Pacto de Medicina: a inclusión das demandas da facultade no aval da USC mantén a desconfianza

Consello de Goberno da USC que avalou o acordo para a descentralización de Medicina CC-BY-SA USC

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago (USC) aprobou este venres, en sesión extraordinaria, o convenio entre a Xunta e as tres universidades públicas galegas para a descentralización da docencia en Medicina. Fíxoo logo de que facultade santiaguesa recuase este xoves e dese o visto e prace a un acordo que rexeitara só unhas semanas antes. 

O Consello de Goberno da USC aprobou a un tempo o acordo entre Xunta e universidades e a "folla de ruta" aprobada pola Xunta de Facultade de Medicina

A USC aprobou por fin o acordo pero tamén a "folla de ruta" aprobada pola Xunta de Facultade de Medicina na que se achegan, como aclara a universidade, "as consideracións" realizadas pola Facultade —"e coñecidas polas consellarías e universidades"— nas que demandan modificacións no convenio pechado entre a Xunta e os tres reitores. 

Así, o Consello de Goberno aproba "ao tempo" o convenio pero tamén o texto da Xunta de Facultade, unha decisión que fai que o debate calme pero non remate de todo, xa que tanto a Universidade da Coruña (UDC) como a de Vigo (UVigo) xa advertiran de que o seu aval á descentralización pactada só sería posible se se respectaba o convenio asinado.  

Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC CC-BY-SA Santi Alvite

O reitor da USC, Antonio López, no entanto, asegura que xa houbo conversas co resto de asinantes do acordo para incorporar á comisión de seguimento as peticións da facultade. "Non teño ningunha dúbida en resaltar que esas demandas imos podelas levar a cabo", dixo este venres.

Porque o acordo aprobado este pasado xoves pola Xunta de Facultade de Medicina —e que foi avalado este venres polo Consello de Goberno da USC— aclara que presta "a súa conformidade" co convenio pactado pola Xunta e as tres universidades públicas pero "sempre que se leven a cabo as accións contempladas" nese mesmo texto para "dar cabida á meirande parte" das súas propostas. 

En definitiva, a Facultade de Medicina acepta o pacto de Administración e universidades sempre que o poida ir modificando nas comisións de seguimento, unha proposta que para nada convence na UDC nin na UVigo, que xa aclararon que non aceptarían remendos nin modificacións e que agardaban que a UDC se limitase a dicir definitivamente si ou non ao convenio pactado. 

O documento da facultade, apoiado pola USC, avala a descentralización "sempre que leven a cabo" as súas achegas a través da comisión de seguimento

Fontes da UDC, de feito, xa advirten de que non lles chista o acordo proposto pola Facultade de Medicina no que ten que ver coas unidades docentes, que á cerna do conflito. "Non nos fiamos", engaden. De aí que alerten tamén sobre a posibilidade dun novo incumprimento da descentralización da docencia, como durante a última década denunciaron desde A Coruña e desde a universidade viguesa, que convocou para o vindeiro martes un Consello de Goberno extraordinario para someter a votación o convenio. 

Nun comunicado de prensa, horas despois do aval da USC, a UDC considera "positiva" a adhesión da universidade compostelá ao acordo pero aclara que a comisión de seguimento do convenio "ten estipuladas unhas funcións" entre as que non están as de "aplicar modificacións substanciais do texto, como poderían ser as porcentaxes de profesorado ou a a autonomía das unidades docentes, entre outros aspectos", en referencia, precisamente, ás exixencias da facultade. 

Os conselleiros de Educación e Sanidade e os reitores das tres universidades, na reunión do Consello de Docencia Clínica CC-BY-SA Xunta

Porque o documento da Xunta de Facultade prevé pedir cambios xa desde a primeira reunión de seguimento, na que instan a a que se convide a participar a unha representación do estudantado. Reclaman tamén que nesa primeira xuntanza se acorde que nas reunións cuadrimestrais para analizar o proceso de descentralización se poidan "alterar os pasos previstos" para levala a cabo, aínda que respectando o curso 2028-29 como data para que se complete. 

