Marcos Pérez Pena

Unha ducia de estacións de tren e apeadoiros pechados nos últimos anos

Hai tres semanas o Ministerio de Transportes presentou o proxecto para construír un apeadoiro en Valga na liña convencional de tren Vilagarcía-Padrón. Unha obra de pequena dimensión pero que supón un fito a nivel galego. Nas últimas dúas décadas, nas que pecharon 42 paradas en todo o país, só abriron tres novas estacións ferroviarias, todas vinculadas ao desenvolvemento da rede de alta velocidade. Repasamos aquí algunha destas estacións que foron pechando nos últimos anos.

  1. 01

    Estación de Portas

    A Estación de Portas atópase no concello do mesmo nome, preto da Azucreira de Portas e tamén moi próxima (dous quilómetros) do centro de Caldas de Reis, localidade de case dez mil habitantes que deste xeito ficou hai anos sen servizo de tren.

  2. 02

    Estación de Louredo-Valos (Mos)

    A Estación de Louredo, en Mos, foi inaugurada en 1878 coa apertura do treito Guillarei-Vigo da liña que une a cidade olívica con Monforte. Pechou en 2013, deixando a Mos se servizo de pasaxeiros.

  3. 03

    Estación da Bandeira (Silleda)

    Un dos treitos que nos que houbo máis peches de estacións nos últimos anos foi o que une Santiago e Ourense. Desapareceron un total de sete paradas, tres delas no concello de Silleda (Silleda, A Bandeira e Ponte Taboada) que quedou sen servizo de pasaxeiros en ningunha delas. As tres puxéranse en marcha en 1958 e deixaron de funcionar en 2013, cos recortes do Goberno de Rajoy, nunca revertidos.

  4. 04

    Estación de Castrelo do Val - Verín

    A Estación de Castrelo do Val - Verín abriu en 1957 coa posta en servizo do complexo treito Ourense-Pobra de Seabra da liña A Coruña-Zamora. Os recortes levados a cabo polo goberno de Rajoy en 2013 levaron ao peche desta e do resto das estacións situadas entre Ourense e A Gudiña. Está situada no lugar de Campobecerros (Castrelo do Val), a 23 quilómetros de Verín.

  5. 05

    Estación de Baños de Molgas

    Outra das estacións pechadas nesa liña foi a de Baños de Molgas. Inaugurada tamén en 1957 e pechada en 2013. Dende entón acolle o museo dedicado ao cómico Moncho Borrajo.

  6. 06

    Estación da Pobra de San Xiao (Láncara)

    A estación da Pobra de San Xiao, en Láncara, foi inaugurada en 1878 coa posta en servizo do treito Sarria-Lugo da liña entre Palencia e A Coruña. En 2002 perdeu o servizo de pasaxeiros e en 2018 a propia vía férrea foi desviada para evitar o paso polo casco urbano da Pobra de San Xiao e suprimir así 16 pasos a nivel. A nova estación, sen servizo de pasaxeiros, conservou o nome, pero en realidade está na parroquia de Moscán, no Páramo.

  7. 07

    Estación de Laxosa (O Corgo)

    A estación de Laxosa, no Corgo, foi tamén inaugurada en 1878 coa posta en servizo do treito Sarria-Lugo da liña entre Palencia e A Coruña. Dende 2002 non empresta servizo de pasaxeiros. Está situada a dez quilómetros do centro de Lugo.

  8. 08

    Estación de Begonte

    A estación de Begonte foi inaugurada en 1875 coa apertura do treito A Coruña-Lugo da liña entre Palencia e A Coruña. Dende hai anos non ten servizo de pasaxeiros, sendo as paradas máis próximas as de Baamonde e Rábade.

  9. 09

    Estación de Queixas-Londoño (Cerceda)

    A Estación de Queixas-Londoño, en Cerceda, deixou de funcionar en 2007. Por aquí pasa agora unha vía verde que une Cerceda e Santiago, empregada para realizar sendeirismo e rutas en bicicleta

  10. 10

    Estación de Vedra-Ribadulla

    A estación de Ribadulla, en Vedra, foi inaugurada en 1958 coa posta en servizo do treito O Carballiño-Santiago da liña Zamora-A Coruña. Deixou de ser estación de pasaxeiros no ano 2013, no marzo dos recortes do Goberno de Mariano Rajoy. Dende hai uns anos converteuse nun recinto cultural, que acolle concertos e artes escénicas.

  11. 11

    Apeadoiro do Casal (Santiago)

    O apeadoiro de Casal, en Laraño, é unha das varias paradas que nos últimos anos pecharon no Concello de Santiago, xunto coas da Susana e a de Verdía, situadas todas polo tanto en zonas con moita poboación e que se poderían beneficiar dun servizo de proximidade. Nos tres casos consérvanse os edificios de pedra das estacións

  12. 12

    Estación de Garga-Trasmonte (Oroso)

    A estación de Garga-Trasmonte (Oroso) é unha das varias que deixaron de funcionar cando entrou en funcionamento a liña de alta velocidade entre A Coruña e Santiago, coma a de Oroso-Vilacide, a de Gorgullos-Tordoia ou a xa comentada de Queixas-Londoño.