A investigadora Alba Díaz Geada, na actualidade nunha estadía en Lyon, presentou o pasado ano a súa tese de doutoramento na USC: Mudar en común. Cambios económicos, sociais e culturais no rural galego do franquismo e da transición (1959-1982), un estudo sobre a evolución política e social dos labregos e labregas galegas nos anos sesenta e setenta. Un traballo que se enmarca na liña de investigación aberta polo grupo Histagra sobre a mobilización política e a conflitividade social na Galicia rural durante a Transición.
Na súa investigación, Díaz Geada afonda nas grandes transformacións experimentadas polo rural galego e os seus habitantes, pero procura facelo a través das olladas e vivencias dos propios homes e mulleres do campo que viviron e executaron eses cambios, e ir máis aló do relato en exceso simplificador que se adoita facer sobre esta transformación: "En manuais e textos xeralistas acostumamos ler parágrafos do tipo: e chegamos ós sesenta, comeza a etapa desarrollista do réxime, a xente dá en emigrar, diminúe a poboación activa no campo, van medrando a industria e o turismo, vemos a tele, facémonos modernos e volvemos á terriña por vacacións. Compartimos un relato herdado polo que semella este un proceso natural, lineal, lóxico. Que se cadra crea certa morriña, mais inevitable ó fin. O que nos propoñemos neste traballo é ofrecer unha lectura máis complexa deste proceso". "Este mudar en común foi a transformación máis fonda da nosa historia contemporánea. Quedan moitas historias por facer. Historias que renuncien á gran explicación para poder construír novas maneiras de mirar".
O rural galego experimentou entre os anos 50 e 80 unha transformación acelerada (a mesma que noutras zonas de Europa durou case un século) de todas as súas estruturas, do económico ao social, e con fenómenos migratorios moi importantes. Estudouse suficientemente este proceso, que define en boa parte a Galicia de hoxe? Estudáronse os milleiros de procesos individuais que o compoñen?
"Incorporar a perspectiva histórica e, sobre todo, o papel dos actores, á explicación deste proceso, pode achegar elementos para avanzar na súa comprensión e na dos nosos conflitos colectivos e das contradicións da nosa sociedade de hoxe"
O proceso de cambio estrutural que se produciu ó longo desas décadas foi estudado no seu presente por moitos cientistas sociais: sociólogos, economistas, xeógrafos, que se sentían testemuñas dunha transformación de non retorno. Entendido como transo dunha sociedade rural a outra industrial, e dacordo cos paradigmas teóricos do momento, encheu páxinas e páxinas dentro e fóra do noso territorio. Non foi tan estudado, sen embargo, por parte da historiografía, se cadra pola perspectiva temporal á que adoita apelar, e non é un tema moi común nos estudos históricos dos nosos días. Atopámolo moitas veces como vago pano de fondo contextual sobre o que se desenvolven outros obxectos de estudo, e segue a entenderse, tanto por boa parte da academia, coma dos medios, coma da memoria colectiva que os anteriores contribúen a conformar, desde o esquema cognitivo atraso-progreso que dominaba naquelas décadas. En tradución automática: eramos rurais tradicionais, fixémonos urbanos modernos. Incorporar a perspectiva histórica e, sobre todo, o papel dos actores, á explicación deste proceso, pode achegar elementos para avanzar na súa comprensión e na dos nosos conflitos colectivos e das contradicións da nosa sociedade de hoxe.
"Adoito asóciase a identidade labrega cunha posición conservadora e reaccionaria. Estas asociacións derivan de miradas alleas e estrañas á realidade que toman como referente, simplifícana, homoxenízana e néganlle un lugar ós actores"
No relato sobre o proceso de Transición política, téndese a primar o que sucede por arriba, nas elites, nos grandes procesos, sobre o que se movía por abaixo, na xente. Na imaxe que se dá sobre o mundo rural isto está mesmo máis acentuado?
