"Paco del Riego é o imprescindible da vida política e literaria da Galicia do século XX"

Dende a esquerda, Xilberte Manso, Del Riego, Afonso Álvarez Gándara, Antón Mascato, Afonso Álvarez Cáccamo (de costas) e Xulián Maure, de perfil. Nigrán, 2002 © Antonio Soliño
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-galaxia-e2e2bc8.jpeg

Antón Mascato salienta que a figura de Del Riego é extraordinaria, "foi un gran obreiro, un gran traballador, unha persoa preocupada por todo o que xestionaba"

Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil (Editorial Galaxia) é un libro híbrido que presenta a don Paco para quen pouco sabe del e que permite repasar os principais fitos da súa vida a quen xa o ten presente. Antón Mascato escribe e Pepe Carreiro ilustra este artefacto literario que converte ao homenaxeado nas Letras Galegas nun personaxe de banda deseñada. Mascato, director de produción de Ir Indo Edicións, director de Edicións do Cumio e directivo do grupo NovaGalicia, tratou a Del Riego e salienta que “foi un gran obreiro, un gran traballador, unha persoa preocupada por todo o que xestionaba”. “Para min, era un ser absolutamente extraordinario. Se alguén non é prescindible na historia de Galicia do século XX ese é Paco del Riego”, asevera.

O home que valía por mil ten a votade de achegar a Del Riego ás xeracións máis novas?

Esa foi a motivación principal, intentar contarlle a importancia de Paco del Riego á xente máis nova, que normalmente non accede a través de traballos máis tipo ensaio, por iso pensamos nun formato máis accesible. Pero non é un traballo feito exclusivamente para a xente nova, é para calquera lector ou lectora. Queriamos dotar ás diferentes propostas que se van facer este ano sobre don Paco dun produto distinto, para o que contactei con Pepe Carreiro, co beneplácito de Francisco Castro en Galaxia.

No percorrido pola vida e obra de don Paco que queriamos facer é imposible citalo todo, hai que condensar, ser moi preciso e coller o máis relevante. Xogamos moito coa elipse, que é unha característica da banda deseñada, para que o que falte se poida intuír. E iso creo que está conseguido: está a súa infancia, as lecturas, os anos de estudante, os seus primeiros fitos políticos e de intervención cultural, o Partido Galeguista, a campaña do Estatuto, Galaxia, a Fundación Penzol... Pero claro, en 32 páxinas hai que escoller moito.

Pepe Carreiro e Antón Mascato na presentación de 'Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil' na libraría Cartabón de Vigo © Josè Goris

Cales foron os retos para levar a vida de don Paco á banda deseñada? Nunha traxectoria tan longa, como seleccionar?

Para min foi un pouco máis doado porque xa traballara moito sobre a figura de Del Riego para a biografía Paco del Riego, unha historia da restauración política e cultural de Galicia (Edicións do Cumio), que publiquei no ano 2002. Eu fun amigo de Paco desde a década dos noventa en diante, editei libros del en Ir Indo e sempre mantiven unha moi boa relación. Tiña moi clara a súa importancia para a historia de Galicia. O que non era tan doado era enfocalo para facer algo a camiño entre a banda deseñada, o cómic, o álbum ilustrado e a literatura debuxada. Falando con Pepe escollemos facer algo diferente incluso desde o punto de vista do xénero.

"Paco sempre foi unha persoa incluso máis que hedonista, case voluptuosa, comendo, bebendo e en máis cousas"

A golpe de vista, cada páxina semella un cadro.

Ese era o obxectivo. Non queriamos facer un cómic coa estrutura de viñetas, senón que tivera elementos do álbum ilustrado e da literatura debuxada porque a narrativa coa que contas en texto tamén ten importancia.

Cre que a Del Riego lle tería gustado este libro?

Estou convencido de que lle encantaría. A pesar de que tiña un carácter rabudo ás veces, e tiña como un pronto un pouco explosivo con aquilo que lle molestaba, tamén tiña un gran sentido do humor. El era un gran hedonista.

