A pasada semana Rosa Crujeiras (Ribeira, 1978) impúxose con claridade (62% dos votos ponderados e maioría en todos os grupos da comunidade universitaria) na segunda volta das eleccións ao reitorado da Universidade de Santiago. A catedrática de Estatística e Investigación Operativa e directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), fora xa vicerreitora con Juan Viaño pero co seu triunfo converteuse na primeira reitora da institución nos seus máis de 500 anos de historia. Todo un fito.
Chega ao reitorado cun chamamento a defender unha universidade "feminista e inclusiva", que apoie o alumnado con menos recursos para asegurar a igualdade de oportunidades e nun contexto de dificultades para a universidade pública, cunha presión crecente dos centros privados e maiores atrancos para acadar o necesario financiamento. Falamos con ela sobre os retos do seu mandato e as súas primeiras medidas.
"Como universidade pública temos que ter moi claro que non podemos competir nin en precarización nin en simplificación"
Que vai pasar co financiamento da universidade? Que estratexia negociadora vai levar a USC ás conversas coa Xunta?
Nestes momentos o plan de financiamento está prorrogado e iso é positivo: é positivo que as universidades públicas de Galicia teñamos un financiamento plurianual, pois permite facer planificacións cunha certa marxe. Pero a LOSU marca a cifra do 1% do PIB como referencia para o financiamento das universidades e temos que tratar de acadar ese obxectivo. Dende a USC imos facer esa proposta dende a transparencia e o rigor. Pola nosa historia, o financiamento en infraestruturas é fundamental, pero creo que se ten que recoñecer tamén a actividade estrutural da universidade, que vai máis aló da formación e que tamén é investigación e transferencia de coñecemento. Nese ámbito temos tamén unha oportunidade de captación de fondos en convocatorias competitivas públicas e imos seguir incidindo, pero en calquera caso temos que demandar ese financiamento adecuado para o exercicio de toda a nosa actividade.
"A universidade privada está entrando con moita forza no ámbito dos mestrados de alta demanda, por exemplo o mestrado en secundaria, e dende a pública non estamos cubrindo esta demanda por falta de recursos, cando por suposto temos coñecementos para facelo"
Outro dos retos aos que se teñen que enfrontar as universidades públicas galegas é a competencia crecente das universidades privadas, case testemuñais ata hai pouco en Galicia, pero que están en aumento, moitas veces favorecidas por decisións políticas que semellan permitirlles cousas -coma a duplicidade de titulacións- que non se permiten ás públicas. Que posición vai manter a USC nos vindeiros anos ante esta cuestión?
A irrupción da universidade privada é un tema que nos preocupa a todas as universidades públicas do Estado. Nós, como universidade pública temos que ter moi claro que non podemos competir nin en precarización nin en simplificación. A universidade privada está entrando con moita forza no ámbito dos mestrados de alta demanda, por exemplo o mestrado en secundaria, e dende a pública non estamos cubrindo esta demanda por falta de recursos, cando por suposto temos coñecementos para facelo. Cantos alumnos e alumnas nosas se ven obrigadas a marchar a unha privada unha vez que rematan o grao para continuar con estes estudos? Para min este é un dos grandes retos: que nós dende a universidade pública poidamos poñer todas as nosas capacidades ao servizo da sociedade e para iso precisamos o apoio da administración.
"Propuxemos aos concellos a posta en marcha de programas de convivencia interxeracional que teñen moitas outras universidades"
Na campaña electoral fixeches fincapé na necesidade de asegurar a igualdade de oportunidades para o estudantado: que todos e todas, independentemente dos recursos das súas familias, poidan desenvolver unha carreira en igualdade de condicións. A esta cuestión únese nos últimos anos o problema da vivenda e do encarecemento dos alugueiros. Que medidas concretas se van impulsar dende a USC?
Si, o tema do alugueiro é un problema crecente, tanto en Santiago coma en Lugo. No programa fixemos unha aposta clara polas medidas sociais. Temos que atender ás situacións de vulnerabilidade que sofre o noso estudantado. Na universidade contamos xa con medidas como os bonos comedor, que temos que seguir potenciando, pero tamén temos que incorporar outras medidas que permitan paliar este tipo de situacións, como ese espazo de igualdade de oportunidades que temos que ser.
