Unha ducia de xardíns en Allariz para combater o cambio climático
Dende hai quince anos Allariz acolle o Festival Internacional de Xardíns, un encontro no que deseñadores e deseñadores de todo o mundo instalan as súas creacións, que se poden visitar de balde na marxe dereita do río Arnoia entre os meses de maio e outubro. Nesta edición a temática elixida foi o cambio climático, de xeito que se animou a creadores e creadoras a deseñar xardíns resilientes e que axuden a loitar contra a emerxencia ambiental. Velaquí os doce xardíns participantes, un bo lugar no que refuxiarse nun verán de calor.
-
01
O renacer da vida
O primeiro xardín, O renacer da vida, convida a unha reflexión crítica sobre "as devastadoras consecuencias do cambio climático e ou futuro incerto que nos agarda". E é que o seu núcleo central é un almacén de sementes, que "non só a posibilidade de restauración, senón tamén a resistencia da vida fronte á adversidade".
Realizado polo equipo RAL (Ruth Rosales Marrero, Andrea Casteres Báez e Lucía Rodríguez Rivero), das Palmas de Gran Canaria, "ofrece unha mensaxe de resiliencia"
-
02
O renacer das cinzas
O segundo xardín tamén fala dun renacer. O renacer das cinzas representa a resiliencia da natureza fronte aos incendios forestais. As persoas que entran no xardín atopan un bosque queimado, deseñado para evocar a desolación tras un incendio, pero posteriormente camiñan cara a un oasis interior, un claro protexido que representa a rexeneración da vida e que inclúe lámina de auga central rodeada de vexetación exuberante e diversa.
Realizado por Laro Bustamante, Fran Cano e Aitana Santos, de Madrid.
-
03
Camiños de esperanza
A resiliencia é tamén a mensaxe de Camiños de esperanza, un xardín que fai fincapé na capacidade de resiliencia das plantas e a súa habilidade para transformar a contorna.
Realizado por Jenny Paola Vázquez Ruiz e Alvaro José Romero Ruiz, de México e Bolivia, o xardín destaca pola reutilización de materiais contaminantes e inclúe na súa cerna un xardín polinizador cheo de plantas aromáticas e flores de cores rechamantes para ser un refuxio para pequenas aves e insectos
-
04
O xardín como refuxio
Adriana Villar Menéndez, de Madrid, conta que cando pensa no cambio climático lembra os veráns cada vez máis abafantes e a sensación de alivio que proporciona a sombra dunha árbore.
A partir de aí deseñou un xardín, O xardín como refuxio, que "responde a esa idea inicial de acubillo e refuxio", pero cunha forma circular que lembra os castros "en alusión aos antigos poboadores".
-
05
Buffer
Buffer é un xardín que busca, en primeiro lugar, reducir as áreas que requiren mantemento e rega, diminuíndo a extensión de céspede e promovendo o uso de especies autóctonas de baixo mantemento. Fai fincapé nun concepto de "ecoloxía da paisaxe", un espazo de transición deseñado para mitigar os efectos adversos da urbanización crecente.
A creación do uruguaio Santiago Regueira está pensado como un conector entre as contornas urbanas e a natureza.
-
06
O xardín do revés
O xardín do revés, de Manuel Amigo, Ane Txintxurreta e Selva Vallverdú, busca ser "unha oda ao surrealismo", un espazo no que "nada é o que aparece". No xardín, no que "non hai un percorrido correcto", materialízase un poema formado por catro escenas que primeiro son catro palabras, logo catro versos de palabras e logo catro estrofas de catro versos.
-
07
Se chove que chova
O xardín Se chove, que chova! está pensado como "unha resposta creativa e sostible ao desafío do cambio climático en Galicia", achegando solucións para xestionar a auga de maneira sostible, pois inclúe tres sistemas de captación de auga: xardíns de choiva, canalóns e bebedoiros; os xardíns de choiva reteñen temporalmente a auga en depresións para filtrala cara ao subsolo.
É unha creación de Isabel Guitiérrez García, Mónica Alonso Martínez-Laya e Lucía González Garrido.
-
08
O xardín das segundas oportunidades
O xardín das segundas oportunidades toma como referencia a danza e a obra de Van Gogh A noite estrelada co obxectivo de mostrar a conexión entre o home, a natureza e a arte.
Na creación da ecuatoriana Cynthia Nathaly Robayo Carrilo destacan a iluminación suave, as fontes e a incorporación de plantas e flores nocturnas, que desprendan a súa fragrancia durante a noite.
-
09
Entra nunha obra de arte
Cando entras neste xardín, entras nunha obra de arte, destacan os seus autores, procedentes de Austria que din que "queriamos presentar o xardín aos visitantes como unha pintura integrada nunha exposición de arte clásica, para reflectir a relación existente entre o ser humano e a natureza".
-
10
O xardín de Casandra
O Xardín de Casandra inspírase no mito de Casandra, que recibiu unha maldición pola cal aínda que podía prever o futuro, ninguén crería as súas advertencias, unha historia que conecta coa crise climática actual xa que "durante anos, a comunidade científica advertiu sobre os seus perigos, pero estas alertas foron ignoradas ou minimizadas", destacan as ourensás María Molina Merelles, Iria Pereira González e Carla Villar Rama
-
11
Xardín de Rocallas
O Xardín de Rocallas é "un modelo de sustentabilidade que integra o deseño paisaxístico e a resiliencia ecolóxica para enfrontar o cambio climático", di a súa creadora, a ecuatoriana Claudia Carolina Avila Espinosa. O seu deseño autosuficiente permite a rexeneración do chan e a optimización dos recursos naturais, creando un ecosistema funcional e duradeiro. Ademais, fomenta a biodiversidade ao atraer polinizadores, aves e pequenas especies, fortalecendo o equilibrio ecolóxico.
-
12
A gaiola dos tolos
Finalmente, a gaiola dos tolos, un xardín creado polas austríacas Lisa Allerstorfer, Katharina Pichler, Enikö Huber e Annika Hornek, fai referencia ao xeito en que a sociedade ignora ou nega as realidades ambientais. Dentro da gaiola creada en Allariz hai unha "perfección coidada", pero no exterior "florece un xardín prospectivo con plantas adaptables ao clima, vexetación tolerante á seca e especies autóctonas". Un xardín resiliente creado como contraste e crítica ao xardín ideal pechado no interior, dependente de regas abundantes e fertilizantes.