Tres graos da Universidade de Vigo terán o 80% das súas clases en galego o vindeiro curso

Fachada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, en Pontevedra © Uvigo

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou este mércores a posta en marcha no vindeiro curso de tres itinerarios co 80% dos créditos en galego nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, que se imparten en Ourense, e no Grao en Comunicación Audiovisual, que se imparte en Pontevedra. Así, estas tres carreiras impartiranse maioritariamente en galego, se así o aproba a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que se reúne este mes.

O 51% do profesorado e o 47% do alumnado considera "insuficiente" o actual uso do galego na docencia

O reitor da UVigo, Antonio Reigosa, explicou que con esta iniciativa se pretende que a Xunta invista a partida contemplada no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 destinada á promoción de titulacións en galego. “O noso acordo é que unha parte a pagará a Xunta e outra será con cargo aos nosos orzamentos”, dixo o reitor, que cualificou de "moi boa nova" a proposta.

Un Estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na Universidade de Vigo, publicado o pasado ano, sinalaba que o 95% do estudantado manifestaba non ter dificultades para ler e entender oralmente o galego, unha porcentaxe que descendía á hora de escribilo ou de falalo, cun 10% de persoas que dicían ter "moitas dificultades" para expresarse nesta lingua. O mesmo estudo amosaba que o 23,8% dos profesores e profesoras dicían usar "sempre" o galego nas clases e outro 16% afirmaba empregalo "maioritariamente".

Aquel traballo tamén indicaba que o 51% dos e das docentes consideraba "insuficiente" o uso do galego na universidade. Ademais, unha ampla maioría (83%) considerábase capacitada para impartir as clases en galego, mais só o 46% declarábase disposto a facelo, mentres que un 20% se declaraba totalmente contrario. De igual xeito, o 47% dos e das estudantes cría que o galego debía usarse máis nas clases.

Xuntanza do Consello de Goberno da Universidade de Vigo © Uvigo

Un 21% de uso do galego na USC

Na USC o 21% das aulas impártense en galego e catro graos superan o 80%

A Universidade de Santiago publica anualmente datos de uso do galego nas súas aulas. No curso 2018-19 a porcentaxe media de uso nos graos sitúase no 21%, fronte a un 75% do castelán e un 2% do inglés, un dato que nos experimentou grandes cambios nos últimos anos, pero que é claramente inferior ao que se daba entre os anos 2009 e 2013.

Como curiosidade, na USC tan só catro graos superan ese 80% de aulas en galego que a Universidade de Vigo propón para tres titulacións. Trátase de Lingua e Literatura galegas, Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Educación Social. Outras nove carreiras (Paisaxe, Filosofía, Xeografía, Pedagoxía e cinco graos de Mestre de Educación Infantil e Primaria) superan o 50%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.