Atopan pinturas de 5.000 anos de antigüidade nunha cova que serviu de refuxio a guerrilleiros antifranquistas

Pinturas prehistóricas atopadas en Casaio © Sputnik Labrego

A historia da ciencia é, nalgunhas ocasións, a de achados afortunados, a de atopar cousas que (en principio) non se estaban a procurar directamente. Algo así sucedeu a pasada semana na investigación que o equipo de Sputnik Labrego leva a cabo en Casaio (Carballeda de Valdeorras). O equipo está a afondar na historia da mina de volframio que alí se atopa e tamén nos campamentos guerrilleiros situados na súa contorna. Foi precisamente nunha análise dun chozo da guerrilla situado nun abrigo que o grupo atopou un conxunto de pinturas esquemáticas que poderían roldar os 4.000 ou 5.000 anos de antigüidade.

O equipo localizou "unha quincena de pinturas de diferentes tipos, dende soliformes até o fantástico ídolo oculado, o primeiro documentado na Galiza"

A descuberta foi realizada polo equipo de Sputnik Labrego e Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL, que colabora no proxecto xunto con membros da Comunidade de Montes de Casaio. "Revisamos a cavidade e observamos unhas pinturas que enseguida asociamos a momentos prehistóricos", afirma Francisco Alonso, da empresa Estela Arqueoloxía e Patrimonio. Inmediatamente comunicaron o achado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que "confirmou a súa importancia" a través de José Manuel Rey, especialista en arte rupestre e director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

"Sen o coñecemento exhaustivos do territorio por parte da comunidade local, tería sido imposíbel localizar este conxunto", salientan

Francisco Alonso explica que localizaron "cando menos unha quincena de pinturas de diferentes tipos, dende soliformes até o fantástico ídolo oculado, o primeiro documentado na Galiza". Pola súa banda, Carlos Tejerizo (CSIC), director do proxecto, salientou que "todo parece indicar que non se trata dun único conxunto presente na paisaxe".

O equipo realizou xa unha proposta de proxecto integral e multidisciplinar para a documentación das pinturas así como para a prospección intensiva da zona, na busca de máis conxuntos. O grupo quixo, ademais, agradecer a colaboración da veciñanza da zona, organizada a través da Comunidade de Montes de Casaio. "Sen o coñecemento exhaustivos do territorio por parte da comunidade local, tería sido imposíbel localizar este conxunto", salienta Tejerizo.

Outra imaxe das pinturas atopadas en Casaio © Sputnik Labrego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.