Medicina dá marcha atrás e acepta finalmente o acordo de descentralización do grao asinado por Xunta e as tres universidades públicas a finais de novembro. Pouco despois de ratificaren aquel pacto, a Xunta de Facultade rexeitárao por "inapropiado" e pedira unha revisión "substancial" para recibir o seu aval. Aquela negativa reactivara de novo a petición de grao propio tanto por parte da Universidade da Coruña como da de Vigo, entre chamadas e mesmo ameazas do Goberno galego, que advertiu que nin os fondos nin o número de alumnado mudaría.
A Xunta de Facultade dá marcha atrás e aproba o acordo de descentralización con 64 votos a favor, 21 en contra e catro en branco
Agora, e logo de semanas de negociacións, Medicina recúa e a Xunta de Facultade, logo de horas de debate e tras unha votación en urna, deu este xoves o visto e prace á descentralización con 64 votos a favor, 21 en contra e catro en branco. Agora, xa este venres, nun Consello de Goberno extraordinario, a USC deberá ratificar o acordo logo de que o pasado 28 de novembro, e malia estar na orde do día, este punto non se chegase a votar.
O aval da universidade compostelá ao acordo supón, en teoría, pór fin por un tempo ao conflito. O acordo implica que, polo menos ata 2029, a de Santiago será sendo a única facultade de Medicina de Galicia, aínda que a partir de agora todo o estudantado de segundo ciclo recibirá tanto docencia teórica como práctica na Coruña e Vigo.
O Consello de Goberno da USC debe ratificar este venres o acordo logo de que o pasado 28 de novembro non se votase malia estar na orde do día
Así, o acordo supón a creación de dúas unidades docentes na Coruña e Vigo, con cadanseus cen estudantes, mentres que 200 quedarán en Santiago. Suporá tamén a creación de 40 prazas de profesorado adicionais máis.
Pero o debate parece non rematar nunca. Neste mesmo xoves, o Concello de Santiago aprobou unha declaración institucional "en defensa dos estudos universitarios de Medicina na USC". De forma unánime, o pleno da corporación municipal aprobou un texto no que apoia a facultade compostelá “como referente docente e investigador no ámbito biosanitario” e rexeita novos graos no país.
O Concello de Santiago aproba unha declaración institucional na que pide o "compromiso explícito das institucións" para "pechar o camiño a actuacións unilaterais de creación de novas titulacións"
No documento, o Concello advirte de que a descentralización "require dunha actuación consensuada para evitar as dificultades na organización docente, as desigualdades no acceso á formación práctica e poñer en risco o prestixio acadado ao longo de décadas". Ademais, asegura que estas decisións" inciden directamente nos dereitos do estudantado, que debe contar con seguridade xurídica, voluntariedade na mobilidade e igualdade de condicións na avaliación e no seguimento académico".
O Concello vai máis aló e avoga claramente por unha única facultade, pedindo un "compromiso explícito de todas as institucións para pechar o camiño a actuacións unilaterais de creación de novas titulacións ou estruturas docentes no seo do Sistema Universitario de Galicia, garantindo estabilidade, seguridade xurídica e respecto ao marco pactado"
Así, o Concello manifesta o apoio á USC e á facultade e insta a todas as institucións a que "non adopten decisións unilaterais que afecten a organización e calidade dos estudos de Medicina". Tamén di apoiar os traballos da mesa de negociación entre Xunta e as universidades e que se garantan "os dereitos do estudantado, asegurando a voluntariedade da mobilidade, a igualdade de condicións académicas e solucións para situacións transitorias".
Ademais, Santiago demanda "un compromiso a todas as institucións de que calquera acordo coa USC pechará o camiño a actuacións unilaterais de creación de novas titulacións ou estruturas docentes no Sistema Universitario de Galicia, xunto cun financiamento suficiente que preserve a calidade e o prestixio dos estudos de Medicina". Tamén reivindica o "papel estratéxico de Compostela como cidade universitaria e sanitaria de referencia".