Unha ducia de bosques galegos para gardarse da calor
Chega a calor e unha das mellores formas de combatelo é dando un paseo por algún dos fermosos bosques que temos en Galicia. Os baños de bosque son recomendables en calquera momento do ano, pero máis aínda no verán. Como un bosque é moito máis que un conxunto de árbores, no seu interior atopamos tesouros de moitos tipos, pois todos eles dan acubillo a unha enorme riqueza de flora e fauna, ademais de paisaxes singulares e todo tipo de recantos: ríos, fervenzas, miradoiros, sendeiros. Anímaste?
-
01
Fraga de Catasós
A Fraga de Catasós é unha fraga (ou souto mixto) declarada monumento natural no ano 2000. Ten unha superficie de 5 hectáras e atópase no lugar de Qunitela, en Lalín. Destaca polos seus carballos e tamén polos seus altos castiñeiros, que con preto de 30 metros nalgúns casos se sitúan entre os máis altos de Europa.
No ano 2017 foi escenario dunha loita da veciñanza do lugar contra Fenosa, que pretendía -coa autorización da Xunta- construír alí unha liña de alta tensión que tería provocado a talla de centos de árbores de gran valor. Finalmente, a veciñanza venceu a Fenosa.
-
02
Souto da Retorta
O Souto da Retorta, en Chavín (Viveiro), é tamén coñecido como eucaliptal de Chavín. E é que neste bosque hai uns 600 exemplares de eucaliptos, moitos deles centenarios e algún deles entre os máis altos de Galicia. Un deles, chamado O Avó, ten uns 130 anos, máis de 70 metros de altura e 7,6 metros de perímetro.
O souto atópase en parte dentro do ZEC Río Landro e inclúe no seu interior dúas importantes fervenzas: o Salto do Can e o Pozo da Ferida.
-
03
Fragas do Eume
As Fragas do Eume son un dos mellores exemplos de bosque atlántico. Son Parque Natural dende hai tres décadas, pero hai só dous anos que contan co seu plan reitor de uso e xestión, criticado polo ecoloxismo pola súa escasa ambición. Aínda que o eucalipto invadiu unha parte deste fermoso espazo, as Fragas conservan espectaculares recantos para facer sendeirismo, bicicleta e outras actividades deportivas e de aventura. Ou, simplemente, para un repousado paseo
-
04
Devesa da Rogueira
A Devesa da Rogueira, en Folgoso do Courel, está recoñecido como sitio natural de interese turístico e atópase dentro do ZEC Ancares-Courel. Nos seus 30 km2, mestura fragas con vexetación mediterránea e agocha unha valiosa biodiversidade
-
05
Souto de Rozavales
O Souto de Rozavales é un souto de castiñeiros que se atopa en San Martiño de Manzaneda (Manzaneda). No seu territorio, case dúas hectáreras, destaca o castiñeiro de Pumbariños, declarado árbore senlleira, que ten máis de 500 anos e 13 metros de perímetro na súa base.
-
06
Fraga da Marronda
A Fraga da Marronda, no concello lucense de Baleira, é un exemplo excepcional de bosque autóctono galego que ocupa unha extensión de 611 hectáreas. Constitúe unha parte do límite sur occidental da faia en Europa e unha das máis importantes reservas de esta árbore na parte sur occidental do continente. Pódense realizar varias rutas de sendeirismo, entre elas, a Ruta da Marronda- Alto Eo.
-
07
Teixadal de Casaio
O Teixadal de Casaio, é un pequeno bosque de teixos situado en Carballeda de Valdeorras. Forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Pena Trevinca. É un dos poucos bosques naturais de teixos existentes en Europa xa que esta é unha árbore que adoita medrar illada. Ten preto de 300 teixos e ocupa unhas 6 hectáreas. É un bosque de difícil acceso e, por exemplo, agochou a moitos guerrilleiros despois da Guerra Civil, unha mina de wolframio explotada polos nazis e pinturas rupestres.
Casaio: Os segredos da mina de volframio que os nazis dirixían en Valdeorras
-
08
Reboleiras do Navea
As Reboleiras do Navea é un bosque mixto de rebolos, da familia dos carballos, de grande interese ecolóxico e gran beleza paisaxística, distinguido coa declaración ambiental de Paisaxe Protexido. Está situado entre os concellos de Pobra de Trives e San Xoán de Río, na ribeira do río Navea.
-
09
Aciñeiral de Cruzul
O Aciñeiral de Cruzul, en Becerreá, é o aciñeiral máis septentrional de Galicia e constitúe unha das masas desta especie mellor conservadas no país. Os Ancares amosan aquí unha cara distinta, que se pode percorrer a través dos varios sendeiros que alí están sinalizados.
-
10
Bidueiral de Montederramo
O Bidueiral de Montederramo, entre os concellos de Montederramo e Vilar de Barrio, é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que abrangue a zona de nacemento dos ríos Arnoia, Limia e Támega nas abas da serra de San Mamede.
-
11
Devesa de Anllares
Viaxamos de Ourense á costa atlántica, á Devesa de Anllares, nas beiras do río Xallas, en Mazaricos. No seu interior pódense realizar varias rutas de sendeirismo a través de camiños de pescadores. Trátase da masa forestal autóctona más occidental de Galicia e a segunda de maior superficie na provincia da Coruña.
-
12
Sobreiral do Arnego
Máis ao sur, entre Agolada, Lalín e Vila de Cruces, atopamos o Sobreiral do Arnego, situado no val do Arnego, río que vai desembocar no Ulla no encoro de Portodemouros. Carballos, sobreiras e amieiros poboan as súas 1.537 hectáreas.
-
13
Bosque de Loureiros de Cortegada
Para rematar, unha mención a un bosque moi sisgular, situado no medio da pequena illa de Cortegada, situada fronte á costa de Carril, en Vilagarcía de Arousa. Este Bosque de Loureiros constitúe o maior de toda a Península Ibérica. Houbo un proxecto para ceder a illa ao rei Alfonso XIII para que construíse alí un palacio que funcionase como residencia de verán.
Despois, foron moitos os intentos de urbanizar a illa, sobre todo dende a súa venda a unha promotora inmobiliaria en 1978. Porén, a partir dese momento veciñanza e entidades sociais mobilizáronse para manter os valores naturais e paisaxísticos do lugar.