O 25 de xullo de 1950, hai 70 anos, celebrábase no Hotel Compostela da capital galega a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Presidida por Ramón Otero Pedrayo, a aquela primeira xuntanza asistiron Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, Francisco Fernández del Riego ou Xaime Isla Couto. E non puido facelo Ramón Piñeiro, que acababa de saír da cadea.
O primeiro libro publicado por Galaxia foi Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas, que saíu do prelo en abril de 1951. Foi o primeiro dun total de 4.000 títulos, fundamentais na conformación da cultura galega da segunda metade do século XX e tamén no XXI e cun papel clave no traballo de resistencia cultural ao franquismo e na transmisión do legado da xeración da Segunda República.
Otero Pedrayo foi presidente ata o seu falecemento en 1976 e o seu traballo foi continuado por Domingo García-Sabell, Marino Dónega, Xaime Isla Couto, Benxamín Casal e Antón Vidal Andión.
En 1963 Galaxia comezou a editar a revista Grial, outro dos seus proxectos centrais. Precisamente en coincidencia con este 70 aniversario da editorial, Galaxia publica un número especial da revista, que será dobre e que servirá para conmemorar a efeméride.
O monográfico da revista, centrado na historia da Editorial Galaxia e coordinado polo director Xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, recolle traballos de Antón Vidal Andión (presidente da editorial), de Víctor F. Freixanes (director ata 2016), de Malores Villanueva e Dolores Vilavedra. Ademais das habituais seccións da revista, este número dobre enriquécese con novos apartados que serán fixos a partir de agora, como son as sección de Música (coordinada por Fernando Fernández Rego), Artes Visuais e Escénicas (Inma López Silva), Feminismos (Carme Adán) e Literatura Infantil e Xuvenil (Montse Pena Presas).
O número complétase con traballos de Slavoj Zizek, Miguel Anxo Bastos, Manuel Veiga, Marilar Aleixandre, Xulio Amigo, Rosalía Fernández Rial, X. L. Dasilva, Xosé Ramón Barreiro, Henrique Rabuñal, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Macho, Iria Pedreira, Xoán Rubia, Fernanda Tabarés, María Obelleiro, Susana Pedreira, Eva Mejuto e Miguel Vázquez Freire entre outros.