Unha ducia de discos galegos e novidades que hai que escoitar esta primavera
En Galicia faise moita e boa música. Do rock ao tradi, da electrónica ao pop. As bandas e artistas do país non deixan de producir e nos últimos meses tivemos un gran número de novidades ben interesantes. Discos novos ou anticipos deses álbums que verán a luz en breve. Velaquí algunha desas novas cancións, con grandes nomes como Fillas de Cassandra, Portosanto, The Rapants, Tanxugueiras, De Ninghures ou TAB.
-
01
Fillas de Cassandra: Insolación
Un dos discos máis agardados da música galega era Tertúlia, o segundo longo de Fillas de Cassandra, publicado o pasado 24 de abril. A presentación ao vivo de ‘Tertúlia’ chegará este sábado 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. Fillas de Cassandra e numerosas colaboradoras -que se darán a coñecer nestas semanas- citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro
Fillas de Cassandra presentan 'Tertúlia': 12 cancións (e cadeiras) para "poñer a palabra no centro"
ENTREVISTA | "Redescubrímonos con cada traballo, o que ofrecemos son as nosas ideas"
-
02
Portosanto: Vinte de agosto
Portosanto presentou a finais de abril o seu primeiro disco, Ten que haber un sitio para nós, editado por Ernie Records. Pero, en realidade os Portosanto -Anaís, Andrés, Nuno, Simón e Xoel- son unha segunda parte do proxecto Oh! Ayatollah, que hai uns anos nos deixou himnos xeracionais como "Todos.xuntos.unidos.sempre" ou "Volve a canción protesta".
‘Ten que haber un sitio para nós’, pop-rock honesto no primeiro disco de Portosanto
-
03
The Rapants: Viaxei
The Rapants son, de forma incontestable, unha das bandas do momento. Hai pouco máis dun mes demostraron o seu estado de graza nun ateigado Multiúsos do Sar para presentar o seu novo álbum Rapants Club, acompañados de Galician Army, Grande Amore, Sara Faro (Fillas de Cassandra), Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras) e 9Louro.
-
04
Nadie González: Carne crúa
A viguesa Nadie González non ten un novo disco que dea o relevo ao brillante Noctiluca Scintillans (2024), pero si presentou recentemente este novo tema, un ensaio sobre a vulnerabilidade, o desexo e a desconexión neste mundo hiperconectado. un espazo confesional onde o corpo, a dúbida e o pracer conviven.
ENTREVISTA | Nadie González: «No escenario hai que ser unha xefa, ou polo menos que a xente o pense»
-
05
Baiuca, Mondra: Mazarocas
En Mazarocas, Mondra e Baiuca únense para reivindicar os pobos que bailan nun sinxelo publicado hai dúas semanas. O novo tema chegou acompañado dun impresionante videoclip cun amplo corpo de baile de case corenta bailadoras e cos propios Baiuca e Mondra formando parte desa intensa coreografía gravada na Cidade da Cultura de Santiago.
-
06
De Ninghures & Galician Army: Regueifa Maldita
De De Ninghures poderíamos ter escollido o tema que veñen de publicar en colaboración con Mondra, Que se nos faga de día, unha auténtica candidata a canción do verán, pero en marzo De Ninghures publicaron tamén esta colabo con Galician Army: "Regueifa Maldita", tralla nova para as moitas persoas que teñen fame de novidades dunha banda que nos sorprendeu o pasado ano.
“Que se nos faga de día” De Ninghures e Mondra teñen gana de verán
ENTREVISTA | De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»
-
07
Arrhythmia x Grande Amore: Agonía
En marzo os lucenses Arrhythmia lanzaron o seu novo EP, CERØ (Galunk Producións, 2026), que inclúe este "Agonía" en colaboración con Nuno Pico de Grande Amore. Arrhythmia leva anos convertendo o ruído en linguaxe e destacan que este tema "fusiona metal e synthwave para crear unha atmosfera intensa e melancólica arredor do paso do tempo e da angustia dunha conta atrás constante”.
-
08
Pantis: A tarde ceiba
Memoria nova, de Pantis, leva xa uns meses publicado. Pero nunca é tarde para descubrir un álbum magnífico (outro máis, despois de Badíos e Pranto) do proxecto musical en solitario de Rubén Domínguez (Chicharrón, Telephones Rouges, Metralletas Lecheras...)
-
09
Tanxugueiras: Chorar, chorei
As Tanxus publicarán nos vindeiros meses o seu novo álbum longo, O Cuarto, o primeiro dende o Diluvio (2022) que rachou récords e se converteu en todo un fenómeno. Presentarano en directo o 17 de outubro nun Coliseum da Coruña que estará ateigado para a súa única data en Galicia este ano. Nos últimos meses foron ofrecéndonos anticipos, como este "Chorar, chorei".
O plan das Tanxugueiras para o seu novo disco: volver facer historia no Coliseum da Coruña
-
10
Zavala: Corvo Negro
As ferrolás Zavala publicaron o pasado ano Pequeno Manual Para Grandes Cambios II (Teoría e Práctica), o seu segundo álbum, que terá continuidade neste 2026 cun novo longa duración, do que xa presentaron este adianto, Corvo negro.
-
11
Alana: Viladervós
Un dos principais sinais de identidade de Alana é a mestura da música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. A formación está a piques de publicar o seu segundo disco, do que xa coñecemos este adianto, unha canción que parte dunha recollida a unhas veciñas de Terroso, unha parroquia do municipio ourensán da comarca de Verín e na que colaboran as Pan Sen Fron nunha caste de rave tradi.
-
12
Rebeliom do Inframundo: Gaia
Rebeliom do Inframundo publicou recentemente o seu quinto disco: Orgulho (Galunk Producións), que está a presentar en salas, cun único concerto en Galicia, na Capitol de Santiago este venres 8 de maio. Con todo, no verán poderemos velos en varios festivais do país, por exemplo o Revenidas.
-
13
Triángulo de Amor Bizarro: Pat a trenca
Os TAB de Boiro publican este 15 de maio o seu noveno álbum, Mi Catedral, que inclúe alfaias como este Pat a trenca. Actúan este sábado no Facela Fest de Lugo e este verán estarán en citas como o Atlantic Fest.
-
14
MJ Perez: Bingo!
A arzuá MJ Pérez ten novo disco, con título en francés: Je tiens bon, unha mostra de que a artista segue firme cunha boa colección de cancións que incorporan ritmos variados e mesmo distintos idioma. Bingo!, cantada en portugués, é un merengue con moita retranca, música alegre para falar de todo o contrario.
MJ Pérez canta “Bingo!” en portugués, con retranca e merengue