Unha ducia de momentos na vida do "loitador cultural" Francisco Fernández del Riego
A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2023 ao intelectual nacido en Lourenzá, "unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave da resistencia no interior durante o franquismo", que ademais exerceu de ponte co exilio e participou na meirande parte das iniciativas, institucións e empresas culturais postas en marcha nese tempo.
-
01
De Lourenzá
Francisco Fernández del Riego naceu en Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, fillo primoxénito dun total de once irmáns. Na imaxe, cos seus pais Vicente Fernández e Amada del Riego. O pai era un rico comerciante de Cedofeita (Ribadeo) e agrarista e a nai era desdente do xeneral Rafael del Riego, que deu nome ao himno republicano.
-
02
Os anos 30, en Compostela
En 1930 Francisco Fernández del Riego marchou estudar a Madrid, pero pouco despois a familia trasladouse a Compostela e matriculouse en Dereito na Universidade de Santiago, onde dende o inicio desenvolve unha intensa actividade cultural e política. Con só 20 anos, os seus compañeiros elixírano para pronunciar o discurso de representación do alumnado na inauguración oficial do curso 1933-1934, no que demandaba unha universidade foco de modernización e galeguización da sociedade.
Fotografía enviada por Francisco Fernández del Riego, cunha coroza, a Camilo Díaz Baliño en 1934
-
03
Galeguista
Neses anos foi membro do Partido Galeguista e foi o primeiro secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista. En 1932 foi elixido secretario xeral da agrupación Ultreya e integrou o Seminario de Estudos Galegos. Ademais, formou parte do consello galego de Galeusca (1934).
Na imaxe, do 19 de xuño de 1932, Del Riego aparece con Ramón Villar Ponte, Antón Villar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Ramón Rodríguez Somoza, Manuel Beiras, Manuel Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Carlos Maside ou Alexandre Bóveda.
-
04
Intensa actividade cultural e xornalística
Neses anos redactou tamén manifestos (un dos primeiros en 1931 en Lourenzá), pronunciou conferencias e integrouse dende o primeiro momento na comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia. A súa actividade foi tal que Ramón Piñeiro chegou a cualificar a súa voz como “unha das manifestacións máis vibrantes do pensamento galeguista daqueles anos”.
Iniciou tamén nos anos trinta a súa prolífica traxectoria de colaboracións en medios de comunicación, con artigos en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra e Heraldo de Galicia.
Na imaxe, Cunqueiro, Del Riego e Carvalho Calero en Compostela nos anos 30
-
05
A Guerra
No inicio da Guerra Civil foi inhabilitado pola súa militancia galeguista, destituído como profesor de Dereito Civil da USC, sendo ademais sancionado polo Tribunal de Orde Pública. Tivo que se agachar por un tempo e, finalmente, foi obrigado a incorporarse ao exército franquista para poder salvar a vida. Na imaxe, de 1938, está en Salamanca.
Tralo remate da guerra, instalouse en Vigo, onde era menos coñecido, para impartir alí clases particulares. Con todo, en 1947 foi detido, encarcerado e xulgado en consello de guerra, sendo finalmente exculpado.
-
06
La Noche
Despois da Guerra Civil comezou de novo a escribir en prensa, empregando o pseudónimo de Salvador Lorenzana no xornal compostelán vespertino La Noche, nacido en 1946 e que en 1967 se fusionou con El Correo Gallego. Na súa traxectoria empregaría outros pseudónimos, como Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Alevín
Dende La Noche, xunto a Ramón Otero Pedrayo, conseguiu que os temas sobre Galicia e a súa cultura acadasen cada vez unha maior presenza e proxección, atraendo canda eles plumas ata daquela caladas coma as de Florentino López Cuevillas, Valentín Paz Andrade, Vicente Risco, Ricardo Carvalho Calero, Álvaro Cunqueiro e os irmáns Álvarez Blázquez.
-
07
Ponte entre o galeguismo interior e o do exilio
Exerceu de ponte entre o galeguismo interior e o do exilio, sendo moi destacada a correspondencia que intercambiaba con Luís Seoane. Para a RAG estas cartas amosan "como o seu talante aberto e dialogante, xunto coa súa autoridade intelectual e inquebrantable entusiasmo, conseguiron manter vivo un fío de entendemento entre eses dous xeitos de vivir a galeguidade".
