Francisco Fernández del Riego afirma que o empeño de Eduardo Pondal “oriéntase ao esplendor antigo para que servise de apoio a unha restauración do esplendor do porvir”. “Soubo vencellar a capacidade de sentir coa teima inamovible de querer. Afundiu os ollos e as mans na eternidade do pretérito para tirar del a lección na que asentar o futuro”, conclúe na obra Con Pondal en Bergantiños, que inaugura a Biblioteca Fernández del Riego na Editorial Galaxia co gallo do Día das Letras Galegas que este ano homenaxea ao seu inventor.
A importancia de Fernandez del Riego para Galaxia é absoluta. Conta Francisco Castro que segundo entras nas instalacións da editorial en Vigo, seguindo o corredor principal, desembocas nunha foto de Don Paco, fundador desta casa xunto a Ramón Piñeiro, Xohán Ledo e Xaime Isla Couto. “Está aí por algo, para lembrarnos sempre o seu exemplo, o seu compromiso e a súa batalla, que é na que nós estamos 73 anos máis tarde”, asegura o director xeral de Galaxia, que xa conta cunha Biblioteca dedicada ao seu fundador, unha colección que este ano acollerá a reedición de moitos títulos deste prolífico autor e sobre a que Castro avanza algunhas sorpresas.
"Eran bicos de efusión á terra de onde se vén e a onde se vai", escribe Fernández del Riego sobre os versos de Pondal en 'Con Pondal en Bergantiños', o libro que inaugura a Biblioteca Fernández del Riego na Editorial Galaxia co gallo do Día das Letras para don Paco
Con Pondal en Bergantiños achégase ao home detrás do poeta, ao amante da súa terra. E faino cunha linguaxe sinxela e atractiva que vai repasando a súa andaina cun profundo respecto, explicando as súas motivacións e desexos. “Todos os versos pondalianos confesaron esa adoración filial. Eran bicos de efusión á terra de onde se vén e a onde se vai”, relata Fernández del Riego sobre quen foi o seu escritor de referencia.
“Paco del Riego fixo con este libro o que fixo con moitísimas cousas, que foi decatarse de que había unha parte da cultura galega que era –en parte– unha gran descoñecida. Decide escribir sobre Pondal para que a cultura galega poida acceder a el e o fai desde un enfoque que non é nin académico nin filolóxico, nin sequera de crítico literario, senón que é a mirada dun admirador que se pon a camiñar os escenarios dos que fala Pondal ao mesmo tempo que usa iso como un pretexto para falar da súa obra”, argumenta Francisco Castro.
Galaxia publicará dous libros inéditos de don Paco: 'Diario de París' e 'Diario de Guerra'
Na Editorial Galaxia están a traballar de maneira moi apaixonada coa obra de don Paco e entre os títulos que van conformar a súa Biblioteca van publicar dous libros inéditos: Diario de París e Diario de Guerra. “É o soño de calquera editor. Considérome moi afortunado porque no ano das Letras Galegas sempre se revisitan as obras pero non é frecuente, ou digamos que case nunca sucede, que se dean ao prelo textos novos".
"Ademais, trátase de dous documentos que van axudar entender aínda mellor a poliédrica figura, tanto cultural como persoal, de Francisco Fernández del Riego”, celebra Francisco Castro. E non descarta unha terceira sorpresa: “Estamos traballando nela, é moi probable que en breve poidamos anunciar algo moi potente arredor da súa obra”.
Os arquivos da Fundación Penzol, a “biblioteca nacional galega” en palabras de Francisco Castro, aínda gardan moitos tesouros. “Temos que pensar que estamos diante dunha xeración que escribía todo o día, nós mandamos whatsapps pero eles escribían cartas a todo o mundo, e cartas nas que tiñan que contar moitas cousas”, lembra o director de Galaxia. Están a repasar moita documentación, xa acharon eses dous libros inéditos, e esperan confirmar novos anuncios este ano. Un 2023 que pecha un círculo no que é a propia celebración das Letras Galegas, xa que se centra na figura do seu impulsor, xunto con Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo.
"Estamos diante dunha xeración que escribía todo o día, nós mandamos whatsapps pero eles escribían cartas a todo o mundo, e cartas nas que tiñan que contar moitas cousas"
“Non era sen tempo”, di Castro, “quen recibe o galardón das Letras Galegas sempre o merece, non serei eu quen cuestione iso, pero se había unha persoa que era absolutamente necesario que o recibira é quen tivo esa brillante idea. Creo que Paco del Riego, como Xaime Isla, Ramón Piñeiro e Otero Pedrayo, que son o noso póker de ases en Galaxia, soñaron ideas que aí seguen case oito décadas despois e coa mesma forza. O Día das Letras Galegas é algo irrenunciable para o noso país, é unha celebración cívica case única en Europa. Así que este ano péchase o círculo, pero para que brille máis”.
Ideas que gozan de boa saúde como esta editorial que ten a todo o seu equipo implicado na homenaxe ao fundador. “Galaxia é un proxecto de país, non é unha empresa que teña como finalidade o lucro, non ten un grupo de accionistas detrás que queiran o beneficio a toda costa; senón que o noso beneficio, igual que o 25 de xullo de 1950 cando Paco del Riego e os demais celebran a asemblea fundacional, é servir a este país”, sinala Francisco Castro.