O pasado 15 de maio Carmen García Mateo obtivo unha clara maioría na segunda volta das eleccións na Universidade de Vigo, un resultado que a converterá na primeira reitora da institución. O 25 de xuño celebrarase o acto de toma de posesión desta enxeñeira de telecomunicacións e catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións. Únese ademais á Rosa Crujeiras, elixida hai dous meses reitora da USC, no fito que supón o acceso -por fin- das mulleres ao goberno das universidades galegas.
A canditatura que lideraba -Nós Universidade- fixera un chamamento a “dar rumbo á Universidade de Vigo para pasar da dispersión ao proxecto común, da improvisación á solvencia e de mirarnos cara dentro a ter peso fóra”. Terá seis anos -nun único mandato non renovable- para facelo, unha xestión na que estará acompañada por unha xerenta, Ana María Comesaña, decisión que se anunciou esta semana.
Falamos con ela sobre os retos que ten por diante, as súas primeiras medidas, os cambios que está a experimentar a universidade e a súa posición ante cuestións que marcaron o debate nos últimos anos, coma a xestión dos estudos de Medicina ou a mellora do financiamento.
"A demanda de cambio era unha percepción moi clara que tiñamos. Era como un final de ciclo, tocaba un cambio, un novo proxecto, un novo equipo, unha nova xente"
Á vista dos resultados, dá a impresión de que a comunidade universitaria da Uvigo reclamaba un cambio, un cambio que vós encarnastes e ao que intentastes dar resposta coa vosa candidatura. Sentíase esa demanda de cambio?
A demanda de cambio era unha percepción moi clara que tiñamos despois de percorrer todos os centros e de falar con persoas de todos os sectores na universidade. E así tentamos trasladalo a través da nosa proposta, do noso programa. Vímolo moi claro cando ollamos os resultados da primeira volta. Era como un final de ciclo, tocaba un cambio, un novo proxecto, un novo equipo, unha nova xente. E iso referendouse despois na segunda volta.
"Necesitamos unha reorganización da nosa administración, tanto académica como investigadora, a todos os niveis. Unha modernización que non pasa só por unha modernización tecnolóxica, senón por redeseñar e repensar todos os nosos procedementos para axilizalos, para ter en conta aos administrados"
Que retos considerades que tedes por diante para este mandato? Que grandes temas, que grandes cuestións queredes enfrontar nos vindeiro seis anos?
En clave interna, pero é moi importante, necesitamos unha reorganización da nosa administración. Tanto académica, como investigadora, a todos os niveis. Unha modernización que non pasa só por unha modernización tecnolóxica, ou incorporar a IA na administración, que claramente é un reto e é algo que temos que facer si ou si. Pero é máis profunda e pasa por redeseñar e repensar todos os nosos procedementos para axilizalos, para ter en conta aos administrados. É buscar unha administración máis eficaz que satisfaga a todos: ao persoal administrativo e de apoio e investigación, ao persoal investigador que sente que moito tempo está sendo entregado en tarefas administrativas que impiden dedicarse á investigación de forma plena, ao estudantado e á sociedade en xeral, que nos ve como unha administración complexa e pouco eficaz.
Iso vai ser fundamental, porque vai permitir que sexamos moito máis efectivos e eficaces na captación de fondos para investigación, de fondos competitivos, en convocatorias nacionais e internacionais do máximo nivel. E tamén atraer talento, porque esas convocatorias non só son para infraestruturas, sino para persoal. É importantísimo nese senso, finalmente, encarar a remuda xeracional de todo persoal da universidade -PTX e PDI. Co PDI, se somos competitivos e eficaces na captación de fondos, seremos quen de atraer talento do máximo nivel.
"Faltaba programación e planificación plurianual. Ás veces percibíase unha certa improvisación, cambios de rumbo. Sobre todo nos últimos catro anos, neste segundo mandato"
O persoal da Administración de Servizos dende hai tempo que amosa un malestar coa súa situación por varias cuestións. E o seu apoio á vosa candidatura foi moi grande. Que medidas tedes para eles para solucionar as cuestións que máis lles preocupan?
