O uso do galego nas aulas da USC medra ao seu máximo na última década

Evolución da porcentaxe de uso do galego na docencia na USC sobre unha imaxe dunha clase na Facultade de Filosofía © USC

A porcentaxe de emprego do galego supera o 25%, consolidando unha lenta pero constante tendencia de aumento dende os datos do curso 2015-16 (21%)

En tempos de devalo para o galego, especialmente entre a mocidade, hai tamén de cando en cando boas novas e gromos verdes para o idioma. A Universidade de Santiago deu a coñecer esta semana os datos de uso das distintas linguas na docencia, uns indicadores que amosan que o emprego do galego subiu neste curso ata o 25,4%, a porcentaxe máis elevada na última década.

O informe O galego na docencia: datos de uso, que elabora o Servizo de Normalización Lingüística, amosa un incremento do galego neste curso do 23,9% ao 25,4%, consolidando unha lenta pero constante tendencia de aumento dende os datos do curso 2015-16 (21%). En paralelo, o uso do castelán -lingua predominante na universidade- descendeu do 75% ao 70% na última década, mentres que o do inglés se mantivo en niveis residuais, próximo ao 2%.

O galego rolda o 100% en Xeografía, Educación Social e en Pedagoxía e acada porcentaxes maioritarias en Xornalismo, Filosofía, Ciencias Políticas e Economía 

O uso do galego é maior no campus de Lugo (36,5%) que no de Santiago (23,3%) e tamén aumenta nos másteres (37,9%), cunha porcentaxe moi superior aos graos (24,2%).

O uso do galego nos graos, iso si, sitúase no seu mellor nivel dende o curso 2011-12 (25,4%), despois de caer mesmo por debaixo do 20% nos cursos 2015-16 e 2017-18. Iso si, no curso 2009-10 o galego chegara a acadar o 32,76% das horas de docencia impartidas.

Pola contra, o galego practicamente non aparece na docencia de Medicina (1%), Enfermaría (en Santiago), Historia da Arte (10%) ou Farmacia (10%). E ten igualmente datos por debaixo da media en Dereito (19%), Óptica (19%) ou Química (12%)

O galego é máis empregado nas áreas de Ciencias Sociais (49,8%), Artes e Humanidades (34%) e Enxeñaría (33,2%). En cambio, o uso do galego é moi reducido en Ciencias da Saúde (6,8%).

O galego chega ao 100% das horas impartidas en Filoloxía galega (obviamente), pero tamén rolda esa porcentaxe en Xeografía, Educación Social e en Pedagoxía (o 99%). Acada igualmente porcentaxes maioritarias en Xornalismo (86%), en Filosofía e en Ciencias Políticas (66% e 65%) e tamén en Economía (53%). Mantense igualmente preto do 50% en Historia (46%) e rexistra porcentaxes significativas en Matemáticas (36%) ou Física (34%).

Unha clase do grao de Administración e Dirección de Empresas na USC © USC

O profesorado asociado de ciencias da saúde imparte case a cuarta parte da docencia da USC (case exclusivamente docencia clínica), e dela só o 1% está en galego. Sen os seus datos, a porcentaxe total subiría ata o 33%

Pola contra, o galego practicamente non aparece na docencia de Medicina (1%), Enfermaría (en Santiago), Historia da Arte (10%) ou Farmacia (10%). E ten igualmente datos por debaixo da media en Dereito (19%), Óptica (19%) ou Química (12%).

O informe do Servizo de Normalización destaca os datos dalgunhas facultades, coma Ciencias da Educación, Humanidades, Bioloxía ou Ciencias, nas que "o galego vai paseniño gañando terreo na docencia". Así mesmo, apunta que facultades como Física, Matemáticas, Dereito ou Veterinaria "parecen atoparse nunha fase de estancamento, despois dalgúns anos de tendencia ascendente".

A informe alerta de que que na área de Ciencias da saúde a docencia en galego "ten unha presenza case equiparable á dunha lingua estranxeira"

No informe chámase finalmente a atención sobre un dato que introduce unha distorsión na estatística xeral. O profesorado asociado de ciencias da saúde imparte case a cuarta parte da docencia da USC (case exclusivamente docencia clínica), e dela só o 1% está en galego. O SNL destaca que a súa influencia nos datos totais "é tal que se os retirásemos das análises a porcentaxe de docencia en galego subiría ata o 33%".

Neste senso, o informe apunta que na área de Ciencias da saúde a docencia en galego "ten unha presenza case equiparable á dunha lingua estranxeira", polo que insta a levar a cabo "actuacións ambiciosas e decididas nelas para intentar mudar esa realidade e conseguir achegar as cifras que hoxe presentan á media da institución da que forman parte". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.