Unha ducia de paradas para coñecer as Fragas do Eume e a súa contorna
As Fragas do Eume son unha das xoias de Galicia pola súa beleza natural que ofrece o propio Parque Natural e os concellos que o rodean: Cabanas, Pontedeume, As Pontes, A Capela e Monfero. As Fragas ofrecen a posibilidade de realizar un turismo comprometido co medio ambiente e coa sociedade local, un turismo de natureza e gastronómico que, ademais, se pode complementar coas praias e lagoas da comarca e co rico patrimonio histórico da zona
-
01
As Fragas
“Atreveríame a dicir que se temos que facer unha lista de imprescindibles que visitar en Galicia, sen dúbida, o Parque Natural das Fragas do Eume estaría en calquera posición”, dicía hai unhas semanas en Fitur o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira. Estamos ante un dos Bosques Atlánticos costeiros máis valiosos do continente, unha xoia que non todo o mundo coñece.
-
02
Contorna do Mosteiro de Caaveiro
O lugar máis coñecido nas Fragas é o Mosteiro de Caaveiro e a súa contorna. Situado nun montículo rochoso entre os ríos Eume e Sesín, a orixe do mosteiro sitúase no século X. A forma máis directa para acceder a el é polo Portal de Pontedeume, de onde parten no verán autobuses lanzadeira. Tamén se pode acceder polo Portal da Capela, punto de inicio de interesantes rutas de sendeirismo
-
03
Sendeiros
Dentro das Fragas son moitos os sendeiros e camiños que se poden percorrer, máis ou menos longos, a pé ou en bicicleta e con opcións para todo tipo de camiñantes. As rutas de Sanguiñedo, Os Encomendeiros, Cerqueiros, Fontardión, Pasada Vella, Pena Fesa, Ventureira, e Os Corzos permiten coñecer en profundidade as belezas do Parque Natural
-
04
Os miradoiros sobre o Eume
Das Fragas coñécese sobre todo o río e mais Caaveiro, pero menos coñecidos son os seus miradoiros, entre os que podemos destacar catro, dende os que hai margníficas vistas sobre o encoro do Eume: A Carboeira (Monfero), Cañón do Eume (A Capela), Pena do Teixo (Monfero) e Pena Cavada (Monfero)
-
05
Mosteiro de Monfero
A contorna das Fragas teñen moito que ofrecer, con grandes atractivos turísticos nos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, As Pontes ou Monfero. O Mosteiro de Monfero, precisamente, é unha delas. Trátase dun cenobio medieval que foi declarado Monumento Nacional en 1931 e que conta con tres claustros e unha igrexa románica que é a parte mellor conservada.
-
06
Ponte sobre o Eume
Indo na outra dirección e seguindo o río cara ao mar, atopamos a ponte sobre o Eume que une Cabanas e Pontedeume, mandado construír por Fernán Pérez de Andrade no século XIV. Na súa orixe tiña 78 arcos e dúas torres, ademais dun oso e un xabarín de pedra (símbolos de Fernán Pérez, hoxe conservados no claustro do convento de Santo Agostiño) e mesmo un hospital de peregrinos. As crecidas do rio obrigaron a reparar a ponte varias veces, ata que no século XIX foi definitivamente refeita, dando lugar ao aspecto actual, con 15 arcos
-
07
Praia de Cabanas
Na beira de Cabanas podemos gozar dunha das mellores praias do norte de Galicia, a da Madalena, que conta cun amplo piñeiral. No verán acolle moitos visitantes dos concellos de toda a comarca e tamén procedentes doutros lugares
-
08
Pontedeume, o legado dos Andrade
Na outra beira do río, Pontedeume ofrece moitos atractivos. Trátase dunha vila cun coidado casco histórico, no que destacan as casas soportaladas da Rúa Real e a Praza do Conde, o Convento de Santo Agostiño, a Casa do Concello, o modernista Coliseo García Novoa, as Lonxas de Raxoi e Igrexa parroquial de Santiago. E, por suposto, o Torreón dos Andrade, no centro da vila, e o Castelo dos Andrade, dende onde se pode ver unha magnífica panorámica da desembocadura do río Eume
-
09
Igrexa de San Miguel de Breamo
Non podemos esquecer a igrexa de San Miguel de Breamo, do século XII, que foi declarado Monumento Nacional en 1931. É o único que queda dun mosteiro homónimo que existiu neste lugar, nun monte que se ergue sobre o centro da vila de Pontedeume. A comezos de maio acolle a romaría de San Miguel de Breamo.
-
10
Lagoa das Pontes
As Pontes de García Rodríguez era coñecida pola súa central térmica e, anteriormente, pola mina de lignito que en 2012 se converteu nunha lagoa. O lago, con cínco quilómetros de longo e unha profundidade máxima de algo máis de 200 metros conta cunha praia artificial e permite levar a cabo múltiples actividades deportivas nas súas beiras e nas súas augas.
-
11
Queixo do Eume
Se falamos do Eume, temos que falar tamén de gastronomía e, sobre todo, dos queixos que alí se producen. No mes de outubro a parroquia pontesa de Goente celebra a Feira do Queixo e do Mel, unha festa de exaltación de dous dos produtos máis populares da gastronomía local.
Cómpre salientar, igualmente, os grelos de Monfero, un dos produtos máis populares da gastronomía galega, que ten especial fama aquí, grazas ao clima frío e húmido desta zona. Cada ano, celébrase na parroquia do Val de Xestoso, en Monfero, a Festa gastronómica que rende homenaxe a esta verdura, cadrando sempre co domingo anterior ao entroido.
-
12
Costrada de Pontedeume
E, se temos que destacar, algún prato típico e orixinal desta zona, poderiamos faclo coa Costrada de Pontedeume. Trátase dunha especie de empanada formada por varias capas, tanto de carne como de peixe, que se pode conseguir en calquera establecemento da zona (na imaxe, servido na Cantina Río Covés). Ten a súa orixe nunha comunidade de monxes italiana que trouxo este manxar medieval ao refectorio do Mosteiro de Caaveiro no século XII.