Unha ducia de números históricos de Grial no 60 aniversario da revista
En 1963 publicouse o primeiro número da revista Grial, que neste 2023 celebra o seu 60 aniversario, un fito que poucas publicacións acadan. Repasamos aquí nunha ducia de números a traxectoria dunha cabeceira que naceu para "remover as enerxías creadoras da espiritualidade galega" e que continúa moi viva, trimestre a trimestre, ollando ao presentes e ao futuro.
-
01
Colección Galaxia
A revista Grial naceu en 1963, pero debemos buscar a súa orixe uns anos antes. En 1951 -un ano despois no nacemento da Editorial Galaxia- saíu do prelo o primeiro caderno da Colección Grial, titulado Presencia de Galicia, dos catro que se publicarían entre ese ano e o seguinte (tamén viron a luz Pintura actual en Galicia, Presencia de Curros y Doña Emilia e Aspectos económicos e xurídicos de Galicia).
Estes cadernos, monográficos, son un bo claro antecedente do que despois sería a revista. De feito, no primeiro número de Grial, publicado en 1963, fálase da "segunda época" da publicación, asumindo que a Colección Grial foi a primeira.
Porén, non era doado publicar en galego en plena ditadura, aínda que a temática fose cultural. Juan Aparicio, que xa escribira no xornal Pueblo un duro ataque contra os cadernos, foi nomeado Director Xeral de Prensa e unha das primeiras medidas que tomou foi prohibir a Colección Grial.
-
02
1963: número 1 de Grial
Houbo que agardar a 1963, xa coa nova Lei de Prensa do franquismo, algo máis permisiva, para asistir ao nacemento da revista. Nese "ano do prodixio", nacen as Letras Galegas, a Fundación Penzol e tamén a revista Grial, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, ao que se facía referencia no texto que introducía a publicación:
"GRIAL arela facer no noso tempo, co esforzo coordinado de todos, algo semellante ó que Rosalía fixo hai cen anos: remover as enerxías creadoras da espritualidade galega. Sabemos que somentes así —desenvolvendo os valores acochados na propia persoalidade— poderá o pobo galego arrequecer o patrimoño cultural da humanidade".
Este primeiro número contaba con textos de Ramón Lugrís, José López Nogueira, Salvador Lorenzana (Francisco Fernández de Riego), Vicente Risco, Ricardo Carvalho Calero, Domingo García Sabell, Isidoro Millán González-Pardo, Xosé María Álvarez Blázquez, Basilio Losada e os poemas de Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova, Xohana Torres e Carlos Casares.
O réxime permite a publicación da revista, iso si, sempre que a metade das páxinas estean en castelán e a outra metade, como moito, en galego.
-
03
Os tempos están cambiando
Nesta primeira época a revista está dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego e buscaba ser un "espazo de comunicación entre a cultura galega e as culturas do mundo" e unha "ponte entre as vellas xeracións do galeguismo e a mocidade que se incorporaba, coas dificultades propias da época, ao discurso cultural galeguista".
Naqueles tempos iniciais formaban o seu consello de redacción: Ricardo Carballo Calero, Domingo García-Sabell, Celestino Fernández de la Vega, Xosé Manuel López Nogueira, Marino Dónega Rozas, Camilo González Suárez-Llanos, Basilio Losada Castro e Ricardo García Suárez.
Velaquí a cuberta do número 51, publicado nos primeiros meses de 1976, o primeiro que viu a luz despois da morte do ditador. Nese ano, coincidindo co 25 cabodano de Castelao, Grial comeza a empregar o galego no 100% das páxinas, vencendo a prohibición anterior de facelo. Os tempos estaban cambiando.
-
04
Número 100 e nova etapa
Grial chegou ao seu número 100 en 1988, 25 anos despois do seu nacemento. Este número, ademais do fito de ser centenario, marca unha fronteira na historia da revista, pois supón o relevo na dirección, asumida nos primeiros 25 anos por Piñeiro e Fernández del Riego, que escriben senllos textos neste volume.
"Fina agora un periodo de cinco lustros de angueira ininterrumpida. En
adiante serán outros os responsables, quenes recollerán o herdo para lie dar
continuidade co estilo das novas promocións mozas", escribe Del Riego. E co mesmo espírito engade Piñeiro: "No ano 89 comenzara unha nova etapa da nosa revista. O paso do tempo, que vai mudando a paisaxe cultural o mesmo que a paisaxe natural, daralle fisonomía propia a esa segunda etapa da revista" -
05
Número 101: Carlos Casares asume a Dirección
En 1988 Carlos Casares asume a dirección da revista e dun novo consello de redacción, do que formaban parte Xan Bouzada, Xavier Castro, Carlos Fernández, Gustavo Adolfo Garrido, Modesto López Bouzas, Henrique Monteagudo, Manuel Rodríguez Álvarez e Damián Villalaín, facéndose cargo da secretaría de redacción Xosé M. Soutullo.
O primeioro número de 1989, encabezado cun texto que reitera a vontade da revista de "servir de canle responsable da actividade cultural galega e actuar ó mesmo tempo como ponte para a incorporación da cultura universal ó noso país", ábrese cun traballo de Antón Baamonde ao redor da construción europea e do papel de Galicia no seu seo.
-
06
Segunda época
Nesta segunda (ou terceira) época, a revista ábrese a novos temas da cultura contemporánea: a arquitectura, a filosofía, a socioloxía ou a ciencia, entre outros, buscando servir como "vehículo de modernización da cultura galega".