Por parte da historiografía contemporánea hai xa tempo que diferentes investigacións tratan de ir máis alá dese relato de nomes propios para abordar a fin da ditadura a través do estudo dos movementos sociais. Atendeuse ó papel da organización obreira, da estudantil, da veciñal e, desde hai anos, tamén da labrega. Con todo, cómpre seguir traballando na análise da construción e vivencia do cambio político desde abaixo. Desde logo, no caso da poboación do rural, o lugar que acostuma adxudicárselle nese proceso segue inzado de tópicos. Adoito asóciase a identidade labrega cunha posición conservadora e reaccionaria, nos que os dous termos teñen de posicionamento contrario ó cambio político e ó cambio socioeconómico. Estas asociacións derivan de miradas alleas e estrañas á realidade que toman como referente, simplifícana, homoxenízana e néganlle un lugar ós actores. Os estudos micro demostran que as comunidades rurais non son unha masa informe que nace coa papeleta debaixo do brazo. Amosan que a resistencia pode construírse en defensa dunha cultura común á que non lle encaixan as imposicións dun proxecto modernizador que conquistou durante décadas todas as esferas de poder. Mostran que o proceso de transformación sociocultural do rural galego, teceuse desde a adaptación creativa das comunidades, das casas e dos labregos e das labregas, que xogaban a partida en desigualdade de condicións. Sobre o mundo rural caeu, sobre todo, moita incomprensión. E cando un mundo non se comprende, pasa como coas palabras, o que se oe é ruído.
O estudo da mobilización desde abaixo tamén convida a repensar a explicación do cambio político que aínda hoxe parece predominar entre a maioría dos creadores de discurso. Invita a cavilar sobre os propios conceptos que empregamos. A que lle damos o carácter de político e a que llo negamos? Que entendemos por democracia? Por que escollemos falar de transición? Son todas cuestións abertas sobre as que, mirando a vista de piollo, semella preciso non deixar de facerse preguntas.
"O proceso de transformación sociocultural do rural galego, teceuse desde a adaptación creativa das comunidades, das casas e dos labregos e das labregas"
Que capacidade de organización e de decisión sobre o seu tiñan os labregos e labregas neste tempo?
A nivel colectivo, a ditadura desarticulou o entramado do sindicalismo agrarista de preguerra e tratou de borrar mesmo a súa memoria para impoñer, posteriormente, un organigrama de encadramento oficial (as Hermandades Sindicales de Labradores y Ganaderos) carente de representatividade e cunha funcionalidade escasa. A capacidade de manobra dos labregos e labregas durante a ditadura, por tanto, viuse moi mermada, o que non quita que non botasen man de diferentes mecanismos para mostrar o seu desacordo con determinadas políticas, ou ben facendo uso das canles legais establecidas, ou ben reactivándose formas de resistencia cotiá máis acaídas a contextos de falta de liberdade. Non será ata comezos dos setenta cando se vaian artellando, na clandestinidade, novos sindicatos labregos ligados a distintas organizacións políticas nacionalistas e de esquerda, que colaborarán con parte da protesta labrega deses anos e tratarán, ó tempo, de ir facendo rede para ampliar o seu tecido asociativo. A participación sindical na mobilización labrega destes anos non se entende separada do momento histórico en que se sitúa, de aí que acade un sentido político (de reivindicación da identidade labrega, da nacional, da democrática) que vai moito máis alá da vertente xestora que se acentuará en anos posteriores.
"A nivel colectivo, a ditadura desarticulou o entramado do sindicalismo agrarista de preguerra e tratou de borrar mesmo a súa memoria para impoñer, posteriormente, un organigrama de encadramento oficial"
O atraso foi un concepto moi utilizado para analizar o rural galego, e tamén o seu oposto progreso. Cres que estes dous conceptos empregáronse axeitadamente?
Ambos os dous conceptos cómpre tratar de entendelos no seu contexto intelectual e cultural e dacordo ó sentidos en que foron empregados. Tamén os conceptos teñen a súa historia, e é preciso diferenzar o seu uso analítico do seu funcionamento histórico. Dito doutra maneira, a dualidade atraso-progreso, como ferramenta de análise, trae aparellada unha simplificación nada inocua da realidade á que se asocia. Implica a escolla duns determinados proxectos políticos e o desbote doutros, e non lle deixa sitio ós suxeitos históricos na construción da súa propia historia. O anterior non quita, sen embargo, que dita dualidade funcionase na práctica, na maneira en que moitas persoas deron sentido a determinadas experiencias, na maneira en que se percibiron individual e colectivamente, na maneira en que, desde diversas esferas de poder, se adheriu a un determinado esquema de comprensión polo que o camiño bo era un, e non había máis ca ese: o do progreso, o da modernidade. Desde aí, o que se sitúa ás marxes non conta e o que non se suma á corrente dominante déixase quedar atrás. O lugar tamén se quita na palabra.
