Menos do 25% das horas de clase que se imparten na USC son en galego

Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago © USC

Menos dunha de cada catro horas de clase da Universidade de Santiago de Compostela (USC) se imparte en lingua galega neste curso 2013-14, segundo os datos do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da institución. O castelán é o idioma empregado no 74% das horas de clase, mentres que o galego vehicula tan só o 23%. O inglés ocupa 1,6% e francés, portugués, italiano e alemán repartiríanse o restante 1,1% do horario docente.

Así o destaca o informe do SNL sobre o uso das linguas na USC e que foi publicado tamén n'O Cartafol, o boletín dixital do servizo, que leva unha década recollendo datos estatísticos sobre os idiomas na Universidade.

"Os usos lingüísticos docentes son extraordinariamente resistentes ao cambio", advirte o SNL da USC

"Os usos lingüísticos docentes son extraordinariamente resistentes ao cambio, e nin o galego, lingua propia da USC, nin outros idiomas con maior prestixio e proxección, como o inglés -beneficiado por un discurso case unánime sobre a súa utilidade e necesidade no ámbito universitario- se ven amparados na práctica docente", expresa o SNL, que aclara que os datos saen da información sobre as planificacións doentes consignada polos departamentos en XesCampus e refírense a máis de 461.000 horas de clase correspondentes a toda a docencia, incluídos mestrados.

Desde o SNL destácase tamén que a distribución dos idiomas non é nin moito menos homoxénea, xa que a primeira liña de ruptura da uniformidade constitúena a tipoloxía de titulacións. Os datos dos 48 graos, coas súas case 340.000 horas de docencia, ofrecen cifras moi representativas dos usos lingüísticos docentes en xeral na USC, xa que a diferenza é mínima respecto aos números xerais. O castelán sobe aínda máis, ata o 74,6%, mentres que o galego descende ao 21,9% e o inglés queda nun 1,7%.

As titulacións que menos usan o galego son "pesos pesados" como Medicina, Odontoloxía, Farmacia ou Enfermería

O grao en Lingua e Literatura Inglesa é, precisamente, o único que "ignora oficialmente o uso do galego", mentres que as titulacións que menos utilizan a lingua propia sitúanse "pesos pesados" como Medicina, Odontoloxía, Farmacia ou Enfermería, o que, segundo o SNL, "perpetúa a distancia entre as ciencias da saúde e o galego".

Pola contra, nove titulacións imparten máis da metade da súa docencia en galego. Trátase de graos de Humanidades e Ciencias Xurídico-Sociais, e, tras Filoloxía Galega, sobrancean os casos de Pedagoxía e Educación Social, co 75,64% das súas aulas galeguizadas.

As titulacións de Humanidades ou xurídico-sociais son as que máis se decantan pola lingua propia, fronte ás ciencias

Por outra banda, as 25 diplomaturas e licenciaturas que aínda presentan docencia son xa moito menos representativas dos usos lingüísticos. Delas derivan tan só 75.820  horas de clases e, ademais, trátase xxa dos últimos cursos destas titulacións, onde tradicionalmente se acubillan as optativas.

Entre as catro titulacións que non contan con ningunha hora de clase en galego atópanse dúas con tantas consecuencias como as especialidades de música e infantil nas titulacións de mestre, ademais de Farmacia e Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica. E con pouco máis do 0% figuran titulacións tan importantes polo número de alumnos e de horas como Medicina ou Odontoloxía, que seguen impartindo toda a docencia correspondente aos cursos 4º, 5º e 6º (no caso de Medicina).

Pero, curiosamente, son os mestrados ou máster as titulacións nas que, en conxunto, máis se utiliza o galego, que chega ao 31% das horas de docencia, fronte ao 66,4% do castelán e o 1,8% do inglés. O SNL destaca que un elemento que contribúe ao favorable dato para o idioma propio é o peso que nas case 47.000 horas destes cursos representan as 5.500 dos dous mestrados oficiais en Formación de Profesorado (11,6%), unha titulación cuxo uso do galego é do 59,59% na titulación luguesa e do 60,72% na compostelá.

Os mestrados son as titulacións onde, en conxunto, máis se emprega o galego na USC

Tamén destaca o informe que en trece mestrados dos 83 que se están a impartir, no primeiro ou no segundo ano de docencia, "non se utiliza o galego para nada". En 21 máis do 25% e en 17, máis do 50%. O mestrado máis galeguizado é o Máster en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, co 90,55% das súas aulas impartidas en galego. "De novo as titulacións de áreas de ciencias da saúde e ciencias experimentais son as que menos utilizan o galego, mentres que as máis galeguizadas corresponden a mestrados de humanidades e ciencias xurídico-sociais", insiste.

Ademais, só tres máster que non estean dalgún xeito relacionados coas linguas,  son os que contan con aulas impartidas en inglés: Enxeñaría Química e Bioprocesos (5,19%), Enxeñaría Ambiental (9,45%) e Servizos Culturais (6,25%), o mestrado máis plurilingüe de todos, pois se imparte en cinco idiomas.

Usos lingüísticos nos máster da USC 2013-14 © O Cartafol
Usos lingüísticos na docencia 2013-14 © O Cartafol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.