O primeiro episodio aborda a infancia en Lourenzá e os seus primeiros anos de mocidade, nos que esperta ao galeguismo consciente e protagoniza, en 1931, a que foi seguramente a primeira celebración do Día de Galicia na Mariña lucense
A Real Academia Galega estreou este luns o primeiro episodio da serie web documental, Francisco Fernández del Riego, o que nunca se venceu, que afonda na vida e actividade cultural, social e política da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano. A serie consta de seis capítulos, que se estrearán todos os luns a través da canle de Youtube da institución.
O primeiro episodio, 'As luces primeiras', aborda a infancia en Lourenzá e os primeiros anos de mocidade de Francisco Fernández del Riego, nos que esperta ao galeguismo consciente e protagoniza, en 1931, a que foi seguramente a primeira celebración do Día de Galicia na Mariña lucense. Belén Rivero foi a encargada de escribir o guion dun documental realizado pola produtora Miramemira baixo a dirección do lugués Damián Valera.
Ao longo de seis entregas, coa participación de María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Manuel Román ou Malores Villanueva, amosa "a súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade", explica Belén Rivero
“Francisco Fernández del Riego foi un grande activista da cultura galega e de Galicia que nunca se rendeu. Dalgún xeito, todos somos fillos del e doutros membros da súa xeración que, en tempos certamente adversos, traballaron arreo na defensa da lingua e da cultura de noso e nos permitiron ser o que hoxe somos”, destacou o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, na presentación do documental.
Pola súa banda Belén Rivero explica que “ao longo dos seis episodios coñecemos un Francisco Fernández del Riego que non deixa de abraiarnos pola súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade". "Como di o seu biógrafo Manuel Román, en Lourenzá, lugar que o viu nacer, mamou a lingua e a cultura, pero o seu grande amor foi Galicia”, engade.
“Todas as persoas que o coñeceron destacan que era un home sempre ao servizo do que fose preciso, pero tamén a súa alegría, o seu carácter festeiro, a súa afección á música ou á celebración do Entroido e, sobre todo, o bo trato que tiña con quen acudía xunto a el”
“Todas as persoas que o coñeceron destacan que era un home sempre ao servizo do que fose preciso, pero tamén a súa alegría, o seu carácter festeiro, a súa afección á música ou á celebración do Entroido e, sobre todo, o bo trato que tiña con quen acudía xunto a el”, conclúe a guionista.
Os vídeos inclúen as testemuñas, análises e opinións de Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Rosa Aneiros, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina, Víctor F. Freixanes, Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas.
Participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais Nuno Pico, máis coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en off de don Paco nos anos de mocidade e madureza
Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais Nuno Pico, máis coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en off de don Paco nos anos de mocidade e madureza, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo. A montaxe enriqueceuse con material dos arquivos audiovisuais da CRTVG, o CGAI, a Filmoteca Española, Ricardo Gurriarán e a USC, e fotografías e outra documentación da Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, Manuel Román e Lume Aceso, entre outras entidades.