En concreto, no tema da vivenda, obviamente non temos competencias nesa materia, pero non por iso temos que caer na inacción. Dentro do noso sistema de residencias e colexios maiores, temos que tentar ampliar o número de prazas, por exemplo a través da reforma do Colexio Maior San Clemente. Despois, propuxemos aos concellos a posta en marcha de programas de convivencia interxeracional que teñen moitas outras universidades, coa convivencia entre estudantes e persoas maiores ou en fogares monomarentais e monoparentais. Despois, hai programas máis ambiciosos, coma o programa de convivencia comunitaria, como por exemplo a que funciona en Sevilla da man da Universidade Pablo de Olavide.
"Eu fun moi crítica con como se levou todo este proceso [o pacto para os estudos de Medicina] e iso está na miña hemeroteca. Pero neste momento hai un acordo institucional que como universidade cumpriremos e velaremos por que se cumpra con todas as garantías"
Outro dos retos para os vindeiros anos é o relevo xeracional que vai ter que afrontar unha parte significativa do PDI e, ao tempo, a necesidade de estabilización da mocidade investigadora que, en moitos casos, segue a ter contratos e condicións precarias ou tivo que marchar fóra. Como vai enfrontar a USC estas dúas cuestións?
Si, o relevo xeracional vai ser clave, pero ollo, non só no PDI [Persoal Docente e Investigador] senón tamén no PTXAS [Persoal Técnico de Xestión, Administración e Servizos], de feito no PTXAS un terzo das persoas que comezan traballando este mandato non o van rematar. Aquí é necesario ter planificación e hai que ter en conta que en moitas áreas o mercado de traballo é na actualidade moito máis atractivo que a universidade en termos salariais e tamén de estabilización. O que propoñemos son medidas de acompañamento no desenvolvemento da carreira para as persoas que entran a traballar connosco.
Hai uns meses chegouse finalmente a un acordo sobre os estudos de Medicina. Como valoras este acordo? Que posición vai manter a USC a partir de agora nesta cuestión?
Eu fun moi crítica con como se levou todo este proceso e iso está na miña hemeroteca. Pero neste momento hai un acordo institucional que como universidade cumpriremos e velaremos por que se cumpra con todas as garantías. A min unha das cuestións que máis me preocupa son as garantías que nós lle podemos dar ao noso estudantado e ao noso persoal, de xeito que teñan os mesmos dereitos e os mesmos deberes en calquera das sedes ás que acudan a formarse. É un proceso complexo pero nós temos a obriga de sacar adiante este convenio.
"A IA vai ter un impacto importante para o que nos temos que preparar todos, tanto profesorado coma estudantado. E aí para nós o gran reto é que sexamos unha institución pioneira na implantación dunha IA ética e responsable"
Como deben cambian os plans de estudo para adaptarse ao novo escenario no que a Intelixencia Artificial ten cada vez unha maior presenza?
No que é a parte formativa evidentemente a IA vai ter un impacto importante para o que nos temos que preparar todos, tanto profesorado coma estudantado para que vaiamos integrando esta nova tecnoloxía dentro da nosa maneira de facer. E aí para nós o gran reto é que sexamos unha institución pioneira na implantación dunha IA ética e responsable. A IA é unha das meirandes transformacións e a universidade por suposto non pode quedar á marxe. A IA vai ter un impacto na formación, por suposto, pero tamén vai ter un impacto, esperemos que positivo, dentro das maneiras de facer da universidade. Temos que repensar o que facemos e non só poñerlle por riba unha capa tecnolóxica, porque temos que ser consciente de que os nosos procesos se van levar a cabo nun espazo nativo dixital.
"É fundamental o apoio que poidamos dar dende a universidade, tanto para as persoas que xa damos as aulas en galego coma sobre todo para as persoas que se incorporan agora a dar clases, aproveitando este momento de necesario relevo xeracional"
Nos últimos anos estamos a ver datos que amosan un aumento sostido do uso do galego nas aulas da USC. De que forma se pode potenciar isto e impulsar máis o uso?
Si, os últimos datos dinnos que estamos ao redor do 30%, pero con grandes diferenzas entre centros e cunha gran marxe de mellora sobre todo no ámbito das Ciencias da Saúde. No programa contemplamos dous tipos de medidas. Por unha banda as medidas de dinamización do uso do galego e aí tentaremos botar man das medidas que o Consello da Cultura Galega sinala no seu informe Un país e a súa lingua, que identifican moitas medidas exitosas dentro das universidades. Temos moito que facer a nivel interno para que o galego sexa unha lingua de uso habitual e prestixiado en toda a nosa actividade.