Temos unha folla de ruta para executar ao longo de todo o mandato. Hai cuestións que son inmediatas e que están moi relacionadas coa calidade do servizo actual e co clima laboral. Por exemplo, está a parte de cubrir as baixas laborais, que neste momento non se están cubrindo de forma eficiente e acorde coas necesidades. Tamén temas relacionados coa promoción na carreira e igualmente unha nova relación de postos de traballo, unha medida máis a longo prazo pero que iniciaremos xa. Quero agradecer, por suposto, o seu apoio porque confiaron en nós e nós asumimos esa responsabilidade de non fallar a súa confianza.
Que cousas non se deben perder na Universidade de Vigo? Que cousas están funcionando ben e valorades na xestión do equipo saínte?
Por suposto, a Universidade de Vigo ten un nivel excelente, tanto a nivel académico como a nivel investigador. O que sucede é que non nos podemos conformar, queremos máis. Necesitamos esa diagnose, que mesmo era compartida por eles, o que sucede é que hai que facelo doutro xeito, encarar o proceso doutra maneira. Nestes anos avanzouse na estabilización, na captación de talento. O que nós dicimos é que faltaba programación e planificación plurianual. Ás veces percibíase unha certa improvisación, cambios de rumbo. Sobre todo nos últimos catro anos, neste segundo mandato.
Necesitamos cambiar ante algunhas sinais de que non íamos ben. Por exemplo, na parte económico-financeira, pois había sinais de que temos que ter un control máis rigoroso dos nosos gastos estruturais.
"Coa Xunta faremos valer o anuncio, feito publicamente, de que o investimento nas universidades ten que acadar o 1% do PIB e neste momento estamos moi lonxe"
Comentaches agora a cuestión económica, que sempre é fundamental. O financiamento da universidade vén por moitas vías distintas, pero a achega que realizan a administracións públicas -a Xunta- é clave. Como vai encarar a Universidade de Vigo a negociación co Goberno galego de cara a mellorar o seu financiamento?
Estamos xustamente no momento do inicio das negociacións dun novo plan de financiamento plurianual para o sistema universitario galego, que atinxe ás tres universidades públicas. O proceso ten que ser realizado con moita lealdade, moita colaboración entre as tres universidades, porque os parámetros básicos, os indicadores, teñen que ser os mesmos para as tres, e teñen que ser aceptados para as tres.
E por outro lado, coa Xunta faremos valer o anuncio, feito publicamente, de que o investimento nas universidades ten que acadar ese 1% do PIB e neste momento estamos moi lonxe. Por un lado son máis recursos, e polo outro é o establecemento duns indicadores de prestacións ou de desempeño máis axeitado á realidade actual, á realidade por exemplo demográfica actual e tamén ao que se nos pide.
Que vantaxes achega o mandato de seis anos non renovables? É bo para realizar reformas de maior calado, para introducir cambios máis profundos?
Si, a reforma vai nese sentido, porque catro anos parece que quedan curtos se queres facer unha transformación real, porque calquera transformación importante leva máis tempo, pois é estrutural. Seis anos son un período axeitado, tamén para nós, porque despois volvemos aos nosos grupos de investigación e aos nosos grupos docentes e nese sentido volver despois de 8 ou de 12 anos sería moi duro.
"A universidade pública ten a misión de equidade social, de ser a opción para todos, pero especialmente para as familias e as persoas con menos recursos. Iso non se debe perder, esa misión da universidade pública debe considerarse crucial para a sociedade. É algo que parece que antes estaba máis claro"
Preguntábache antes polos retos específicos aos que se enfronta a Universidade de Vigo, pero a universidade no seu conxunto, particularmente a universidade pública, ten retos comúns que teñen que ver coa súa adaptación a un contexto social cambiante que altera o seu papel na sociedade, as súas funcións e demandas, ademais dunha crecente competencia das universidades privadas. Como se debe mover a Uvigo neste escenario?
Si, hai distintos eixos aos que temos que prestar especial atención. Un deles atinxe a que as nosas titulacións, especialmente as de grao, se perciban como titulacións atractivas, competentes, válidas para acadar un primeiro emprego. Isto pasa por unha modernización, pero tamén por unha cuestión de comunicación para que as familias e os estudantes consideren como primeira opción a universidade pública fronte ás universidades privadas.
