O grupo de investigación que dende o ano 2008 estuda o xacemento de Cova Eirós, en Triacastela, vén de datar con precisión a antigüidade das pinturas rupestres achadas nas súas paredes. Os seus máis de nove mil anos de historia convértenas nas máis antigas de Galicia, superando en máis de tres mil anos as pinturas megalíticas existentes noutros puntos da comunidade.
Os seus máis de nove mil anos de historia convértenas nas máis antigas de Galicia, superando en máis de tres mil anos as pinturas megalíticas existentes noutros puntos da comunidade
Os resultados das datacións radiométricas realizadas mediante acelerador de masas sobre un só dos 13 paneis decorados nesa caverna foron publicados no último número da prestixiosa revista Radiocarbon, a publicación de referencia internacional no ámbito das datacións mediante Carbono 14. Debido aos graves problemas de contaminación, no caso concreto das pinturas de Cova Eirós foi preciso recorrer a unha sofisticada variante técnica, a oxidación por plasma, para a que contaron coa dilatada experiencia de Karen Steelmann, da Universidade de Central Arkansas. As analíticas permitiron afirmar que as pinturas foron realizadas usando carbón vexetal como pigmento.
Deste xeito, e malia a devandita problemática e a mala conservación das imaxes, “foi posible obter dúas datacións C-14 sobre outros tantos temas inseridos no Panel III da cova que, unha vez combinadas estatisticamente e tendo en conta as achegas de carbón moderno provocadas por un lume aceso canda ese sector da parede en época medieval, nos indican que ditas figuras foron executadas hai máis de 9.000 anos”, afirman os investigadores. O grupo de investigación está formado por membros do GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela e do IPHES de Tarragona.
Debido aos graves problemas de contaminación, no caso concreto das pinturas de Cova Eirós foi preciso recorrer a unha sofisticada variante técnica, a oxidación por plasma
As informacións fornecidas en Cova Eirós polo Carbono 14 súmanse ás consideracións de tipo estilístico, que achegan polo menos unha parte do repertorio iconográfico alí detectado ao chamado Estilo V da arte paleolítica. Este período correspóndese aos momentos finais do Paleolítico e atópase ben representado noutros xacementos ao aire libre da Meseta española (Siega Verde) e do Norte de Portugal (Foz Côa), pero é moito máis escaso en covas (Cueva Palomera). No marco da colaboración interdisciplinar cuxos resultados agora vén a luz, os traballos de datación directa da pintura en Cova Eirós van proseguir co fin de precisar, na medida do posible, o encadramento cronolóxico e a secuencia de execución das mostras artísticas documentadas neste xacemento cavernario único na prehistoria de Galicia.