A 'Cidade da Selva' foi o nome dado a un conxunto de campamentos guerrilleiros que entre 1941 e 1946 funcionou na comarca de Valdeorras, nos arredores de Casaio. Calcúlase que no momento de maior actividade (xusto antes da súa caída a mans da Garda Civil) esta rede chegou a acoller máis dun cento de combatentes antifranquistas e dise que nalgún deses campamentos podía verse izada a bandeira republicana.
Calcúlase que no momento de maior actividade (xusto antes da súa caída a mans da Garda Civil) esta rede chegou a acoller máis dun cento de combatentes antifranquistas
Autores como Hertmut Heine, Secundino Serrano ou Carlos Reigosa documentaron a existencia desta 'Cidade da Selva' e as memorias de guerrilleiros como Mario Morán, Malvavisco ou O Inca recolleron esta denominación, que tamén figura en documentos oficiais da Federación de Guerrillas de León-Galicia. Porén, ata agora non se levara a cabo nestes campamentos un traballo arqueolóxico en profundidade. Dende hai dous anos o proxecto de investigación 'Sputnik Labrego', que conta con financiamento do CSIC e da Xunta e co apoio da Comunidade de Montes de Casaio, traballa sobre o terreo afondando no coñecemento que temos sobre esta rede de asentamentos guerrilleiros que serviron para que o maquis pasase de ser un mosaico de pequenos grupos a un intento de exército organizado.
Ata agora o proxecto permitiu profundar en aspectos como a vida cotiá dos guerrilleiros, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes. Segundo a investigación realizada polo equipo, "a procedencia campesiña da maioría dos guerrilleiros queda testemuñada polo tipo de arquitecturas utilizadas para os seus refuxios, que trasladan perfectamente as tradicionais formas de construción da contorna". En paralelo, Sputnik Labrego está a traballar en Casaio na investigación sobre as minas de volframio xestionadas polos nazis. Ademais, durante os seus traballos sobre os restos dos campamentos o equipo atopou pinturas rupestres de 5.000 anos de antigüidade nunha cova que servira de refuxio a guerrilleiros antifranquistas.
"Queremos traballar man a man coas comunidades locais dos lugares con que investigamos. Porque é o seu patrimonio e porque a súa participación constitúe unha axuda moi importante"
Durante toda esta semana, coincidindo coas festas de Casaio, o equipo levará a cabo unha actividade de posta en común dos achados realizados ata o momento, e que nos vindeiros meses serán tamén analizados por expertos de varias universidades. Así, ata este venres amosarán na escola da vila o material atopado, nunhas xornadas de portas abertas que buscan que a veciñanza do lugar sexa partícipe da investigación. O horario para as visitas será de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Estes avances poderán ser consultados igualmente na páxina de Facebook do proxecto. Falamos con Carlos Tejerizo, un dos coordinadores da intervención.
Que obxectivos ten esta xornada de portas abertas?
Non é só unha actividade de divulgación, senón tamén de investigación, porque o que imos facer é analizar os obxectos que atopamos nas escavacións. Queremos sempre traballar man a man coas comunidades locais dos lugares con que investigamos. En primeiro lugar, porque é o seu patrimonio, e é moi bo que participen nas tarefas científicas, na documentación, na limpeza e no inventariado dos materiais. E, ademais, porque para nós a súa participación constitúe unha axuda moi importante, pois o contexto co que traballamos alí é moi recente, polo que hai moitos obxectos que a xente recoñece e pode falarnos deles.
A achega da veciñanza é importante, polo tanto?
Por exemplo, o ano pasado tiñamos un obxecto alongado de metal e non sabiamos o que era, e foi un paisano quen nos dixo que era un paraugas que se usaba nos anos 30, que era igual ao que usaba o seu avó. Para nós é unha forma de contacto coa xente, unha oportunidade para dialogar e para poder aprender nós e, por suposto, para amosar o resultado das escavacións.
"A recepción foi espectacular e a xente entendeu moi ben que a historia é necesario coñecela"
É unha política que xa practicamos o ano pasado e que foi moi exitosa, tivemos moita participación da xente, que nos contou moitas cousas. Para nós foi unha sorpresa porque falamos dun período moi próximo, no que se mesturan as historias persoais. Pero a recepción foi espectacular e a xente entendeu moi ben que a historia é necesario coñecela. Ademais do traballo arqueolóxico, tamén facemos moitas entrevistas e a acollida foi moi boa.
Levades dous anos traballando en Casaio. Como valorades os achados que realizastes ata o momento?
"O que coñecemos sobre todo son os feitos militares, pero non tanto como vivían nos campamentos ou as relacións que establecían coa veciñanza"
Comezamos a traballar en Casaio hai algo máis de dous anos, en xuño de 2017. O noso grupo traballa, de forma máis ampla, no estudo da arqueoloxía das sociedades labregas, nas súas resistencias ao longo do tempo. E dentro dese proxecto, había especial interese por traballar sobre a historia da guerrilla antifranquista no noroeste, porque foi un proceso especialmente intenso nas sociedades labregas nesta rexión.