A universidade pública ten esa misión de equidade social, de ser a opción para todos, pero especialmente para as familias e as persoas con menos recursos. Iso non se debe perder, esa misión da universidade pública debe considerarse crucial para a sociedade. É algo que parece que antes estaba máis claro.
Por outro lado, que as nosas titulacións sexan atractivas, ten que ver coas metodoloxías docentes, ten que ver tamén coa calidade das instalacións, dos campus... Polo tanto, traballaremos e reivindicaremos os fondos necesarios para iso, para que os nosos tres campus, teñan instalacións axeitadas para que a experiencia universitaria sexa completa. Porque se trata só de cursar unhas materias, de superar uns exames, senón de ter unha experiencia vital plena.
"Buscamos que a experiencia universitaria, estar 4 anos, sexa unha experiencia completa onde ademais de recibir eses primeiros coñecementos, fas grupo, te relacionas con xente e persoas de outras titulacións, fas deporte, asistes a actos culturais... ese crecer como persoas, como adultos"
Ides poñer en marcha unha Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria e pregúntoche por ela. Entendo que a segunda parte responde a ese interese porque o estudantado teña esa “experiencia completa” da universidade, nun tempo no que se vén detectando un desligamento da 'comunidade universitaria' que antes si era máis forte. Dá a impresión que cada vez máis ir á universidade se converte nun acto illado -ir a clase, facer uns exames, obter un título- pero que deixa menos pouso a nivel persoal?
Non é só esa Vicerreitoría, pois é un tema que imos abordar de maneira transversal porque é un tema que vai ao cerne. Buscamos que a experiencia universitaria, estar 4 anos, sexa unha experiencia completa onde ademais de recibir eses primeiros coñecementos e desenvolver esas primeiras capacidades universitarias, fas grupo, te relacionas con xente e persoas de outras titulacións, fas deporte, asistes a diversos actos culturais... é ese crecer como persoas, como adultos.
Nesta sociedade digamos post-pandémica a énfase parece estar máis polo individuo e menos polo colectivo. As novas tecnoloxías que nos permitiron pasar a pandemia, cun maior contacto coa xente e co ocio a través dunha pantalla, tamén afectou á docencia, pois desenvolvemos moitísima docencia con medios non presenciais. Entón, agora todo ten que ser distinto, xa non pode ser a universidade de antes, a universidade dos apuntes e das fotocopias... todo é distinto. Polo tanto, temos que conectar mellor cos estudantes, coa súa forma de relacionarse, temos que buscar que se relacionen entre si e que consideren que paga pena estar nos campus. E para iso nos campus deben realizarse actividades docentes que sexan de interese e actividade non docentes que tamén lles interesen.
Os nosos campus deben ser máis atractivos, é importante recuperar o investimento neles, en deportes, en actividades culturais, permitindo que os nosos estudantes asistan a competicións internacionais, que realicen actividades creativas... A universidade debe volver ser un espazos de debate, de loita, de reivindicación, para que os estudantes participen de maneira máis intensa e máis crítica. É un reto, pero non implica mirar cara atrás, mirar polo retrovisor aos nosos tempos, senón que hai que mirar para adiante.
"É importante que os bos usos que xa se están aplicando da IA na docencia, na aprendizaxe, sexan expandidos por todas as titulacións, por todos os centros, utilizando un marco común e unha tecnoloxía común"
Falabas antes da IA aplicada a xestión, pero a IA está a provocar cambios moi importantes tamén no propio ensino, na forma en que se imparten as materias e na que o alumnado realiza traballos e aprende. Como afronta a Universidade de Vigo esta cuestión?
Si, no programa levamos como unha medida forte e inmediata a incorporación da IA na docencia mediante o desenvolvemento dun marco común de uso. Fíxate que falamos de marco común, non falamos de normativas, porque nestes momentos isto de normativizar algo que evoluciona tan rapidamente é un fracaso xa de partida. Pero si é importante que os bos usos que xa se están aplicando da IA na docencia, na aprendizaxe, sexan expandidos por todas as titulacións, por todos os centros, utilizando un marco común e unha tecnoloxía común.
