O 21 de abril de 1963, hai hoxe 60 anos, Álvaro Cunqueiro ingresou na Real Academia Galega. O seu discurso foi respondido polo seu amigo Francisco Fernández del Riego
O 21 de abril de 1963, hai hoxe 60 anos, Álvaro Cunqueiro ingresou na Real Academia Galega. Fíxoo nunha sesión celebrada no Seminario Conciliar do seu Mondoñedo natal cun discurso titulado Algunhas imaxinaciós sober tesouros no que o xornalista e escritor analizaba o imaxinario dos tesouros na mitoloxía popular galega, presente tamén na súa obra literaria. “Na aspereza da vida cotián, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos”, concluía.
O discurso foi respondido polo seu amigo Francisco Fernández del Riego, membro de número da RAG dende o ano 1960. No seu discurso, Del Riego definiu a Cunqueiro na resposta que lle deu na cerimonia de ingreso na RAG como “vello amigo e mitógrafo esceicional”, destacando que “cría mitos a conta dos persoaxes que andan polas literaturas, ou de outros imaxinados por il”. Don Paco engadiu que “lendo a xa abondosa produción de Cunqueiro, decátase un ben de que o escritor conoce, vive e goza coma poucos iste mundo noso, e sabe dos que viven nil”.
No seu discurso, Algunhas imaxinaciós sober tesouros o xornalista e escritor analizou o imaxinario dos tesouros na mitoloxía popular galega e preguntouse: “que é o que pensa e fai un galego posto dediante dun tesouro”
Co gallo desta efeméride e no marco das celebracións dos tamén sesenta anos do Día das Letras Galegas e da Fundación Penzol, a RAG difunde na súa web os textos mecanoscritos de ambas as intervencións, conservados no arquivo institucional, xunto a outros documentos relacionados co ingreso, entre elas varias fotografías.
Poucas semanas despois da sesión que tivo lugar en Mondoñedo, a Academia celebrou o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía, grazas ao impulso do propio Del Riego, que ideou a conmemoración da gran festa cívica de Galicia e que xa nos anos 30 publicou artigos en prensa avogando por ela. A proposta de creación do Día das Letras foi aprobada no pleno da RAG ao se someter a votación a iniciativa asinada por Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Del Riego.
Que fai un galego posto dediante dun tesouro?
Poucas semanas despois da sesión que tivo lugar en Mondoñedo, a Academia celebrou o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía, grazas ao impulso do propio Del Riego, que ideou a conmemoración da gran festa cívica de Galicia
No seu discurso, Cunqueiro fabulou diversas historias para analizar o imaxinario dos tesouros na mitoloxía popular galega, preguntándose “que é o que pensa e fai un galego posto dediante dun tesouro” e dando resposta a esta cuestión. “Pra iso, dado o meu xeito, ren millor que fabular diversas historias, nas que a xente de nós toma tratos cos tesouros”, anunciou no comezo da súa intervención.
“A miña idea pirmeira é que un tesouro é coma unha persoa viva, coa súa memoria i a súa vontade. Eu non sei si é certo o que lín en lady Gregory de que houbo un tempo en que tódolos tesouros do mundo eran dun soio home e que ístes, cansos dil, fuxiron i escondéronse nuns lados i en outros, e pra non ser atopados pagáronlles ós magos do país pra que os encantesen. O fío da vida do tesouro pende de que se desfaga iste encanto ou non. Si se desfái, o tesouro deixa de sélo e convírtese en ouro propio, i o que o desfixo pódeo levar prá casa”, afirmou Cunqueiro en Mondoñedo.
Cunqueiro, recuperado para o galeguismo por Del Riego
Cunqueiro publicara nos anos anteriores Merlín e familia (1955), As crónicas de Sochantre (1956), O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) e Escola de menciñeiros (1960), unhas obras clave na historia da literatura galega que en parte lle debemos tamén á influencia de Francisco Fernández del Riego.
Malores Villanueva destaca na biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (2023) o papel de Don Paco na "recuperación" de Cunqueiro para a literatura galega
Malores Villanueva destaca na biografía Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (2023) o papel de Don Paco na "recuperación" de Cunqueiro para a literatura galega: “No momento en que Cunqueiro regresa á súa Ítaca, Mondoñedo, en 1947, será cando Paco, pertinaz como era, consiga que volva escribir en galego e recupere o sendeiro do galeguismo en que estaba antes de estalar a guerra”, di Malores Villanueva. Durante a Guerra Civil Cunqueiro chegara a afiliarse á Falanxe e foi redactor en Ortigueira dun semanario falanxista, Era Azul. Despois de residir en Donostia e Madrid, regresa a Mondoñedo en 1947, afastándose da ideoloxía franquista.
Os debuxos de Claudio Varela e ‘O incerto señor don Hamlet’
Co gallo desta efeméride e no marco das celebracións dos tamén sesenta anos do Día das Letras Galegas e da Fundación Penzol, a RAG difunde na súa web os textos mecanoscritos de ambas as intervencións xunto a outros documentos relacionados co ingreso, entre elas varias fotografías.
Ademais, este venres o arquivo da RAG difunde tamén os debuxos realizados polo pintor coruñés Claudio Varela para a estrea de O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, a “obra maior de arte dramática” que, en palabras de Francisco Fernández del Riego, escribiu Álvaro Cunqueiro. As ilustracións empregáronse para o attrezzo na estrea da obra presentada polo Teatro da Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana no teatro Colón da Coruña.
O engado do mito tamén se fai presente nesta obra teatral, lembraba Del Riego no discurso de resposta a Cunqueiro. “O dista peza é un Hamlet pre-shakhesperiano, case medieval, que aparez redivivo na cidade e no castelo de Elsinor, envolveitos nunha sombra inverniza. Pero é, asimade, un Hamlet moi galego e moi dos nosos días, inda que non só dos nosos días”, valoraba.
Este venres o arquivo da RAG difunde tamén os debuxos realizados polo pintor coruñés Claudio Varela para a estrea de O incerto señor don Hamlet, a “obra maior de arte dramática” que, en palabras de Del Riego, escribiu Cunqueiro
Tamén se detivo del Riego en O incerto señor don Hamlet en Álvaro Cunqueiro e o seu mundo (Ir Indo, 1991), un fermoso exemplo da prosa divulgativa e biográfica que tanto cultivou o autor de Lourenzá. “Hamlet en Shakespeare era, como se sabe, un tipo misterioso que suscitaba diversos interrogantes. Pero para o escritor mindoniense, o príncipe non figurou como fillo do rei morto, senón do rei vivo. A súa nai non era só un algo Climenestra como en Shakespeare, senón tamén un pouco Yocasta como en Sófocles. O complexo edípico revelouse moi presente na obra cunqueirá, mentres que se atopaba agochado na shakesperiana”, analiza nestoutras páxinas.
O autor, prosegue, sentía impaciencia pola saída do prelo deste volume de teatro, que se entremediaba na súa actividade narrativa en galego. “Nembargantes, seguía a traballar con entusiasmo na novelación. A piques de se editar o Hamlet, xa anunciaba que levaba moi adiantado un libro de viaxes do vello Sinbad. Argallara o contido da trama, pero aínda tiña sen nome o veleiro do mariño”, comparte quen tamén foi editor de Cunqueiro en Galaxia.