Dende o inicio da Segunda Guerra Mundial, o volframio foi coñecido o ouro negro. O seu elevado punto de fusión facía este material imprescindible para a produción de máquinas, nomeadamente carros de combate, e para a fabricación de determinada munición. Alemaña necesitaba volframio e atopouno en varios lugares do Estado español, onde as tropas franquistas viñan de gañar a Guerra Civil. E, especialmente, en Galicia, en varios lugares de Bergantiños e da Costa da Morte e tamén na zona de Valdeorras, en Casaio. Unha historia na que, por exemplo, afondaron os filmes A batalla descoñecida ou Lobos sucios, que de feito se sitúa neste lugar de Casaio.
A instalación foi das poucas que estaba xestionada directamente polos nazis e, de feito, era coñecida na comarca como "a mina dos alemáns"
España nunca abandonou oficialmente a súa posición de non-belixerancia, pero no comezo da guerra emprestou unha colaboración importante á Alemaña nazi, especialmente no referido ao uso dos portos e, sobre todo, ao comercio do volframio.
De Galicia saíron moitos quilos de volframio en dirección a Berlín, pero o caso da mina de Valborraz (en Casaio, Carballeda de Valdeorras) foi particular por varios motivos. A instalación foi das poucas que estaba xestionada directamente polos nazis e, de feito, era coñecida na comarca como "a mina dos alemáns". A mina fora aberta en 1914 por unha empresa belga, e estivo operativa durante 15 anos. Posteriormente, en 1938, os terreos foron adquiridos polo consorcio SOFINDUS, un conglomerado de empresas de propiedade nazi e con estreitas conexións con Franco (por exemplo, o presidente do Consello da Administración era o conde de Argillo, consogro do ditador).
Os alemáns explotaron a mina ata 1945 e nese tempo pasaron por ela centos de traballadores e traballadoras. Ademais, entre 1942 e 1944 funcionou aquí un Destacamento Penal, instrumento que o réxime franquista utilizaba para facer traballar os presos (sobre todo prisioneiros de guerra) en obras de construción e empresas afíns a cambio dunha redución das súas condenas. Case 500 presos pasaron pola mina en menos de dous anos, ata que o Penal foi pechado despois de que se producisen varias fugas e de que algúns dos fugados entrase en contacto cos guerrilleiros que movían pola contorna.
Case 500 presos pasaron pola mina en menos de dous anos
A mina volveu explotarse durante a Guerra de Corea (1950-53), pero foi finalmente abandonada en 1963, iniciando nese momento un rápido proceso de degradación e, de feito, no ano 2010 parte das súas instalacións foron sepultadas pola derruba dunha canteira de lousa próxima. O proxecto de investigación Sputnik Labrego, que conta con financiamento do CSIC e da Xunta e co apoio da Comunidade de Montes de Casaio, leva dous anos traballando na zona para afondar no coñecemento da mina. Nas vindeiras semanas regresará aos montes de Casaio para continuar coa súa investigación arqueolóxica, para saber máis cousas do seu funcionamento e da vida cotiá e condicións dos seus traballadores e traballadoras.
O obxectivo de Sputnik Labrego é analizar as transformacións do campesiñado galego en momentos históricos de fondos cambios estruturais, nomeadamente a fin do Imperio Romano e a construción do Estado suevo, a fin do Antigo Réxime e a construción do Estado-Nación durante os séculos XVIII e XIX, e a Guerra Civil e a construción do Estado totalitario franquista.
"É urxente intervir sobre esta paisaxe industria. O noso obxectivo é que esta información poida servir para protexer e por en valor un lugar único"
"O noso obxectivo é documentar dende un punto de vista arqueolóxico os diferentes momentos da historia da mina", explica Carlos Tejerizo, director do proxecto, que engade que tamén se busca "revalorizar un patrimonio excepcional que, aínda hoxe, corre o perigo de quedar enterrado para sempre". "É urxente intervir sobre esta paisaxe industrial. A documentación dos restos que se conservan é un primeiro paso necesario. O noso obxectivo é que esta información poida servir para protexer e por en valor un lugar único", engade.
Ademais da pescuda arqueolóxica, o proxecto está a recuperar a través de entrevistas orais a memoria das persoas que traballaron no lugar. Por exemplo, entrevistaron á cantineira da mina nos anos 50, que aínda vive no Barco, que lles contou que "Se tivera os meus 17 anos coma entón, reengancharía, porque os mellores da miña vida paseinos alí, na mina”. Tamén puideron entrevistar a un dos últimos gardas que houbo na mina, unha vez que esta foi abandonada en 1963, e igualmente a un xefe de máquinas que estivo traballando a finais dos 40 e comezos dos 50. Así mesmo, falaron con persoas que estiveron vencelladas co estraperlo do volframio.
"Queremos estudar o impacto que este tipo de estruturas tiveron na economía e nas relacións sociais das comunidades locais das zonas rurais"
Tejerizo destaca que o seu traballo se apoia na investigación realizada anos atrás por outras persoas, como Isidro García Tato, "que realizou un traballo documental estupendo que nos permitiu ter a base sobre a ca construír todo este achegamento máis puramente arqueolóxico". O propio García Tato realizara cálculos sobre o número de persoas que durante a Segunda Guerra Mundial traballaron na mina, varios centos de persoas. ´"É algo que queda claro ao estudar os barracóns que se construíron para acoller os traballadores", comenta Tejerizo. "Podemos falar de 200-300 persoas traballando ao mesmo tempo na mina, aos que hai que sumar os que viñan das vilas e aldeas da contorna", di.
Precisamente, un dos obxectivos do proxecto é afondar no impacto que a mina tivo nas localidades da contorna e na súa poboación. "Queremos estudar o impacto que este tipo de estruturas tiveron na economía e nas relacións sociais das comunidades locais das zonas rurais. A chegada da mina fixo que os habitantes desta zona accedera por primeira vez á electricidade. Neste lugar a minaría de volframio introduciu a modernidade", explica.
Os guerrilleiros da 'Cidade da Selva'
O equipo de Sputnik Labrego non só se achegou ata Casaio para investigar a mina. Nos últimos dous anos tamén afondou na historia da Cidade da Selva, o meirande campamento guerrilleiro en Galicia. En realidade eran varios campamentos, que en conxunto recibían este nome, e que estiveron en funcionamento entre 1941 e 1946, momento no que houbo unha ofensiva moi granda da Garda Civil, coincidente coa celebración dun congreso de unificación das guerrillas.
Os campamentos da Cidade da Selva chegaron a acoller máis de 100 guerrilleiros
A actividade da Cidade da Selva, que chegou a acoller máis de 100 guerrilleiros, coincidiu coa creación da Federación de Guerrillas de León e Galicia, momento en que o maquis pasou de ser un mosaico de pequenos grupos a un intento de exército organizado.
O equipo localizou e estudou cinco campamentos, distribuídos polos montes de Casaio, escavacións que "permitiron comprobar o grao de organización tan elevado que a guerrilla", destaca Tejerizo, que conclúe que "son as estruturas mellor organizadas da guerrilla en todo o Noroeste".
Segundo a investigación realizada polo equipo, "a procedencia campesiña da maioría dos guerrilleiros queda testemuñada polo tipo de arquitecturas utilizadas para os seus refuxios, que trasladan perfectamente as tradicionais formas de construción da contorna". "Os obxectos arqueolóxicos permitíronnos afondar na vida cotiá dos guerrilleiros, algo que non sempre se estuda, nin a partir das fontes documentais nin a partir das fontes orais", comenta.