Fillas de Cassandra presentan 'Tertúlia': 12 cancións (e cadeiras) para "poñer a palabra no centro"

Fillas de Cassandra presentan o seu novo disco, 'Tertúlia', na exposición da Fundación Granell © AIGI BOGA

O novo álbum, que se publica o 24 de abril, dá nome tamén a unha instalación de 12 cadeiras que este martes e mércores se pode visitar na Fundación Granell de Compostela. Trátase dun convite a sentar e conversar, nunha homenaxe "ás mulleres que sacaban o asento á rúa para 'saír á fresca'"

O vindeiro 24 de abril publícaseTertúlia, o agardado segundo álbum de Fillas de Cassandra, do que xa escoitamos tres temas en forma de adiantos. Este martes as dúas integrantes do dúo vigués anticiparon máis detalles deste traballo na presentación dunha instalación que leva o mesmo nome do disco e que está formada, ademais, polas mesmas doce cadeiras (unha por canción) que se poden ver na portada do álbum.

A instalación TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras pode verse este martes 7 e mércores 8 na Fundación Granell de Santiago de Compostela e posteriormente viaxará a Madrid para ser exposta o 10 e 11 de abril no espazo Infinito Delicias. A exposición, que convida o público a entrar fisicamente na portada do novo disco do dúo, hibrida a creación musical de Fillas de Cassandra coa práctica escultórica e escenográfica do colectivo As dúas e punto.

O vindeiro 24 de abril publícase Tertúlia, o agardado segundo álbum de Fillas de Cassandra

As doce cadeiras aparecen despregadas nun círculo para facilitar organicamente o encontro, "unha roda para conversar e para poñer a palabra no centro", destaca o dúo vigués, que engaden que remiten "á oralidade, á escoita, á expresión, ás mulleres que sacaban o asento á rúa para 'saír á fresca' e falar, conversar, dialogar; para transformar o espazo público nun lugar de transmisión e complicidade.

As cadeiras remiten "á oralidade, á escoita, á expresión, ás mulleres que sacaban o asento á rúa para 'saír á fresca' e falar, conversar, dialogar; para transformar o espazo público nun lugar de transmisión e complicidade

O 24 de abril María SOA e Sara Faro lanzarán, da man de Altafonte, Tertúlia, un traballo que supón un paso firme na súa evolución artística, onde o orgánico e o electrónico se entrelazan para dar voz a un diálogo que transcende o tempo. Producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. As viguesas contan neste álbum, ademais, coa colaboración de nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.

O álbum articúlase arredor de doce temas, dos que xa se coñecen tres adiantos: ‘saír á fresca’, ‘insolación’ e a recente ‘déixate ver’. A presentación ao vivo de ‘Tertúlia’ chegará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra.  Fillas de Cassandra e numerosas colaboradoras -que se darán a coñecer nestas semanas- citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas están á venda.

As cancións de Tertúlia (e as cadeiras da exposición)

  • ‘SAÍR Á FRESCA’: Unha estrutura metálica con cinchas de cores rechamantes e pintura en spray verde, evocando a estética das cadeiras de praia históricas.
  • ‘ALBOROTO’: Unha "anti-cadeira" agresiva, cuberta de pinchos anti-pombas negros, deseñada para sinalar límites e incomodar.
  • ‘MAGNÉTICA’: Unha peza que simboliza o fervor do encontro, construída con elementos variados que van desde unha cáscara de pipa ata unha perna de boneca.
  • ‘TERTÚLIA’: A peza máis sólida e funcional, de madeira e metacrilato espello, que convida ao reflexo e a comezar a desobedecer.
  • ‘CUCHICHEO’: Estruturas de plástico branco entrelazadas cunha bota de charol negro, representando o rumor constante e a complicidade. Na canción, Fillas de Cassandra conta coa colaboración de Pipiolas. 
  • ‘FILLA FILLIÑA’: Unha mecedora de madeira e ratán que funciona como unha nana interxeracional, tan tranquilizadora como inquietante, na que Abraham Cupeiro participa no disco. 
  • ‘AMOR’: Unha peza forzosamente confortable de poliuretano verde e cinchas laranxas, que fala da forza do aferro e do duelo.
  • ‘VERBENA’: Estrutura circular de médula de ratán que conecta coas espigas de Maruja Mallo e a idea de continuar o baile cando a festa remata.
  • ‘BUCÓLICA’: Cadeira-refuxio de madeira cuberta de musgo artificial e flores naturais, que simboliza a pausa e o tempo de botar raíces. O navarro Zetak colabora nesta canción.
  • ‘INSOLACIÓN’: Unha estrutura de metacrilato e cera branca que representa o extase da liberación en comunidade ata derreterse.
  • ‘DÉIXATE VER’: Xogo entre a transparencia do metacrilato e a presenza dunha pedra de papel maché, sobre o baleiro que deixan as amizades esvaídas, e que no disco tamén canta Ede.
  • ‘LODOS’: Unha peza de terciopelo morado e espuma branca que celebra a certeza da amizade e o desexo de quedarse mentres pasan os lodos.
Fillas de Cassandra presentan o seu novo disco, 'Tertúlia', na exposición da Fundación Granell © AIGI BOGA
Fillas de Cassandra presentan o seu novo disco, 'Tertúlia', na exposición da Fundación Granell © Aigi Boga

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.