Marcos Pérez Pena

Unha ducia de murais en Compostela

Hai tempo que se vén popularizando en moitas cidades e vilas a realización de murais en fachadas, medianeiras e outros espazos que converten as rúas en museos ao aire libre e que embelecen o espazo urbano. A pasada semana o Concello de Santiago presentou a web Muralismo en Compostela, que recolle medio cento de murais pintados nos últimos anos na capital de Galicia, un catálogo con completa información de cada obra, autor ou autora que se irá actualizando coas novas incorporacións. Velaquí alguns deles.

  1. 01

    Yoseba MP: “Soledad, a Poppins do Sar”

    "Soledad, a Poppins do Sar" forma parte da serie de murais de Yoseba MP que titulou “Fenómenos do rural”, onde cada peza fai unha peculiar homenaxe ás mulleres do rural galego, tratándoas como superheroínas do cotián. O mural de Yoseba Muruzábal (Cambre) pode verse na Avenida de Romedo Donallo.

  2. 02

    Xoana Almar: “Lavandeiras do Sarela”

    A intervención mural de Xoana Almar realizouse no Complexo Deportivo de Santa Isabel, situado en Galeras, un barrio santiagués historicamente ligado ao duro e feminizado oficio das lavandeiras. Xoana Álvarez Martín constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola

  3. 03

    Miguel Peralta: "Sen título"

    Mural realizado por Miguel Peralta na Rúa de Amor Ruibal que fala dos coidados e da maternidade

  4. 04

    Lidia Cao: “O periplo”

    O mural de Lidia Cao “O periplo” pode verse o IES do Sar

  5. 05

    MØU: “Liberi”

    MØU é co-director e comisario en eventos como o REXENERA FEST de Carballo, o Cromático de Cambre, CONTEMPORÁNEA FEST de Compostela ou o propio DESORDES CREATIVAS. Ademais el crea directamente murais como este “Liberi” que se pode ver no CSC do Castiñeiriño

  6. 06

    Lula Goce: “Sen título”

    Lula Goce, natural de Baiona e licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, é unha das muralistas máis internacionais e con máis bagaxe nos últimos anos da escena galega do muralismo contemporáneo. Neste mural, no edificio CABES da Rúa Manuel María, mergúllanos nesta imaxe onírica coa que simboliza esa confluencia entre a natureza e o ser humano como parte dun todo necesario.

  7. 07

    Sokram: “Perpetua débeda”

    Sokram é un creativo multidisciplinar: deseño gráfico, ilustración, música (Dktc, Cemento Musgo), muralismo... ademais do seu traballo en Mutante Creativo (DESORDES CREATIVAS, REXENERA FEST...). Os seus grandes murais poden atoparse en numerosos lugares de todo o Estado e noutros países europeos como Francia, Bélxica, Italia, Portugal ou Alemaña. Este “Perpetua débeda” pode verse na Praza de León.

  8. 08

    Mutante creativo: “Crisálida”

    Mutante Creativo está formado por Sokram e Mou. Este mural, que que pode atopar na Rúa de Vedra, semella interpelar ao propio edificio, habitado polas xa míticas bodegas Siso, cunha composición inundada por un mar de viño 

  9. 09

    Nove Noel: “Choupana”

    Noel traballa no eido da imaxe gráfica e a pintura mural de forma profesional dende o ano 2009. Os seus traballos no espazo público poden verse en cidades de España, Portugal, Alemaña, Francia, México ou EE.UU. O seu mural “Choupana” pode atoparse Rúa de Varela Montes.

  10. 10

    Mariana Santos (Portugal): “Sen título”

    Mariana Duarte Santos naceu en 1995 en Lisboa, Portugal. Tivo exposicións colectivas e individuais en Portugal, España, EE.UU., Reino Unido e Irlanda. Neste mural, que se pode ver na Rúa do Cubelo, a lisboeta dá conta do protagonismo das mulleres en diversas escenas cotiás do barrio ao longo do século XX

  11. 11

    Pri Barbosa (Brasil): “Mulleres do parlamento”

    Priscila Barbosa é unha artista visual, muralista e ilustradora de São Paulo. A intervención mural de Pri Barbosa é unha mulleraenaxe ao cotián, ao fogar, ás redes que se tecen día a día entre as mulleres, nos coidados indispensables que hai tras cada conversa, tras cada comida, tras cada sorriso. Un recordatorio de que os afectos son os que nos axudan a avanzar.

  12. 12

    Eloise Gillow (Reino Unido): “O lavadoiro”

    Eloise Gillow é unha artista plástica do Reino Unido, a día de hoxe radicada en Barcelona. Grazas ás sabias voces das veciñas da Rocha, a británica foi quen de descubrir a historia máis fascinante e descoñecida da parroquia de Conxo para, alén das lendas e romarías populares, atopar a beleza, coa súa minuciosa mirada artística, nun dos relatos domésticos máis simples