Unha escavación arqueolóxica afonda na batalla que rematou coa 'Cidade da Selva' do maquis en Valdeorras

O equipo de Sputnik Labrego, nos restos do campamento guerrilleiro © Sputnik Labrego

A Cidade da Selva, situada nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras), foi o meirande campamento guerrilleiro que funcionou en Galicia. En realidade eran varios campamentos, que en conxunto recibían este nome, e que estiveron en funcionamento entre 1941 e 1946. A actividade da Cidade da Selva, que chegou a acoller máis de 100 guerrilleiros, coincidiu coa creación da Federación de Guerrillas de León e Galicia, momento en que o maquis pasou de ser un mosaico de pequenos grupos a un intento de exército organizado. A Cidade foi abandonada en 1946, despois de que a Garda Civil lanzase unha grande ofensiva, coincidente coa celebración dun congreso de unificación das guerrillas.

A actividade da Cidade da Selva, que chegou a acoller máis de 100 guerrilleiros, coincidiu coa creación da Federación de Guerrillas de León e Galicia

O equipo de Sputnik Labrego, que xa estivera traballando no lugar con anterioridade, está a comezar unha nova investigación arqueolóxica no lugar, buscando documentar esa batalla que puxo fin ao campamento guerrilleiro. A campaña arqueolóxica desenvolverase entre o luns 10 e o domingo 23 de xuño. "Sabemos pola documentación escrita que en xullo de 1946 realizouse un ataque definitivo sobre estes campamentos, concretamente sobre os situados no val da Bruña. Estes son os que escavaremos esta campaña", explican.

Un dos campamentos guerrilleiros investigados © Sputnik Labrego

Este proxecto, iniciado hai dous anos, presentou recentemente os principais resultados da escavación de tres chozos ocupados pola guerrilla a mediados dos anos 40, o que permitiu profundar en aspectos como a vida cotiá, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes. "Todo un éxito que nos animou a continuar coas escavacións, abrindo novas fronteiras de traballo", afirma Alejandro Gutiérrez, co-director das escavacións. 

Ata agora a investigación permitiu profundar en aspectos como a vida cotiá, o papel da muller na guerrilla ou a organización das partidas distribuídas por estes montes

Segundo a investigación realizada polo equipo, "a procedencia campesiña da maioría dos guerrilleiros queda testemuñada polo tipo de arquitecturas utilizadas para os seus refuxios, que trasladan perfectamente as tradicionais formas de construción da contorna". "Os obxectos arqueolóxicos permitíronnos afondar na vida cotiá dos guerrilleiros, algo que non sempre se estuda, nin a partir das fontes documentais nin a partir das fontes orais", engaden.

Para esta campaña, contarán con Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e descubridor das pinturas esquemáticas en Casaio, que se presentaron recentemente en Santiago de Compostela. "Esperamos confirmar o que nós xa sabemos, a relevancia das paisaxes históricas nos montes de Casaio e a necesidade da súa protección por parte das institucións", destaca o arqueólogo. 

Todos os detalles da campaña poderán ser consultados na páxina de Facebook do proxecto. O proxecto de investigación  Sputnik Labrego  conta con financiamento do CSIC e da Xunta e co apoio da Comunidade de Montes de Casaio. Nos últimos meses o equipo avanzou tamén no coñecemento das minas de volframio que tamén se atopaban en Casaio, que chegaron a ser dirixidas directamente polos nazis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.