Carril, homenaxeada pola súa defensa de Cortegada

Vista da Illa de Cortegada dende Carril CC-BY Alquilerdecoches

Ata 1907 a Illa de Cortegada, situada fronte ás costas de Carril (Vilagarcía de Arousa), estaba aínda poboada por 16 familias. Nese momento comezou a barallarse a posibilidade de cederlle ao rei Alfonso XIII parte da illa ou a illa ao completo para que construíse alí un palacio que funcionase como residencia de verán. Empresarios e promotores locais soñaban coas posibilidades que a presenza ocasional do monarca e a súa corte terían para a comarca. O palacio nunca chegou a construírse, pero a illa tardou case un século en regresar a dominio público.

Dende ese proxecto falido foron moitos os intentos de urbanizar a illa, sobre todo dende a súa venda a unha promotora inmobiliaria en 1978. Porén, a partir dese momento veciñanza e entidades sociais, sobre todo da anexa vila de Carril, mobilizáronse en varias ocasións para manter os valores naturais e paisaxísticos do lugar. Esta fin de semana a Asociación de Municipios con Territorio en Parques Nacionais (Amuparna) recoñeceu a protección exercida polos veciños e veciñas da localidade sobre este espazo. A entidade quixo destacar a acción do pobo de Carril "poñendo en valor a defensa que este sempre fixo da illa de Cortegada durante xeracións, intentando preservar a súa riqueza natural e evitando a toda costa a urbanización desta terra cun lema por bandeira: 'Cortegada é nosa. Defendámola'”. Dous veciños da vila, fillos dos últimos habitantes da illa, recolleron o recoñecemento. No acto, ademais, descubriuse unha placa, no lugar que ocupaba a antiga conserveira Malveiras, e dende a que se pode ver a illa. 

 

Cen anos de proxectos inconclusos, a illa a salvo

En 1907 o rei Alfonso XII comunicou á sociedade promotora que aceptaba o agasallo se se lle entregaba a totalidade do espazo. E así se fixo, formalizando a cesión en 1910, o que supuxo a expulsión dos seus últimos habitantes, que se instalaron maioritariamente en Carril. Hoxe podemos consultar os planos do proxecto de palacio e mesmo da ponte de ferro e granito que se prevía construír, unindo Cortegada e Carril, con 6,50 metros de ancho e uns 338 metros de longo.

Porén, o monarca decidiuse por Santander como emprazamento para a súa nova residencia estival. Alí, tamén por subscrición popular, constrúese o Palacio da Magdalena, iniciado en 1908 e rematado en 1913. Con todo, Alfonso XIII quedou coa Illa de Cortegada, aínda que -agás unha breve visita en 1907- nunca apareceu polo lugar. En 1932 a República confiscou a illa, que lle foi devolta á familia Borbón trala Guerra Civil. En 1978 Juan de Borbón (que previamente plantara piñeiros e eucaliptos para a explotación da súa madeira) vendeulle o lugar á sociedade Cortegada S.A. por 60 millóns de pesetas, presentando en 1979 o construtor Otero Núñez un proxecto para erguer 12 bloques de apartamentos, un hotel de luxo e un palacio para o propio Don Juan de Borbón. 

Aí foi cando a veciñanza de Carril adoptou unha posición máis activa de defensa da illa: presentáronse varias demandas xudiciais contra o proxecto, a asociación de veciños da localidade mobilizouse e esixiu a paralización dun faraónico proxecto que, co beneplácito do concello, incluía a construción de 800 vivendas, un porto deportivo, un campo de golf, áreas comerciais e outras instalacións. En 1991 o novo alcalde de Vilagarcía, o socialista Javier Gago, paralizou o proxecto. Finalmente, o 13 de xuño do 2002 foi incluída no parque nacional das Illas Atlánticas e en agosto de 2007 Cortegada volveu a dominio público tras ser expropiada pola Xunta de Galicia a través do pagamento dun xustiprezo de 1,8 millóns de euros.

Vista da Illa de Cortegada dende Carril CC-BY Alquilerdecoches
Unha imaxe da propia Illa de Cortegada CC-BY Evelio Sánchez
Restos dunha edificación na Illa de Cortegada © losviajeros.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.