A partir doutas investigacións xa feitas, coma a que dirixiu Xurxo Ayán en Repil, na que eu participei directamente, o obxectivo era analizar arqueoloxicamente e antropoloxicamente o que foi a guerrilla antifranquista na Cidade da Selva. Os traballos foron ata agora moi frutíferos e temos moitísimos obxectos relacionados coa guerrilla antifranquista, sobre todo coa Federación de Guerrillas, pero non só, xa que afondamos moito na actividade dos grupos guerrilleiros máis locais.
Era pouco o que sabiamos sobre a 'Cidade da Selva'?
Coñecíase pola documentación, tíñanse algunhas referencias, pero non sabiamos que significaba en termos materiais e na construción da memoria local. Comezamos o traballo pouco a pouco, grazas á memoria local e á memoria dos pastores que coñeceron de primeira man os feitos. Grazas a iso puidemos dar cun gran número de campamentos guerrilleiros. De momento temos rexistrados 18, aínda que pode haber algún máis. Para dar con eles topamos coas dificultades da transformación da paisaxe e cos propios obstáculos xeográficos, pois os guerrilleiros preocupábanse de telos ben agachados. Unha vez que localizamos os campamentos, entendemos que xa podiamos dar o paso ás escavacións arqueolóxicas, que comezamos o ano pasado.
Que sabedes sobre a 'Cidade da Selva' que descoñeciades ata agora?
"De momento temos rexistrados 18 campamentos, aínda que pode haber algún máis"
Avanzamos sobre todo no coñecemento da vida cotiá dos guerrilleiros. Temos na cabeza a imaxe dos guerrilleiros como seres heroicos, mesturados coa natureza, e o que coñecemos sobre todo son os feitos militares, pero non tanto como vivían nos campamentos ou as relacións que establecían coa veciñanza. Estes guerrilleiros, que chegaron a ser máis de 100, estiveron cinco anos nestes montes de Casaio, foron moitos días de moverse por esta zona.
Hai uns meses nun dos lugares centrais da articulación da Federación de Guerrillas, nun val chamado As Morteiras, atopamos o que foi a derradeira comida desta guerrilla, que tomaron pouco antes de ser atacados pola Garda Civil no ano 1946. E o que sabemos é que tomaron un guiso de cordeiro. É moi interesante, porque o que atopamos pon en relación a actividade guerrilleira coas comunidades locais e os enlaces, que permitían sobrevivir aos guerrilleiros. Atopamos tamén un revólver, que é a primeira arma da guerrilla atopada nun contexto arqueolóxico. E o máis interesante é que se trata dun revólver reutilizado de finais do século XIX, o que indica a necesidade que tiñan de reciclar, de utilizar todo o armamento que tiñan a man.
Esta semana conmemórase o 80 aniversario do inicio da Segunda Guerra Mundial. Non se pode desligar a actividade dos guerrilleiros co que estaba a suceder no resto de Europa, non si? Sobre todo neses últimos anos, nos que a derrota dos nazis abría unha fenda de esperanza para os combatentes antifranquistas...
"É imposible estudar e entender a Cidade da Selva sen contextualizalo co que estaba a pasar a nivel mundial"
Este é o interese de estudar a outra parte da guerra, a económica, a través da minas de volframio en Casaio. A comarca converteuse nun punto moi importante no contexto da Segunda Guerra Mundial pola presenza deste mineral. E, por suposto, a historia da guerrilla non pode separarse da historia do volframio, pois os guerrilleiros tamén utilizaban as redes do volframio para financiarse e para contactar cos mineiros. É imposible estudar e entender a Cidade da Selva sen contextualizalo co que estaba a pasar a nivel mundial.
Ademais, os momentos de máis actividade da guerrilla coinciden cos últimos anos da guerra. As guerrillas celebraban congresos para organizarse ou dirimir diferenzas ideolóxicas, encontros que se realizaban precisamente na Cidade da Selva. E durante un deses congresos foi cando a Garda Civil atacou, nun momento no que a guerrilla tentaba volver a articularse, unha vez que Alemaña perdera a guerra e coa expectativa de que isto tivese consecuencias para o réxime franquista.
Cales son os próximos pasos para a investigación?
"Queremos que se protexa a mina de volframio de Casaio, que se aproben figuras de protección patrimonial para protexer paisaxes que son únicas na historia do noroeste peninsular"
Temos moito traballo que facer. Queremos facer unha campaña arqueolóxica máis, co obxectivo de afondar nas diferenzas sociolóxicas que podía haber na Cidade da Selva. Son moitos campamentos, pero algúns pertencían á Federación de Guerrillas, outros pertencían a grupos guerrilleiros máis locais, outros a grupos de fuxidos, é dicir, veciños que tiveran que escapar ao monte.
En canto á mina de volframio de Casaio, o que queremos é que se protexa, que se aproben figuras de protección patrimonial. Unha canteira de xisto colapsou no 2010 e arrasou parte desta mina e non queremos que isto se repita, perdéndose todo o que a mina agocha. Queremos traballar sobre o contexto da guerra do volframio para protexer paisaxes que son únicas na historia do noroeste peninsular.