Praza Pública

Unha ducia de temas de VINTE que che poden interesar

Como se vive aquí? É a gran pregunta fundacional de VINTE, a revista de sociedade, cultura e tendencias que edita a Fundación Praza Pública. No inicio de agosto, mes no que a redacción de VINTE colle un merecidísimo descanso, achegámonos a unha ducia dos temas que levan publicado no último ano. Unha pequena escolma para levares no peto e, por exemplo, saborear devagar nalgún sitio á sombra nas próximas semanas.

  1. 01

    Vinte na vila

    A serie de reportaxes multimedia editada pola Fundación Praza Pública grazas á colaboración de Caixa Rural Galega achéganos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente. Unha Galicia moi viva na que suceden cousas como este desfile de moda no Pazo de Sabadelle, no que estivemos durante a nosa visita a Chantada. Vinte na Vila vén de principiar unha nova xeira con Vilagarcía como primeira parada.

    © Eva R. Argiz

  2. 02

    O que está a pasar nas cociñas

    Con Jorge Guitián como guía de excepción, a gastronomía déixanos agasallos gorentosos en VINTE mediante percorridos por diversos puntos do país, xeografías diversas que van alén dos lindes administrativos. Imos sabendo o que está a pasar na cociña de Compostela ou da Coruña, pero tamén os sabores e arrecendos na Terra Chá e súa contorna, ao sur de Vigo,  no Golfo Ártabro, en Pontevedra pola Terra do Medio ou polo leste ourensán. Nestas semanas de escapadas ou viaxes pode ser un gorentoso guieiro. Na imaxe, Jorge Guitián amósanos un dos pratos da Parada das Bestas, en Palas de Rei.

  3. 03

    Lúa Mosquetera

    "Antes ser antifascista era un consenso social", afirmou rotunda Lúa Mosquetera o pasado xullo nunha gorentosa entrevista para VINTE. En vésperas da súa maternidade, a artista conversou ás claras desa transición de ser filla a ser nai, do recital na Coruña que ultimaba neses días, da campaña que elaborou para a campaña do BNG polo 8M -e as reaccións ao respecto-. Unha das voces imperdibles na Galicia dos anos 20.

    © Andrea Sánchez

  4. 04

    A outra vitoria do Celta

    "O uso do galego reforza o noso crecemento", resumen dende o Celta para explicar como a súa estratexia "Raíces" dispara o crecemento do club pensando e comunicando en clave de país. Máis visualizacións, máis interaccións en redes, máis abonos, máis vendas de camisolas... Mentres en Balaídos soa a épica co Karnyx de Abraham Cupeiro, cantan as Fillas de Cassandra, tocan as Pandeireteiras de Toutón e a bancada corea con paixón o himno creado con tanto xeito por C. Tangana.

  5. 05

    Vinte destaques do ano

    Contra o remate de cada ano abondan as listaxes de persoeiros, feitos... Cousas para lembrar dos doce meses previos. En VINTE esa listaxe está elaborada por moitas mans e toma a forma de vinte destaques culturais ou sociais. As mobilizacións sociais pola televisión pública, pola lingua galega ou contra o proxecto da pasteira Altri, o premios para Chus Pato, Bea Lema ou Manuel Rivas, os éxitos no cinema, o que sucede nas redes... Tamén o podemos lembrar baixo o sol de agosto.

  6. 06

    Vinte agasallos

    Os agasallos son só para o Nadal? Por suposto que non. Un dos contidos máis celebrados dos últimos tempos en VINTE foi esta listaxe de vinte ideas online para agasallar. Naceu polo Nadal, pero segue ben viva en pleno verán.

  7. 07

    Vinte na rúa

    Cada día cruzámonos pola rúa con xente que ten historias que pagan a pena. Pola súa actividade profesional, polas súas afeccións, polo tempo que dedican a facer o que as apaixona... A algunhas destas persoas preséntanolas VINTE a través de Vinte na rúa, a serie en colaboración con PuntoGal que é tamén un retrato do país e deste tempo, os anos 20, a través da xente. Na imaxe vemos unha das protagonistas máis recentes, Inma Mato, profesora de historia e surfeira.

    © Javi Quiroga

  8. 09

    Vinte almorzando

    Da man de Deleite, VINTE cítase na hora do almorzo con persoas senlleiras de múltiplos ámbitos da sociedade galega para, en lugares do seu gusto, manter unha conversa pausada sobre o traballo, a vida e o que xurda que fica plasmada nunha entrevista en vídeo. Nos últimos meses pasaron almorzar por VINTE nomes tan destacados como Vero Boquete, Mondra, Nerea Barros, Hugo López, María Vázquez ou Xosé Antonio Touriñán

  9. 10

    As músicas (e quen as fai)

    As músicas sempre acompañan a VINTE. Dende o máis mainstream ao máis novo, dende o que nos fai bailar ao que nos fai acougar, dende o gran escenario ao pequeno barrio. Escoitamos as cancións, vemos os vídeos e conversamos con quen nos agasalla con novas músicas. Por exemplo, con Sheila Patricia, os responsables do proxecto As Marxes, De Ninghures, Filloas, Nadie González, as Miudiño Sessions... Moito por escoitar e explorar, ideal para o verán. 

  10. 12

    A fotografía

    VINTE sempre ten un ollo nas fotógrafas e fotógrafos que retratan o país e o mundo. Por exemplo, no proxecto Habitar o baleiro, no que Brais Lorenzo procura "documentar os últimos folgos dun modo de vida. Unha civilización que se extingue". Ou nas creadoras máis novas reunidas na exposición 'Future Stories'. Ou nas imaxes de aquén e alén, do xornalismo á moda pasando polo documental, que nos achega Tamara de la Fuente.

    Na imaxe, de Brais Lorenzo, Antonina recibe a visita de Pedro, enfermeiro que fai seguimento das pacientes casa por casa, en Folgoso do Courel. En moitas ocasións, as súas visitas son as únicas que reciben as persoas de idade avanzada que viven soas.