"Reproduzo mentalmente retratos que iluminaron algúns dos máis felices instantes da cultura galega", asegura don Paco sobre as memorias que recompila en 'Camiño andado', escrito pasados os noventa anos e no que repasa os comezos no Seminario de Estudos Galegos e no activismo universitario para despois buscar outras formas de organizarse, como Galaxia, tras a guerra civil
É coñecida a pulcritude de Francisco Fernández del Riego a respecto da memoria do país e da súa divulgación. Neste afán salienta a obra de “automemoria” que escribiu cumpridos os noventa anos e que saíu do prelo por primeira vez no ano 2003, Camiño andado. Unhas memorias en primeira persoa que van máis alá do persoal, aínda que o persoal sexa sempre político. A Editorial Galaxia inclúe agora na Biblioteca Fernández del Riego este libro fundamental para comprender ao persoeiro galeguista que celebramos neste Día das Letras Galegas.
“Reproduzo mentalmente retratos que iluminaron algúns dos máis felices instantes da cultura galega. Volvo deixar pousar os ollos da lembranza sobre o rostro de Galicia. Na inesquecible paisaxe na que vagan bosques, ríos, montañas e séculos”, resume cara ao final do libro desde o seu despacho na Fundación Penzol. Chuvisca en Vigo o día que lle pon fin a este exercicio de “automemoria” que avanza o que puido ser –e foi arrasado pola guerra e mais a ditadura– e o que agromou despois grazas ao suor da súa xeración e das máis novas.
Comeza o seu relato nas terras de Lourenzá, cando aínda soñaba cos contos de As mil e unha noites e xogaba con barcos de noz que botaba a navegar polo río. Pero axiña se sitúa no outono de 1930, cando comezou os seus estudos de Dereito en Madrid “por circunstancias que tiñan que ver cos desexos paternos”. Viaxa á capital en tren desde Lugo e alí colle por primeira vez o metro na estación de Goya. Son tempos de revolución antimonárquica e conta que “Madrid se convertera nun fervedoiro de paixóns activas”. O 14 de abril, coa declaración da República, alí estaba don Paco. Mais pronto volveu a Galicia e continuou os seus estudos en Compostela. “Galicia chamábame con enerxía para que me puxese ó seu servizo”, asegura. “Sentíame navegando cunha esperanza florida por un mar novidoso”.
"Galicia chamábame con enerxía para que me puxese ó seu servizo", asegura Del Riego ao seu regreso para seguir os seus estudos universitarios en Santiago
Naqueles anos previos ao golpe fascista, Del Riego achégase ao Seminario de Estudos Galegos e confirma o seu compromiso co galeguismo. “Paseniñamente andei a saír do anonimato. Funme dando a coñecer nas organizacións escolares como galeguista”, lembra. Despois, a súa militancia o levaría ata o Partido Galeguista a través do grupo compostelán liderado por Ánxel Casal.
Con el e mais con Castelao participa no seu primeiro acto político: “Nunca esquecerei a miña primeira intervención oratoria na nova andaina. A secretaría do Partido encomendárame que fose discursar, xunto con Castelao e Ánxel Casal, nun mitin a celebrar no Pino. Aínda resoan nos meus oídos os aplausos da moita xente labrega que acudiu desde tódolos lugares veciños para escoitar as palabras tan sentidas, emotivamente persuasoras, do gran rianxeiro”.
"Durante corenta anos consecutivos foi para min fogar de cultura no que me acubillei", salienta sobre a Biblioteca Penzol
“A guerra civil non só truncara drasticamente o proceso histórico do galeguismo en marcha. Sementou o pavor, o perseguimento, a desolación”, resume Paco del Riego nestas memorias nas que conta como lle escoitaba ás leiteiras de Santiago informar sobre os mortos que aparecían nas estradas. Ese “mazazo” do que lle falou a Malores Villanueva que paralizou a actividade ata que se volveron ir organizando aos poucos. No libro explica devagar como se xuntaron case na clandestinidade para crear a sociedade anónima Galaxia S.A. a iniciativa de Xaime Isla Couto, á que se foron sumando persoas de todo o país e tamén na emigración.
A Biblioteca Penzol protagoniza a súa última etapa en activo, un lugar ao que chega polo seu amor aos libros e o desexo de colaborar e difundir a cultura propia. Don Paco dirixiu a Fundación Penzol desde a súa creación no ano 1963 ata o 2009, cando decide retirarse. “Durante corenta anos consecutivos foi para min fogar de cultura no que me acubillei. Penso que na miña entrega ó seu servizo cumprín axeitadamente os desexos do fundador”, asegura. Desde alí, nas innumerables conversas, viu “o anovamento en 1934 da revista Nós”, que lle dedicaría un número especial ao seu admirado Pondal no ano do centenario.
"No marco de autogoberno, sen completar, hai que procurar o camiño do porvir", indica o de Lourenzá
A súa entrega á Biblioteca Penzol permitíalle estar en contacto permanente coa vida cultural do pasado. “Gorentábame facer exercicios memorizadores. Os antigos falaban moito de Leteo, o río infernal do esquezo. Pero, e a enxurrada da memoria? Quen se deixa bater polas súas augas, paréceme que se baña en si mesmo, e sae sempre recuperado. Ás veces esquecer é doce, aínda que aventurado. Ó que esquece lévano os paxaros. Penso que en ocasións lembrar resulta amargo, mais nunca inútil”, razoa.
Don Paco deixa en Camiño andado unha recomendación para as novas xeracións que habitan un mundo que recoñece ben distinto ao que lle tocou vivir a el en boa parte. “Cómpre, pois, seguir cara a adiante, ollando o mundo a través da paisaxe na que nos movemos. Mais sen esquecer o pasado que formulou a identidade do país”, escribiu, para máis adiante engadir: “No marco de autogoberno, sen completar, hai que procurar o camiño do porvir”.