Unha ducia de vídeos de Fernández del Riego, corazón e pulmón do galeguismo no século XX
O vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas celebrarán a figura de Francisco Fernández del Riego, Don Paco, figura esencial na RAG, no propio Día das Letras (cuxa conmemoración propuxo hai 60 anos) e no conxunto do galeguismo, onde exerceu de ponte entre as xeracións anteriores á guerra civil e as posteriores. Son moitos os vídeos onde podemos escoitar a súa voz e coñecer de primeira man a súa historia e pensamento. Velaquí algúns deles.
-
01
Del Riego fala sobre Cunqueiro en 1991
Recentemente a RAG celebrou o 60 aniversario do ingreso de Álvaro Cunqueiro na Academia. Gran parte do mérito da recuperación de Cunqueiro para o galeguismo e a escrita en galego corresponde a Del Riego, do que foi un bo amigo durante décadas. Neste vídeo, entrevistado por Xosé Ramón Gayoso en Mondoñedo, Don Paco fala en 1991 sobre Cunqueiro e as Letras Galegas
-
02
Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu - As luces primeiras (I)
A creación audiovisual máis destacada neste ano 2023 de celebración ao redor da figura de Del Riego é a serie documental Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu, composta de seis capítulos que percorren a súa traxectoria e que totalizan noventa minutos de entrevistas, imaxes de arquivo e recreacións.
Ao longo de seis entregas, coa participación de María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Manuel Román ou Malores Villanueva, amosa "a súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade", explica Belén Rivero, a súa guionista
-
03
Por que comecei a escribir? (2006)
Nestotro vídeo, de 2006, Del Riego relata para a AELG os motivos que o achegaron aos libros e tamén que o levaron a comezar a escribir.
-
04
Francisco Fernández del Riego Homenaxe a Castelao
Hai xa uns anos o Consello da Cultura Galega rescatou o audio do discurso que Francisco Fernández del Riego ofreceu en Bos Aires en 1954, na súa primeira visita a América, nunha homenaxe no Cemiterio de La Chacarita a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que finara catro anos antes.
-
05
Francisco Fernández del Riego. Homenaxe a Rosalía de Castro
Nesa mesma viaxe á Arxentina Del Riego participou nunha homenaxe a Rosalía de Castro
-
06
Del Riego fala na TVG sobre as súas orixes familiares e a súa mocidade
Nesta entrevista, Don Paco fala sobre as súas orixes familiares e o ambiente social e político que se vivía nos anos 30 do pasado século
-
07
Vida e obra de Francisco Fernández del Riego (Colexio San Pío X, Ourense)
Son varias as pezas audiovisuais creadas polo alumnado dos centros de ensino, que nos últimos meses están a traballar ao redor da figura de Don Paco. Por exemplo esta Vida e obra de Francisco Fernández del Riego, elaborada polas clases de 5º de Primaria do Colexio San Pío X de Ourense.
-
08
"Don Paco" (CEIP Plurilingüe do Carballal, Marin)
O CEIP Plurilingüe do Carballal (Marin) achégase a Del Riego a través da música e as coreografías. Este é o videoclip "Don Paco", cunha versión do Killing me softly with his song de Roberta Flack
-
09
100 pombas para Don Paco (2013)
Moito antes de que lle fora dedicado o Día das Letras Galegas, Del Riego recibiu xa un gran número de homenaxes, como esta que hai dez anos convocou a Fundación Lois Peña Novo na Alameda de Vigo para lembrar -co gallo do seu centenario- a quen fora o seu presidente honorífico. Participan Gustavo Amoedo Xurxo Martíns, Xosé González, Xosé Pereiro, Xesús Alonso Montero e Xosé L. Méndez Ferrín, Anra Fernández del Riego e Anxo Lorenzo.
-
10
Antón Mascato e Pepe Carreiro: "Francisco Fernandez del riego o home que valia por mil" (Galaxia)
Nos últimos meses presentáronse un gran número de libro ao redor da figura de Don Paco e tamén reedicións de obras escritas por el. Varias desas presentacións foron recollidas integramente en vídeo grazas á Libraría Cartabón de Vigo. Nesta, Antón Mascato e Pepe Carreiro presentan Francisco Fernandez del riego o home que valia por mil, editado por Galaxia, acompañados de Marcos Calveiro.
-
11
Malores Villanueva: “Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia" (Galaxia)
Neste segundo vídeo, Malores Villanueva presnta “Francisco Fernández del Riego. Un loitador pola idea de Galicia" (Galaxia), acompañada por Antón Vidal, presidente de Editorial Galaxia, e Francisco Domínguez, membro da Fundación Penzol
-
12
Ramón Nicolás: “Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo” (Xerais)
Finalmente, Ramón Nicolás presenta “Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galeguismo” (Xerais), nun acto no que participou tamén Xesús Alonso Montero, a bibliotecaria na Fundación Penzol Marián Vidal e Fran Alonso, director da editorial.