O documento da facultade advirte da "dependencia" das unidades docentes da USC, pide poder non cumprir coas porcentaxes de alumnado acordado ou incorporar o estudantado ao seguimento

A Facultade de Medicina pretende tamén que se dea maior capacidade de elección ao alumnado que xa está agora matriculado e que a asignación ás unidades docentes se faga "atendendo ás súas preferencias, aínda que non se acaden as porcentaxes contempladas" no convenio. Nel especifícase que en cada unha destas unidades docentes do CHUAC e do CHUVI "admitirase o 25% do estudantado matriculado no grao de Medicina no curso descentralizado que corresponda" e que "o resto do estudantado dese curso seguirá os seus estudos na unidade docente do CHUS". 

A Xunta de Facultade de Medicina, na proposta aprobada, exixe tamén a aprobación de memorias sobre o persoal, o impacto ou as infraestruturas necesarias e tamén que se aprobe unha "regulación das unidades docentes" cuxas peticións non semellan aceptables pola UDC e a UVigo. 

Nesta regulación, o texto reclama que se contemple a "dependencia" destas unidades docentes do CHUAC e do CHUVI "da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, que conservará a responsabilidade exclusiva sobre o deseño curricular, o control de calidade, a supervisión dos contidos, a coordinación docente e a avaliación académica de todo o estudantado do grao contando cos departamentos". 

A UDC aclara que entre as funcións da comisión de seguimento non están as "modificacións substanciais do texto", como "as porcentaxes de profesorado ou a a autonomía das unidades docentes"

Tamén indica que os departamentos da USC serán os que coordinen para que os "criterios" de docencia, avaliación e exames "resulten cando menos similares para a mesma materia con independencia da unidade na que se imparta" e que o profesorado de todas as universidades deberá acatalos. 

O convenio asinado por Xunta e universidades aclara que as unidades docentes "organizarán as ensinanzas e realizarán a coordinación cos correspondentes departamentos implicados na docencia para garantir que os criterios de ensinanza e avaliación sexan semellantes en todos os casos". 

Clase práctica de estudantado de Medicina da USC © Santi Alvite

Por último, a Facultade de Medicina tamén pide "mecanismos" que permitan o alumnado que curse materias nas unidades descentralizadas poida "superar as materias pendentes, particularmente as de aqueles cursos non descentralizados, contemplando a posibilidade de exención de docencia para estes casos".

A facultade reclama un réxime especial transitorio para o alumno xa matriculado no momento da sinatura do acordo

No seu comunicado, a UDC lembra que entre as funcións "estipuladas" da comisión de seguimento do pacto están "a avaliación da execución do convenio, tal e como contempla o propio acordo, e a proposta de fórmulas organizativas que permitan o desenvolvemento real da descentralización". "Poderanse abordar aspectos como os criterios para a distribución do alumnado nas diferentes unidades docentes, a necesidade de recursos, pero non ten establecidas competencias para aplicar modificacións substanciais do texto do convenio, como poderían ser as porcentaxes de profesorado ou a autonomía das unidades docentes, entre outros aspectos", asegura. 

Logo da votación que deu o aval do Consello de Goberno da USC ao convenio de descentralización, o reitor da universidade, Antonio López, agradeceu a "altura de miras e responsabilidade" da Xunta de Facultade de Medicina e asegurou que o pacto supón, "sen dúbida, o primeiro paso para facer da Facultade de Medicina da USC a Facultade de Medicina de Galicia”. 

Pola súa banda, as consellerías de Sanidade e Educación emitiron un comunicado no que celebran que a USC resolvese as súas "discrepancias internas". Desde a Xunta deféndese a descentralización como a "fórmula idónea" para dar a "mellor formación" aos futuros médicos e "aproveitar as potencialidades" do sistema en Santiago, Vigo e A Coruña. 

Agora, se a UVigo avala, como parece, o vindeiro martes o pacto, a posta en marcha do proceso e a constitución da comisión para levalo a cabo tería lugar dentro dun mes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.