O diario cultural de Paco del Riego no París dos anos cincuenta, onde puido falar con liberdade tras varias décadas

Francisco Fernández del Riego no Seminario do Libro Galego © Editorial Galaxia
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-galaxia-e2e2bc8.jpeg

'Memorias do París literario' é unha obra inédita que don Paco legou a Malores Villanueva lista para publicar, pero que só podería chegar á imprenta tras o seu pasamento. Nela relata a estancia en París na primavera de 1953 co seu amigo o pintor Manuel Colmeiro como anfitrión, fiando as páxinas de autor en autor

Publícanse a título póstumo as Memorias do París literario que Francisco Fernández del Riego custodiou nun caixón do seu despacho e que lle legou a Malores Villanueva para que foran publicadas tras o seu falecemento. Esta é a segunda obra inédita coa que sorprende a Editorial Galaxia no ano das Letras de don Paco, a outra é o Diario da guerra, tamén conservado no seu arquivo persoal. Tivo que agardar demasiado tempo a que lle deixaran saír do país co seu pasaporte en regra, por iso para Del Riego a visita a París na primavera de 1953 foi especial. 

"Aquela viaxe a Francia marcouno moito, falaba constantemente deses días e tíñaos moi presentes. Gustaba moito da literatura francesa, foi un declarado admirador da súa narrativa. Polo que neste libro xúntanse varias paixóns: por unha banda a paixón por moitos autores aos que alí vai acceder ou descubrir, e por outra o feito de conseguir ir a Francia despois de moito tempo sen poder sacar o pasaporte. É unha viaxe en familia, coa súa dona Evelina e con amizades, na que se reencontra con moitos exiliados, onde mantén contactos con intelectuais e pode falar libremente despois de varias décadas", conta Malores Villanueva.

Capa do libro inédito de Francisco Fernández del Riego 'Memorias do París literario' © Editorial Galaxia

Non se pode asegurar que comezase a escribir estas memorias literarias na capital francesa, mais seguro que fixo anotacións que levou consigo de volta a Vigo, onde as foi completando. "O libro tal e como aparece publicado realmente redactouno moito despois, arredor do ano 2000. De feito, el xa o tiña máis ou menos corrixido a falta dunha última revisión, pero por circunstancias de distinta índole non o chegou a publicar e despois parecíalle demasiado tarde, xa non estaba para presentacións nin entrevistas. E quedou aí gardado nun caixón ata que mo entregou uns meses antes de falecer, coa condición de que non o publicase en vida del", lembra a editora e autora do limiar.

"É un libro no que está a súa paixón, que é a literatura, que incardinou toda a súa existencia", di Malores Villanueva

A capa do libro que publica agora a Editorial Galaxia contén unha pintura de Manuel Colmeiro, o principal responsable da viaxe de Paco del Riego, que mostra a catedral de Notre-Dame de París no ano 1950. Colmeiro foi o seu anfitrión e o levou polos principais atractivos da cidade, con especial atención ás librarías da beira do río Sena e a un parladoiro de artistas que el frecuentaba. "Paseabamos con frecuencia polas beiras do río. Detiñámonos no mercado libreiro a fisgar un pouco nos postos de anticuarios", relata o autor  nesta especie de diario cultural da súa estancia. 

"Este Memorias do París literario é un libro no que está a súa paixón, que é a literatura, que incardinou toda a súa existencia", apunta Malores Villanueva. Non se trata dunhas memorias vivenciais, mais é sabido que a literatura foi alicerce da súa vida sempre. "Sempre dicía que o que peor levaba dos seus últimos anos era a falta de visión, que el suplía en moitas ocasións cunha lupa, pero non se pode ler un libro cunha lupa", rememora a editora. 

Francisco Fernández del Riego coa súa dona Evelina Hervella na praia, no ano 1950 © Real Academia Galega

Non atopamos un relato do que fixo cada día, nalgúns casos si, pero si un retrato dos autores franceses que lle interpelan e por que. Nestas páxinas fala de Marcel Proust, Paul Valéry, Jean Cocteau, Guillaume Apollinaire ou Albert Camus. Tamén se refire aos encontros co seu amigo Manuel Colmeiro, con Manuel Martínez Risco, César Alvajar ou coa profesora dun centro de ensino da Provenza Odette Noslier, coa que aprende "sobre o influxo do provenzalismo na creación lírica do medievo galego". 

No próximo número da revista Grial o profesor da UVigo Xosé Manuel da Silva relata a historia da relación de Paco del Riego e Celso Emilio Ferreiro servíndose dos documentos que os sobreviviron a ambos

Entre os documentos que Francisco Fernández del Riego lle legou a Malores Villanueva tamén están os recortes de prensa con todo o publicado da súa relación con Celso Emilio Ferreiro, como ela mesma sinala no limiar destas memorias literarias. O grave desencontro entre ambos arredor dun convite para que don Paco viaxase a Venezuela no ano 1968 é un episodio do que, na opinión do de Lourenzá, só se fixo pública unha parte. 

"Vai aparecer no próximo número da revista Grial, e eu creo que como a el lle gustaría, falando os documentos. Para iso, como coordinadora deste número, pedinlle ao profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel da Silva que fixese ese traballo de contar os feitos. Xa puiden ler o seu artigo e nel non hai ningún adxectivo, conta a historia a través dos documentos que hai: das cartas e do que saíu en prensa. Isto é algo que a el lle proía porque só se daba unha versión e el era unha persoa moi pudorosa, con moito sentido do que representaba, como para entrar publicamente nunha polémica. El non era amigo de polémicas, pero si lle tivera gustado que alguén fixera o traballo que fixo Xosé Manuel da Silva", salienta Villanueva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.