A páxina primaveradasletras.gal ofrece, entre outros recursos, a obra teatral As cousas de don Paco, actividades interactivas que irán medrando ata o mes de maio e fichas para colorear sobre Del Riego
“Francisco Fernández del Riego sempre quixo apoiar a xente nova e abrirlle as portas á lingua no ensino; sabía que é nas nenas e nos nenos galegos onde agroma a verdadeira Primavera das Letras”. Fina Casalderrey subliñou deste xeito a importancia que a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio lle daba á rapazada e ao seu papel na transmisión interxeracional da lingua. Este luns o colexio Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acolleu a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o espazo virtual que a Real Academia Galega dedica ao público infantil.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable do proxecto, Fina Casalderrey, visitaron o centro acompañados de Eva Mejuto e Lucía Cobo. A escritora e ilustradora asinan As cousas de don Paco, unha obra teatral infantil, para ler e para que representen os nenos e nenas. Alén da obra teatral, a páxina primaveradasletras.gal ofrece, entre outros recursos, actividades interactivas que irán medrando ata o mes de maio e fichas para colorear sobre Del Riego.
Fina Casalderrey: “Francisco Fernández del Riego sempre quixo apoiar a xente nova e abrirlle as portas á lingua no ensino; sabía que é nas nenas e nos nenos galegos onde agroma a verdadeira Primavera das Letras”
O presidente da RAG agradeceu a todo o profesorado do CEIP Juan Rey e de toda Galicia o seu labor como transmisores da lingua e da cultura galegas que tanto defendeu Francisco Fernández del Riego en tempos escuros, e lembrou que foi el o inventor, en 1963, do Día das Letras Galegas que agora protagoniza. “O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, a festa grande da nosa cultura. Hoxe don Paco estaría moi feliz se puidese ver esta fermosa homenaxe que lle rendestes os nenos e nenas e mais o profesorado da súa Lourenzá”, dixo Víctor F. Freixanes.
Pola súa banda, Fina Casalderrey tamén aplaudiu o “encomiable labor do profesorado” e desexou que a festa deste luns anime a toda a rapazada de Lourenzá a defender e preservar a lingua galega, como fixo don Paco.
Na obra As cousas de don Paco, de Eva Mejuto e Lucía Cobo, o lapis Donlapis, o reloxo Baldomero, a cámara de fotos Leica, a máquina de escribir Oliva e a lupa Guadalupa de Francisco Fernández del Riego son os encargados de achegar os nenos e nenas á figura do protagonista do vindeiro 17 de maio. “Busquei unha fórmula orixinal, divertida e distinta de achegar a rapazada á figura de don Paco dende o aspecto máis humano pero non só iso, procurei tamén presentar a historia dunha época en Galicia, porque Del Riego é en si mesmo a historia do século XX en Galicia”, explica a escritora Eva Mejuto.
"Procurei tamén presentar a historia dunha época en Galicia, porque Del Riego é en si mesmo a historia do século XX en Galicia”, explica a escritora Eva Mejuto
As cousas de don Paco pode descargarse en primaveradasletras.gal xunto a fichas para colorear baseadas en distintas escenas da obra e marcapáxinas e chapas co Francisco Fernández del Riego debuxado por Lucía Cobo para o público máis novo. Ao se mergullar na vida do autor, a ilustradora foi botando abaixo preconceptos e deu coa esencia do personaxe. “Nun primeiro momento comecei a construír unha imaxe na que os termos rigor, esixencia, erudición, austeridade e seriedade primaban por riba doutros valores. Logo de profundar en diversas biografías e entrevistas e de coñecer aspectos máis persoais e vivenciais do autor, descubrín esa faceta que tamén o definía de abeiro e proximidade, e que envolveu a miña imaxe dun halo de agarimo e tenrura. Así naceu o meu particular Don Paco”, conta Lucía Cobo.
O alumnado de 5º agasallou os convidados coa súa propia obra de teatro sobre a vida de Don Paco
Pero, ademais, no acto deste luns no colexio Juan Rey de Lourenzá o alumnado de 5º agasallou os convidados coa súa propia obra de teatro sobre a vida de Don Paco, representada polos nenos Brais Maseda Oliva, Damián Edrosa Veiga e Esteban Edrosa López, e a nena Cristina Otero Cruña. A obra é unha adaptación da mestra Consuelo Borrajo González, a partir do proxecto Dende a fiestra de don Paco, que traballou na dirección da man da titora do grupo, Dolores Neira Teijeiro.
O acto rematou coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, unha filme producido pola RAG
O acto rematou coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, unha película producida pola RAG que incide tamén nesta idea e que lle dá nome á nova sección de Primavera das Letras, “Lingua Guapa”, que fornecerá o alumnado e o profesorado e infantil e primaria de novos recursos lúdicos e didácticos alén da celebración do 17 de maio. A película baséase nunha idea orixinal da propia Fina Casalderrey, que acaba de ser nomeada candidata ao Premio Hans Christian Andersen, considerado o Premio Nobel da literatura infantil e xuvenil.
Así mesmo, a Real Academia Galega, co apoio da Deputación da Coruña, convoca o certame “Contádenos o voso Día das Letras 2023" co propósito de promover un espazo de participación para que os centros escolares amosen como celebraron o Día das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego