Un 'Grial' centrado no feminismo: "É importante coñecer a nosa ascendencia"

Capa do número 210 de Grial © Editorial Galaxia

O número 210 da Revista Grial, baixo o título de Feminismo(s), preséntase este xoves ás 20 horas na Libraría Lila de Lilith de Compostela. Falamos con Marilar Aleixandre, coordinadora dun volume no que participan Saleta de Salvador, Iolanda Martínez, Carmen Castro, Olga Castro, Encarna Otero e Mariam Mariño, que abordan a cuestión feminina dende a economía, a empresa, a organización social, a lingüística, a arte…, tanto dende unha perspectiva universal como dende a tradición galega. 

Xa o número 176 de Grial, publicado no outono de 2007 e coordinado por Dolores Vilavedra e María Xosé Agra, estivera dedicado a Xénero, sexo e sexualidade: unha ollada dende o feminismo. Nesta ocasión, afóndase na cuestión lingüística -sobre todo a través do traballo de Olga Castro: Linguaxe non sexista… nin feminista. Debates sobre xénero e lingua na era do feminismo transnacional- e na mediática, nos medios como espazo de representación e axentes de xeración de identidades, a través do texto de Saleta de Salvador e Iolanda Martínez (As identidades no xogo dos espellos mediáticos).

"Paréceme fundamental afondar na importancia da economía e do empoderamento económico das mulleres"

E tamén en aspectos económicos, grazas á achega de Carmen Castro García (Empoderamento económico das mulleres e xustiza de xénero). "Paréceme fundamental afondar na importancia da economía e do empoderamento económico das mulleres", salienta Aleixandre ao fío dun texto que incide tamén no feito de que os traballos de coidados son realizados maioritariamente por mulleres, e na maior parte das ocasións sen unha traslación monetaria. "Carmen Castro é unha das persoas que máis sabe sobre este tema no Estado", subliña [dedicou a súa tese de doutoramento a estudar este asunto: “Modelos de bienestar, igualdad de género y permisos por nacimiento en el contexto de crisis del modelo social europeo”], destacando que "a xustiza social obriga a ter en conta estes mecanismos de exclusión, que son estruturais", ou a relación existente entre a maternidade ou outros labores de coidados e a vida laboral, a calidade de vida ou a economía. "As autoras feministas galegas están no debate internacional sobre as cuestións que preocupan ao feminismo", conclúe Aleixandre ao fío deste e doutros traballos publicados na revista.

"As autoras galegas están no debate internacional sobre as cuestións que preocupan ao feminismo"

O número 210 de Grial tamén afonda na historia do feminismo galego das últimas décadas, a través do traballo de Encarna Otero (Galegas e feministas. Os camiños do feminismo en Galiza) e da recompilación Recursos documentais sobre/de feminismos organizados con actividade en Galicia. 1967-2016 realizado por Mariam Mariño a partir do valioso arquivo do Consello da Cultura Galega  "O CCG ten un fondo documental excelente sobre feminismo, moi descoñecido" -salienta Aleixandre- "as veces damos por suposto o coñecemento sobre algúns temas, pero en realidade son moi pouco coñecidos por moita xente". "É importante coñecer a nosa ascendencia -subliña- "como se conquistaron logros recentes hoxe aceptados por case todo o mundo, que xa non se cuestionan, coma as listas cremalleira". "E ao mesmo tempo ser conscientes de que hai conquistas que parecían xa consolidadas, pero que a realidade che demostra que hai que seguir defendéndoas, como sucedeu co dereito ao aborto e os intentos do PP de modificar a lei", engade. De igual xeito, Marilar Aleixandre valora que nos últimos anos estase a vivir un pulo do movemento feminista galego, concretado no nacemento da Plataforma Feminista Galega e no triunfo acadado na batalla contra o intento do PP de recortar o dereito ao aborto, "das poucas vitorias que se lograron contra o Goberno do PP", lembra.

"Queda moito por camiñar. Pero creo que si, que houbo avances, que estamos mellor se miramos en perspectiva"

En que punto estamos? Estamos mellor que hai vinte anos en materia de igualdade, no camiño cara a unha sociedade non machista? "Queda moito por camiñar. Vémolo todos os días en moitas actitudes dalgunhas persoas, nos ataques que reciben mulleres políticas, penso por exemplo nos que sufriron representantes da CUP, pero moitas outras" -di- "Pero eu creo que si, que houbo avances, que estamos mellor se miramos en perspectiva, aínda que sobre isto tamén hai discusión". "Se no século XX houbo algunha revolución triunfadora foi a feminista. Cousas invisibles que pasaron a ser visibles, cousas que pasaron a ser non aceptables socialmente, dende a violencia machista ata as violacións, que antes na maioría dos casos non se denunciaban", conclúe.

 

Capa do número 210 de Grial © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.