"A dualidade atraso-progreso, como ferramenta de análise, implica a escolla duns determinados proxectos políticos e o desbote doutros, e non lle deixa sitio ós suxeitos históricos na construción da súa propia historia"
Todo o que os habitantes do rural, os labregos e labregas gañaron con respecto á situación anterior é evidente, está á vista de todos, sobre todo no seu día a día. Somos igualmente conscientes das cousas que se perderon?
A memoria individual e a colectiva están a reconstruírse constantemente dacordo coas experiencias que imos remoendo en interacción os uns coas outras. A mellora de determinados indicadores materiais (durante moitos anos nun trazado que semellaba ininterrompidamente ascendente, agora volto a revirar sobre si mesmo), posta en relación coa vivencia de miseria da nenez dos máis dos nosos maiores, deulle un claro lugar ás “ganancias”, mais non por iso deixaron de sentirse as “perdas”. Esas perdas adoitan asociarse co colectivo, co relacional, co cultural. A maneira de traballar a terra, de coidar os animais, de lavar no río, de sementar, recoller, mallar e esfollar en común, os cantos e os contos que aniñaban neses espazos, as regras que guiaban as relacións dunha aldea contida na cabeza, son todos elementos que teñen que ver cunha cultura de comunidade que viu comprometida a súa reprodución polo conxunto de procesos económicos e socioculturais que se produciron nestas décadas. A perda, sexamos máis ou menos conscientes dela, ten un lugar na memoria colectiva, e ten un lugar tamén na explicación da dimensión conflitiva de todos estes cambios.
"A desintegración do sistema agrario a través da repoboación forestal permite visibilizar, nunha das súas múltiples dimensións, o que de ruptura tiveron a transformacións socioeconómicas destes anos"
Esta ruptura co común é tan importante que mesmo muda a paisaxe, como pode ser na propiedade das terras, os seus usos ou a consideración e usos do monte, verdade?
Si. A separación do monte do sistema de agrario de policultivo-gandeiría é un proceso ben estudado pola historiografía contemporánea galega. “Agora os eucaliptos chegan ata a porta das casas”, din moitas avoas, porque nos seus tempos mozos non se concibía tal colonización do espazo agrario. O monte rozábase e labrábase. Daba centeo, toxos, leña e castañas. Ofrecía espazos para apacentar o gando. A súa desintegración do sistema agrario a través da repoboación forestal permite visibilizar, nunha das súas múltiples dimensións, o que de ruptura tiveron a transformacións socioeconómicas destes anos. A concentración das parcelas, a través de procesos privados non programados e, máis aínda, a través da execución de proxectos públicos de concentración parcelaria, tamén permite achegarse ó cruzamento de lóxicas distintas: a dun “progreso” polo que se entendía racional a reordenación da propiedade ó servizo dunha agricultura especializada e orientada ó mercado, e a dunha comunidade que viña desenvolvendo historicamente un sistema de policultivo-gandeiría e recurso á pluriactividade no que o (desde racionalidade “progresiva”) tan denostado minifundio acadaba razón de ser.
"A transmisión do seu saber, do seu coñecemento compartido, da cultura que soportan e reconstrúen a partir da vivencia en colectivo, vese comprometida"
Destacas que “a ruptura consúmase na década dos oitenta. Non está nunha folla de calendario. Non se debe ó número de automóbiles en circulación, ós blocos de pisos con ascensor, ás beirarrúas asfaltadas ou ó libro de coñecemento do medio. A ruptura dáse na transmisión”. Que importancia ten ese relevo xeracional e as relación entre as distintas xeracións?
As xeracións adoito precisan contrapoñerse para autoafirmarse, mais o destas décadas semella un proceso de transformación que vai máis alá dun cambio xeracional. As vivencias dunhas e doutras xeracións, sen embargo, permiten ver. No conxunto de transformacións interrelacionadas que se tecen nestas décadas non hai somentes claras modificacións cuantitativas, senón tamén rupturas cualitativas. O cambio é inherente á historia. As sociedades están a cambiar seguido, e o mesmo acontece coas comunidades rurais, internamente desiguais e historicamente mudables. O que parece configurarse nestas décadas é un escenario no que a transmisión do seu saber, do seu coñecemento compartido, da cultura que soportan e reconstrúen a partir da vivencia en colectivo, vese comprometida. Máis dunha neta lle terá oído á avoa un, “Non sabes Fulano… non, ti que vas saber…” Con todo, non estamos perante un proceso fechado. Amais de rupturas hai continuidades e da maneira en que as reinventemos colectivamente dependerá o común que vaiamos construíndo para a nosa xente pequena.
