenzá.
Ademais, a RAG ofrecerá na súa web unha serie documental audiovisual sobre o autor, dirixida pola produtora Miramemira. A Academia repite deste xeito a exitosa iniciativa que xa levou a cabo para divulgar a figura e a obra de Xela Arias.
A escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo son as responsables da edición deste ano da Primavera das Letras, que achega a figura do homenaxeado a nenos e nenas
Outro proxecto destacado é a edición das cartas que intercambiaron Francisco Fernández del Riego e o seu amigo Ramón Otero Pedrayo, unha edición a cargo da investigadora Patricia Arias Chachero con limiar do académico Xesús Alonso Montero. Xa en outono, a Academia celebrará o Simposio Francisco Fernández del Riego, que congregará distintas voces especialistas para ofrecer novas olladas ao legado do homenaxeado.