No campo da docencia é certo que houbo avances nos últimos ano e pensamos que agora cómpre realizar actuacións específicas sobre todo nos centros e títulos onde hai máis marxe de mellora. Aí penso que o fundamental é o acompañamento e o apoio que poidamos dar dende a universidade, tanto para as persoas que xa damos as aulas en galego coma sobre todo para as persoas que se incorporan agora a dar clases, aproveitando este momento de necesario relevo xeracional. Persoas que en moitos casos se formaron en castelán e ás que penso que é importante axudarlles a dar ese salto ao galego.
"As propostas en conciliación son fundamentais e é imprescindible incidir en medidas que desenvolvemento de carreiras profesionais que teñan en conta o impacto que ten a maternidade"
Nos últimos días destacouse moito o feito de que es a primeira muller reitora nos 500 anos de historia da USC. Pero que vai cambiar para as mulleres e para as políticas de igualdade no teu mandato? Vai haber medidas específicas, por exemplo, para o fomento da conciliación e para que as mulleres non se vexan penalizadas pola maternidade?
Non podemos ser unha institución que persegue a igualdade de maneira crible cando resulta que o noso plan de igualdade leva sen actualizar dende decembro de 2024. Se non temos uns obxectivos claros dificilmente imos poder implantar medidas. As propostas en conciliación son fundamentais e é imprescindible incidir en medidas que desenvolvemento de carreiras profesionais que teñan en conta o impacto que ten a maternidade. En 2023 na USC fíxose un estudo sobre a fenda salarial entre mulleres e homes. Podíase pensar que nunha administración pública non hai fenda e si que a hai. E ademais a primeira apertura desa fenda coincide precisamente coa etapa da maternidade: as mulleres que son nais imos neses primeiros anos a menos congresos, temos unha menor produción científica, asumimos menos cargos de responsabilidade e aí vaise acumulando unha perda de competitividade nos nosos currículos que ao final se traduce en complementos salariais, abríndose unha fenda importante. Xa outras universidades aplicaron medidas como unha redución da carga docente despois da maternidade para poder poñerse ao día en tarefas investigadoras.
O feito de que unha muller sexa por primeira vez reitora é un fito para a universidade, é unha conquista social pero tanto eu coma o meu equipo somos conscientes de que as mulleres en postos de responsabilidade seguimos sendo ante todo mulleres e sufrimos mecanismos de expulsión. Non sei se nos últimos anos aos candidatos a reitor varóns se lles preguntou polas súas circunstancias familiares, pero no meu caso foi unha pregunta recorrente, unha constante.
"Xa estamos en contacto co reitor e con todo o seu equipo para poder ir facendo o traspaso e pechar os procesos que están abertos. Está sendo moi doado e estamos colaborando todos para evitar que a universidade se pare"
Hai data para a toma de posesión? E para o nomeamento do novo xerente [uan Díaz Villoslada], que debe pasar polo Consello Social?
O 23 de marzo é a proclamación definitiva, e despois a toma de posesión será a comezos de abril pero aínda non podemos confirmar a data. En canto ao nomeamento do novo xerente, a nosa idea é convocar canto antes o Consello Social para poder trasladar a proposta da Xerencia e poder traballar todo o novo equipo dende xa. Quero destacar que xa estamos en contacto co reitor e con todo o seu equipo para poder ir facendo o traspaso e pechar os procesos que están abertos. Está sendo moi doado e estamos colaborando todos para evitar que a universidade se pare.
"Temos que recuperar esa vida comunitaria da universidade, incidir en que formar parte da universidade non é só vir dar unhas aulas, vir estudar ou realizar unha tarefa de xestión"
Unha derradeira pregunta, máis xenérica sobre o que debería ser a universidade. Son numerosas as voces que alertan dunha perda de vida universitaria, que deixa de ser un espazo de formación global, unha comunidade, para ser un elemento máis utilitario, de adquisición duns coñecemenos específicos e de consecución dun título. Estás de acordo? É algo negativo?
Durante toda a campaña fixemos bastante fincapé na idea de crear comunidade. Creo que temos que recuperar esa vida comunitaria da universidade, incidir en que formar parte da universidade non é só vir dar unhas aulas, vir estudar ou realizar unha tarefa de xestión. Nós queremos impulsar todo o labor social e tamén a actividade cultural, que pode ser un punto de encontro entre todos os membros da comunidade. A cultura pode ser ese espazo no que estamos todas e todos. Temos que traballar para incrementar a participación na toma de decisións e a contribución a un proxecto de universidade no que temos que estar todas e todos. Temos que recuperar esa noción de comunidade e o sentido de pertenza.