Que papel xoga a emigración e o retorno da emigración neste proceso de ruptura do común?
A análise do sentido e das consecuencias da emigración e do retorno destas décadas é un tema especialmente complexo que precisaría de maior estudo. As interpretacións son moitas e se cadra poderiamos comezar por preguntarnos a que responde cada unha delas. Durante as décadas dos sesenta e dos setenta, o “exceso de poboación activa agraria” era frase recorrente en moitos estudos, aínda cando outros xa comezaban a chamar a atención sobre os problemas desa maneira de entender, que o é dacordo a un determinado proxecto socioeconómico, dacordo á racionalidade do modelo de mercado. Emigracións e retornos hóuboos sempre, mais se en determinados contextos históricos funcionaron como estratexia colectiva para a reprodución da casa e, con ela, da comunidade, noutros non poideron desempeñar o mesmo papel.
"Durante os sesenta e os setenta as filacións ós sindicatos labregos adoitaban facerse en grupo; as accións de protesta organizábanse por grupos de veciñanza; en cada reivindicación, uns lugares apoiaban, outros non"
Dis que “nas razóns do formar parte ou non dunha acción de protesta e no unirse ou non a unha organización, a comunidade importa”. Como podemos ler a influencia deste factor nas mobilizacións labregas dos 60 e 70?
A mobilización social ou a organización sindical poden abordarse como obxecto de estudo en si, mais tamén poden servir para tratar de observar a través delas os cambios do colectivo social que as produce. Durante os sesenta e os setenta as filacións ós sindicatos labregos adoitaban facerse en grupo; as accións de protesta organizábanse por grupos de veciñanza; en cada reivindicación, uns lugares apoiaban, outros non; coexistían novas modalidades de protesta con outras xa coñecidas. Son algúns dos elementos que permiten observar o funcionamento das redes comunitarias a través do conflito organizado.
"Nas primeiras eleccións municipais en democracia a opción gañadora foi a abstención, que se ben pode ser interpretada de diferentes formas, en parte, dá conta dunha dobre percepción da política"
Como era a participación política dos labregos e labregas nas primeiras eleccións a partir de 1977? En que medida inflúe a estrutura caciquil de control do voto? Que papel ten a abstención? Como inflúen no voto as mobilizacións (contra a CESSA, ou Xove, por exemplo)?
De novo estamos perante preguntas complexas, que precisan de novos achegamentos e que teñen sido e seguen sendo carnaxe para os tópicos. Nas primeiras eleccións municipais en democracia a opción gañadora foi a abstención, que se ben pode ser interpretada de diferentes formas, en parte, dá conta dunha dobre percepción da política. Por unha banda, como acción perigosa (derivada da súa asociación coa subversión á orde establecida polo réxime ditatorial, coa represión contedora conseguinte) e, pola outra, como corrupción institucionalizada (derivada do funcionamento clientelar do entramado de goberno a nivel local). Hai estudos que dan conta dun elevado grao de continuidade nas elites locais nos primeiros gobernos trala ditadura. Ó tempo, a análise micro da mobilización no rural e da organización sindical labrega, apunta importantes correspondencias entre o apoio sindical a determinadas protestas colectivas e a xeografía electoral tanto dos sindicatos coma dos partidos políticos afíns. Outra vez, poñendo contra as cordas moitos lugares comúns. Con todo, trátase de cuestións complexas nas que inciden múltiples factores. Para calibrar e interpretar o grao de pervivencia das redes clientelares cumpriría afondar nos estudos micro. O feito de que se mantivesen, en maior ou menor medida, non quita que as elites que continuaron desde a ditadura non tivesen que adaptar o seu discurso ó novo marco democrático. E en certo modo, é posible que da súa apropiación dese novo marco e da capacidade de extender a súa idea de democracia derivase a posición marxinal á que quedaron relegadas outras formas de entendela.