No ano 1947 organizou as colaboracións coa BBC británica para a emisión dun programa semanal de radio en galego, o Galician Programme impulsado por Plácido Castro ou Alejandro Raimúndez.
Na imaxe, Del Riego ante a tumba de Castelao no cemiterio bonaerense de Chacarita en 1954
-
08
Xeración Galaxia
Na década dos 50 participou moi activamente na creación da Editorial Galaxia, da que foi secretario do consello de administración e máis tarde director xerente. Foi tamén cofundador da revista Grial (1951), que codirixiu e para a que escribiu de forma asidua recesións literarias e artigos, e da Fundación Penzol (1964), da que acabou sendo director ata o seu pasamento. Militou dende a súa creación no Partido Socialista Galego (PSG), do que chegou a ser Secretario Xeral, abandonando a formación en 1978.
Na imaxe, recepción a Francisco F. del Riego na súa visita a Buenos Aires en 1954, acompañado entre outros, de Antón Alonso Ríos, Manuel Puente e Ramón Suárez Picallo
-
09
Membro da RAG e proposta de creación do Día das Letras
Ingresou en 1960 na Real Academia Galega, a proposta de Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Casás Fernández e Sebastián Martínez-Risco O 26 de novembro leu o discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, respondido por Ricardo Carvalho Calero.
Tres anos despois, a institución dedicáballe a Rosalía de Castro, no centenario de Cantares Gallegos, o primeiro Día das Letras Galegas, unha proposta que, co apoio das sinaturas dos académicos Ferro Couselo e Gómez Román, presentara o propio Fernández de Riego.
-
10
"Loitador cultural incansable"
Nos anos seguintes mantivo a súa intensa actividade en distintos eidos. Para a RAG foi un "loitador cultural incansable que chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo".
Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Consello da Cultura Galega, da Asociación Internacional de Críticos Literarios, da Fundación Laxeiro, dos Padroados Carlos Maside e Rosalía de Castro, da Fundación Luís Seoane, do Museo do Pobo Galego, presidente e socio de ANABAD-Galicia, do Instituto Galego de Información e da Fundación Otero Pedrayo
-
11
Presidente da RAG
Entre 1997 e 2001 foi presidente da Real Academia Galega, sucedendo a Domingo García-Sabell. A RAG destaca que o seu nomeamento "significou un cambio radical nas actividades desta institución, que se reactivaron significativamente e, sobre todo, se axeitaron aos novos tempos que estaban a vivir Galicia e o mundo".
Na imaxe, Fernández del Riego asina no libro de honra da Universidade da Coruña o 17 de maio do ano 2000, o Día das Letras Galegas dedicado a Manuel Murguía
-
12
Unha ampla obra, sobre todo de ensaio
A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, destaca en primeiro lugar polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia. Asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (Buenos Aires, 1954), Historia de la literatura gallega (Vigo, 1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (Vigo, 1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (Vigo, 1957), Letras do noso tempo (Vigo, 1974), Diccionario de escritores galegos (Sada, 1990) ou Sinais dunha cultura (Pontevedra, 2003).
Tamén cultivou a literatura de viaxes en volumes como As peregrinacións xacobeas (A Coruña, 1983), A pegada das viaxes (Vigo, 2000), Portugal norteño (Vigo, 2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (Vigo, 2001-2003) e Lourenzá (2004). Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega. Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (Sada, 1990) e Camiño andado: memorias (Vigo, 2003).
-
13
Casa Galega da Cultura
A Fundación Penzol (que acolle a Casa Galega da Cultura) e a súa biblioteca foron un dos espazos esenciais na vida e na traxectoria de Francisco Fernández del Riego. No ano 1995, doou á cidade de Vigo a súa colección bibliográfica; un importante arquivo integrado por documentos, unha colección de arte plástica con obras de pintores e escultores coetáneos e un nutrido epistolario de figuras representativas da cultura galega contemporánea. Esta doazón constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, establecida na Casa Galega da Cultura, en Vigo.