En 'Don Paco. Letras para a arte galega', que vén de publicar a Editorial Galaxia, a historiadora Beatriz Liz de Cea profunda no papel de divulgador e defensor das e dos artistas galegos que mantivo Francisco Fernández del Riego ao longo da súa vida, na que xuntou unha colección que repasa os principais expoñentes do século XX, que legou á cidade de Vigo
A historiadora da arte Beatriz Liz de Cea, autora do libro Don Paco. Letras para a arte galega (Editorial Galaxia), sostén que a arte acompañou a Francisco Fernández del Riego ao longo de toda a súa vida. No seu eloxio da cultura galega sempre tivo moi en conta as manifestacións das artes plásticas e foi un gran defensor de artistas coetáneos e dos que pertencían a xeracións máis novas. “Eu penso que xa dende a súa adolescencia a arte estaba aí, porque tiña unha sensibilidade artística moi afianzada dende moi novo. É curioso como sendo adolescente comenta como está no estudio dun pintor e como se achega ás obras para coñecer as diferentes técnicas que empregaba. Tiña bo ollo”
Na súa época universitaria moitos dos seus amigos son artistas, é o caso de Luís Seoane e Carlos Maside. Esa vinculación coa arte que comeza de mozo xa non se rompe para don Paco. “Temos o costume de pensar que cando falamos de cultura a arte materializada está noutra vía, pero cando ves globalmente a traxectoria de Del Riego. El o que fixo foi manter viva esa cultura galega esnaquizada polo golpe militar e mais a guerra civil. E para el a arte estivo sempre dentro do concepto de cultura. Por iso permaneceu sempre moi ligado a ela”, sinala Liz de Cea.
A súa colección de arte, que doa en vida ao Concello de Vigo para a súa exposición pública, é a mellor proba dese vínculo. Unha colección que quedara, varios anos despois do falecemento do seu dono, disposta tal e como el indicara e á que a historiadora se achega con certa curiosidade. Beatriz Liz de Cea conta no libro como visitou na Casa Galega da Cultura a biblioteca e o museo que levan o nome do inventor e homenaxeado neste Día das Letras Galegas por primeira vez. Afeita a ver coleccións particulares, a de don Paco sorprendeulle pola súa importancia.
"Cando un intelectual se volve coleccionista merca obras, no seu caso moitas pezas son agasallos dos artistas e isto o comprendes ao mergullarte no seu arquivo porque descobres o traballo arduo de divulgación e de defensa da arte galega"
“O primeiro que me chamou a atención é que hai expoñentes da arte renovadora moi definitorios: hai obras de Carlos Maside, loxicamente, e unha obra de Seoane que a min me parece magnífica –Mozo (1951)–. Hai pezas de Laxeiro da década dos trinta, de cando comezaba expoñer en Santiago. E dous debuxos de Castelao: A volta do Che e A sesta. Cando ves a colección no seu conxunto dáste conta de que comezas cos renovadores, ves obras de Ovidio Murguía –fillo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e pintor da xeración doente– e rematas con obras de Ángel Sevillano, Din Matamoro, Mercedes Ruibal. Ten obra dende finais do século XIX e remata na década dos oitenta do século pasado. Non só eran obras de amigos, aí hai moito máis detrás. Cando un intelectual se volve coleccionista merca obras, no seu caso moitas pezas son agasallos dos artistas e isto o comprendes ao mergullarte no seu arquivo porque descobres o traballo arduo de divulgación e de defensa da arte galega”, debulla Liz de Cea.
A finais do ano 2021 a historiadora comisariou unha mostra sobre a colección de don Paco na que pon en relación o que este deixou escrito sobre os artistas e as obras que tiña deles. A exposición Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega aínda se pode visitar na Pinacoteca Municipal de Vigo, que leva o nome de Del Riego, a poucos metros da Casa Galega da Cultura, onde permanece o seu legado. Alí está, por exemplo, a litografía de Picasso que don Paco mercou na viaxe a París na primavera de 1953 na que Colmeiro lle serviu de anfitrión.
Beatriz Liz de Cea explica que coñeceu a figura de Fernández del Riego xa na Facultade de Belas Artes e como resulta fundamental contar coa súa achega para comprender o que sucede neses anos convulsos. “É moi complicado entender como a partir da posguerra parece que na arte galega hai algúns pintores que continúan unha traxectoria bastante universal, cunha estética relativamente máis europeísta, e como hai outros que parece que están a dar pasos atrás, que volven a unha estética de comezos do século XX. Non é o mesmo o caso dos pintores que marchan ao exilio e seguen a traballar fóra, que os que quedaron aquí. A estética tiña que ser diferente aquí”, salienta.
En 1933 don Paco xa estaba apuntando obras concretas que hoxe en día vemos en museos e exposicións. “Non é unha cuestión de amizades, don Paco sempre defendeu o bo facer”, afirma a historiadora
“O seu legado de defensa e divulgación da arte galega é moi importante ao longo de toda a súa vida. Asumiu un compromiso e o levou a cabo ata a fin dos seus días, e ese compromiso foi Galicia, a cultura galega. Parece que fan falta cinco vidas para facer o que fixo el, e esta parte de defensor da arte é menos descoñecida –loxicamente– dentro do seu legado como destacado galeguista”, engade a historiadora, quen ademais sinala como a ollada de don Paco sobre as obras indica unha formación e unha inquietude: “Sabía mirar, tes que ter unha boa formación artística para percibir aspectos que el recollía nos seus textos sobre as obras, e esa inquietude vese nas cartas que lle escribía a Maside preguntándolle polas técnicas que empregaba”.
Liz de Cea relata neste Don Paco. Letras para a arte galega o papel como crítico que exerceu Del Riego na prensa da época e como xogou un papel destacado tamén como comisario de exposicións e como vínculo entre artistas galegos no exilio e os máis novos que comezaban a despuntar en Galicia. “Non é unha cuestión de amizades, don Paco sempre defendeu o bo facer”, afirma a historiadora. E isto reflíctese ao repasar o conxunto do que escribiu sobre a nosa arte, pois no ano 1933 xa estaba apuntando obras concretas que hoxe en día vemos en museos e exposicións.