Porque nestes momentos desde as universidades non se sabe que tecnoloxías empregan os estudantes e os profesores. Todos os temas relacionados coa soberanía dos datos, cos modelos, cos sistemas que se empregan... é algo que temos que non tanto controlar como saber o que se usa e ser moi conscientes de onde están os nosos datos. Por tanto, temos que coller as rendas deste problema e ser quen de gobernalo, de establecer como se ten que usar dentro das universidades mediante formación, mediante ferramentas, mediante unha sensibilización dos usos éticos permitidos para a IA.
"Tanto Rosa Crujeiras coma min marcamos un fito histórico porque era a primeira vez que isto pasa. Dentro de seis anos xa non será a primeira vez e seguro que con normalidade haberá candidaturas lideradas por homes e candidaturas lideradas por mulleres e xa non seremos noticia. Eso será a boa noticia"
Vas ser a primeira reitora da Universidade de Vigo e a segunda da historia da universidade en Galicia, un mes despois da elección de Rosa Crujeiras. É algo que hai que celebrar como un fito e preguntarnos, sobre todo, por que ata agora non se producira. Pero eu pregúntome tamén que vai cambiar na universidade, sobre todo para as políticas de igualdade, para as mulleres, polo feito de ter unha reitora a fronte.
Supoño que hai un tema de sensibilización, de visibilización e de normalización. A sensibilización foi xa hai uns anos, a visibilización tamén se foi dando nos últimos tempos e agora camiñamos cara a unha normalización. A normalización ven de que en calquera posto de responsabilidade haxa opcións de homes e mulleres e isto sexa visto como algo normal, que camiñemos cada vez máis a unha igualdade efectiva de homes e mulleres, que os grupos de traballo sexan o máis diversos posibles, e que cada vez máis cando cheguemos a unha reunión vexamos máis diversidade. Ás veces digo mesmo “máis colorido”, que parece algo frívolo, pero non o é, porque a forma de vestir é distinta e isto percíbese.
Notamos que isto é algo cada vez máis desexado e reivindicado. Camiñamos cara a esta normalización e neste caso tanto Rosa Crujeiras coma min marcamos un fito histórico porque era a primeira vez que isto pasa. Dentro de seis anos xa non será a primeira vez e seguro que con normalidade haberá candidaturas lideradas por homes e candidaturas lideradas por mulleres e xa non seremos noticia. Eso será a boa noticia.
"En 2029 retomaremos a reivindicación dos estudos completos de Medicina. Cremos que é bo que Galicia teña máis dunha Facultade de Medicina. Porque hai unha demanda dos estudios e porque a colaboración con todo o sistema hospitalario do SERGAS será máis efectiva se está distribuída"
Pregúntoche agora polos estudos de Medicina. Primeiro, quería saber como valoras o acordo ao que se chegou e que aplicarás no teu mandato. E, despois, pola estratexia que adoptará a Universidade de Vigo unha vez que finalice en 2029 o prazo fixado neste acordo. Cal é o plan que tedes en mente para os estudos de Medicina na Uvigo?
Un acordo é sempre moitísimo mellor que un litixio, iso está clarísimo. Nestes momentos hai un acordo, uns principios básico de funcionamento, e nós acataremos e traballaremos por ese acordo, por suposto. Iso si, estaremos tamén moi vixiantes e se as cousas non van como establece o acordo, hai unha cláusula de saída. E, se non, no ano 2029 -xa o dixemos en campaña e reiterámolo- retomaremos a reivindicación dos estudos completos de Medicina, que é unha reivindicación da Universidade de Vigo dende a súa fundación, practicamente.
Polo tanto, estaremos aí e reivindicaremos eses estudos, porque ademais cremos que é bo que Galicia teña máis dunha Facultade de Medicina. Porque hai unha demanda dos estudios, porque a colaboración con todo o sistema hospitalario do SERGAS será máis efectiva se está distribuída. Pero iso xa tocará no ano 2029.