-
07
2003: o novo tempo de Grial
En marzo de 2002 morre Carlos Casares e iso acelera a decisión de renovar Grial de maneira importante, tanto na dirección -de forma obrigada-, coma nos contidos e, de forma moi significativa, na estética, que mudara pouco ou moi pouco nos corenta anos anteriores. A revista presentábase agora cun novo deseño gráfico a cargo de Fausto Isorna.
O primeiro número dese ano 2003, cunha dirección compartida por Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, publícase a toda cor e, ademais, encabezado por un tema de máxima actualidade: a catástrofe do Prestige, unha decisión lóxica dado o impacto que a marea negra tivera en Galicia a moitísimos niveis.
"A identidade dos pobos, que se recoñecen a si mesmos a través da cultura, non é algo cerrado, nin inmutable, senón un concepto dinámico, en constante transformación e actualización (...) Cada etapa histórica ten as súas específicas preocupacións e, irremediablemente, presenta os seus propios desafíos, a súa propia modernidade", escribía Víctor Freixanes no encabezamento deste número 157.
A renovación coincidía, ademais, coa celebración das catro décadas da revista, que se debullaban nunha conversa con Paco Fernández del Riego e Xaime Isla.
-
08
Unha nova etapa
Prestige, Guerra/civilización (coincidindo coa invasión de Irak), Europa e o multilingüismo foron os temas que encabezaron os catro números publicados neste ano 2003. "Triunfou a idea de que a revista tiña que ser unha plataforma para discutir o mundo, unha concepción que xa estaba en Carlos Casares", sinala Víctor Freixanes na entrevista colectiva publicada este ano en Grial ao redor do 60 aniversario da revista, na que destaca que os cambios -malia contar con detractores- supuxeron un relanzamento da publicación e un gran número de novas subscricións.
O novo Consello de Redacción estaba formado por Xosé María Álvarez Cáccamo, David Barro, Xan Bouzada, Domingo Docampo, Carlos Fernández, Uxío Labarta, Carlos Lema, Alberto Meixide, César Portela, Andrés Torres Queiruga, Dolores Vilavedra e Ramón Villares.
-
09
Novos temas
Nesta nova etapa Grial busca "responder aos retos que unha cultura viva, dinámica e moderna debe asumir" e reflexionar dende o pensamento e a cultura sobre os temas máis de actualidade. O número 210, dedicado ao feminismo e coordinado por Marilar Aleixandre, é un bo exemplo, coa participación de Saleta de Salvador, Iolanda Martínez, Carmen Castro, Olga Castro, Encarna Otero e Mariam Mariño.
Xa o número 176 de Grial, publicado no outono de 2007 e coordinado por Dolores Vilavedra e María Xosé Agra, estivera dedicado a Xénero, sexo e sexualidade: unha ollada dende o feminismo.
"É importante coñecer a nosa ascendencia, como se conquistaron logros recentes hoxe aceptados por case todo o mundo, que xa non se cuestionan, coma as listas cremalleira. E, ao mesmo tempo, ser conscientes de que hai conquistas que parecían xa consolidadas, pero que a realidade che demostra que hai que seguir defendéndoas", dicía Marilar Aleixandre nesta entrevista en Praza.gal no momento da presentación deste número.
-
10
Nova xeira
O último gran cambio en Grial prodúcese no ano 2020. Renóvase o Consello de Redacción, con Carlos Lema, María López Sández, Inma López Silva, Grial Parga e Álex Alonso Nogueira e Henrique Monteagudo fica encargado de pilotar a revista como director. Marilar Aleixandre, Víctor F. Freixanes, Uxío Labarta, Agar Ledo, Jorge Mira, Xosé M. Soutullo, Dolores Vilavedra e Ramón Villares forman un Consello Asesor.
A pandemia obrigou a adiar a publicación do número 225, que debía pecharse o 16 de marzo, e que finalmente se publicou conxuntamente co 226.
"Un dos empeños fundacionais da revista é contribuír a vivificar unha esfera civil en que a nosa cultura respire, medre e se espalle. Sabemos da dificultade de manter unha publicación coma a nosa, nunha permanente tensión por producir un discurso informado, serio e plural, alén do enfoque inmediatista e de intencións propagandísticas, pero ao mesmo tempo evitando caer no academicismo ultraespecializado", escribe Monteagudo no encabezamento desta nova xeira.
-
11
Celebración do 'ano do prodixio'
O penúltimo número publicado ata agora, correspondente á primavera deste ano 2023, estivo dedicado a celebrar os 60 anos da revista, cuxo nacemento coincidiu co do Día das Letras Galegas e tamén co da Fundación Penzol, tres fitos necesariamente unidos que xustifican a denominación de ano do prodixio para ese ano 1963 no que os marcos comezaban a moverse no país.
Neste número, alén dunha introdución a cargo de Francisco Castro, publicouse unha longa conversa, conducida por María López Sández, con Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo e Xosé Manuel Soutullo (as tres persoas, xunto con Piñeiro, Del Riego e Casares, que maior carga de responsabilidade teñen na traxectoria da publicación)
-
12
O último número (polo de agora)
E chegamos ata o presente. O último número publicado por Grial este outono (en xaneiro chegará o derradeiro número de 2023) ábrese cun monográfico dedicado á lingua, con achegas sobre distintas cuestións e inclúe textos sobre o deporte feminino, os festivais de artes escénicas ou os coidados das persoas con diversidade funcional,