Hedonista, si?

Paco sempre foi unha persoa incluso máis que hedonista, case voluptuosa, comendo, bebendo e en máis cousas. Non podemos tratar a estas figuras como se fosen santóns e subilas a altares de igrexas, hai que tratalos como o que foron, seres humanos que ademais de facer moitísimas cousas e moi importantes, tamén gozaron da vida, e iso hai que dicilo. 

Paco foi un gran gozador e penso que lle gustaría moito verse en varias das páxinas do libro, nomeadamente nas que Pepe ilustra as súas lecturas da infancia. Pepe mete a Paco como se fose un neno máis no río Mississipi xunto a Tom Sawyer e o seu amigo Huckleberry Finn, ou cun escafandro baixo o mar co capitán Nemo, e así consegue explicar moi ben a devoción de Paco por esas lecturas.

Cando escribín aquela biografía el nunca me preguntou como ía nin que ía dicir. Confiou plenamente en min e cando estivo publicada e a leu deume as grazas. Polo tanto, quero crer que este libro tamén lle gustaría.

Cuberta do libro de Antón Mascato e Pepe Carreiro © Editorial Galaxia

É un labor máis difícil de facer en vida da persoa da que se fala?

É distinto, pero no ano 2002 tiña claro que Paco del Riego a tiña rematada a súa etapa como home de intervención en política, que para min é fundamental en Del Riego. El foi toda a súa vida un activista político. Desde ese momento de 1930 cando está en Madrid estudando primeiro de Dereito, que coincide coa chegada da República, xa é un ser político. Volve a Galicia e é activo en política, despois da guerra volve intentar refundar o Partido Galeguista e é un dos fundadores do Partido Socialista Galego de Beiras no ano 1963. Toda a súa vida foi un político e eu quería reivindicar iso tamén. Ademais diso está o seu importantísimo labor de intervención cultural. Para min, Paco del Riego é o imprescindible da vida política e literaria da Galicia do século XX. Haberá quen diga que é Castelao, pero Paco del Riego viviu moitos anos e fixo moitísimas cousas.

"Era necesario e de xustiza adicarlle este día, unha figura como Paco del Riego non podía ser ignorada e descoñecida para este país"

No libro preséntase a don Paco nun contexto histórico que vai moito máis alá de Galicia, por que

Comezamos o libro apuntando que aproximadamente no ano que nace Paco del Riego en Europa hai un período esplendoroso que ten que ver coa Belle Epoque, pero xa na seguinte páxina dicimos que é un período convulso na historia de Europa, de España e de Galicia porque hai moitas folgas e as autoridades cargan contra as traballadoras da fábrica de tabaco da Coruña e hai mortos, pero ao mesmo tempo hai un rexurdir da cultura e da literatura galega. E ese é o momento no que nace Del Riego, que o expresamos coa cara dun bebé chorando. Por que? Porque se ti empezas un traballo deste tipo dicindo que Paco del Riego naceu o 7 de xaneiro de 1913 tes que contar algo máis, non se trata de dar datos sen máis si. Para nós era moi relevante contextualizar os momentos históricos desde unha perspectiva social e política.

Era preciso homenaxear a Del Riego coas Letras para que se comprenda o papel que xogou?

Estou convencido de que a Del Riego podería pasarlle como lle pasou a Castelao no seu día, que foi unha persoa coñecida mentres estivo activo, pero a xente apenas sabía o que fixera. Del Riego foi moi coñecido como presidente da Real Academia Galega, pero case non se coñecía a importancia dos cargos que tivera, a súa actividade política e os traballos que fixo. O bo que teñen as Letras de cada ano é que a profundidade e a intensidade coa que se traballa a figura da persoa que se celebra deixa moita información para que quen queira poida profundar. Era necesario e de xustiza adicarlle este día, unha figura como Paco del Riego non podía ser ignorada e descoñecida para este país.

   
                               

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.